PLAN PROXECTA+

 

A pegada da chuvia no refraneiro galego é inmensa. A sabiduría popular deixounos frases como "En abril, augas mil" ou "Cando chove e vai sol, anda o demo por Ferrol".

Neste reto, tedes que recompilar ditos populares sobre a chuvia, a neve, a sarabia, o arco da vella ou o tempo meteorolóxico en xeral.

Para compartilos, usade o novo Padlet. Non é necesario engadir ningunha imaxe, soamente escribir a vosa frase no espazo do "asunto" e enviar.

E lembrade tamén que o reto fotográfico do arco da vella segue activo todo o curso.

Este curso 2022-2023 tamén participamos no Plan Proxecta+.

O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

O programa abarca diversas temáticas vencelladas aos mencionados obxectivos. O CEIP Francisco López Estrada participará na modalidade "Proxecto Ríos" co noso "Proxecto Río Sor: Unha ponte á natureza".

Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental promovida por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, impulsado e coordinado por ADEGA, que pretende involucrar á cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Mediante a proposta de desenvolvemento por equipos interdisciplinarios nos centros educativos galegos do proxecto “Adopta un río” preténdese desenvolver os valores relacionados coa conciencia de respecto e protección do medio ambiente. A través de charlas e saídas formativas proporcionaranse as ferramentas básicas que garantan a participación activa e colaborativa do alumnado. Os centros de ensino poden traballar esta iniciativa dentro dos distintos departamentos (elaboración de roteiros, deseño de blogs, limpezas de ríos, elaboración de material multimedia etc.) e incluílo no seu proxecto educativo e na súa programación xeral anual.

 

Un dos fenómenos meteorolóxicos máis interesantes é o arco iris ou arco da vella.

Unha ponte entre o reino dos deuses e o dos homes, un camiño que conduce a un gran tesouro, o encargado de transmitir as mensaxes do ceo... Son moitos os significados que, en forma de lendas, mitos e contos populares, se lle teñen atribuído ao arco iris. 

 

 

A realidade é que se trata dun fenómeno óptico de grande espectacularidade. Cando os raios solares atravesan as pingas de chuvia, a luz descomponse en cores, cambia a súa dirección e sae da gota cun ángulo de aproximadamente 138º con respecto á súa dirección orixinal. Por causa disto, só vemos o arco da vella se estamos de costas ao Sol.

Raramente o apreciamos ao mediodía, mais si pode aparecer pola noite. Neste caso, o que se reflicte é a luz lunar sobre a choiva nocturna.

O arco da vella non ten final porque simplemente é luz, mesmo podemos facer que desapareza se poñemos unhas gafas especiais.

 

RETO:

Nestes días outonais de chuvia estanse a contemplar moitos arcos da vella, así que o reto consiste en fotografar todos os que poidades e subilos ao noso Padlet. 

Podedes pedir axuda aos adultos da casa para tomar as fotos, pois é un "reto en familia".

Instrucións:

- Toma unha foto do arco iris.

- Entra no noso Padlet.

- Segue os pasos que se indican nas imaxes para subir a túa foto.

    

 

- Logo escribe o nome do lugar onde foi tomada, a data e o teu nome (podes usar o espazo do asunto, descrición, etc).

- Finalmente, dalle a "publicar".

 

IMPORTANTE!

Regras:

- Non se admiten fotos antigas, soamente fotos tomadas este curso.

- Moi importante respectar os dereitos de autor. Só se permiten fotos tomadas por vós ou as vosas familias. 

- Non poden aparecer persoas identificables na imaxe.

 

ACTUALIZACIÓN AGOSTO 2023: VÍDEO COAS IMAXES RECOMPILADAS

 

Queridas nenas e nenos:

A mascota da nosa biblio, o cempés Chip, quere lanzarvos algúns retos este curso. Estades preparados/as para o primeiro?

Facede click na imaxe e descubride de que se trata!

 

Distribuir contido