Responder ó comentario

O día 30 de outubro celebramos no CEIP Francisco López Estrada o Magosto. Ao longo da semana o alumnado foi traendo unhas cabazas moi orixinais e terroríficas que xuntamos nunha exposición. 

Ademais este ano as nenas e nenos viñeron disfrazados para a ocasión: sangue, feridas, cicatrices, caras pálidas... Destacou a gran variedade e orixinalidade dos disfraces. Algunhas mestras tamén trouxeron as súas mellores galas.

A primeira actividade da mañá foi protagonizada pola Bruxa Esdrúxula. Encargouse de recoller os medos que cada alumno previamente escribira nun papel e procedeu a queimalos. Medo ás matemáticas? Queimado! Medo ás verduras do comedor? Queimado! Medo a esquecerse dos deberes? Queimado!

A bruxa Esdrúxula encargouse de queimar os medos, iso si, nada de maxia, un simple chisqueiro acorde aos nosos tempos. 

Despois de queimar os medos relaxámonos un pouco co grupo Odaiko, que nos amenizou a xornada cunha serie de contos... aínda que moi relaxados non quedamos xa que eran auténticos contos de medo!

E pola tarde, mantendo a tradición, pasamos un bo intre cuns xogos populares variados e para todos os gustos. Os máis pequenos portáronse moi ben e pasárono estupendamente. 

Os máis maiores tomárono moi en serio e participaron dunha competición sa e deportiva. 

Os zancos sempre son un reto. Fixérono moi ben, demostraron unha gran habilidade e alegrámonos moito de que ningún nocello resultase prexudicado.

Tamén houbo momentos para descansar. Non todo vai ser emoción e aventuras, o corpo ademais necesita recuperarse, especialmente o dos máis pequenos.

As familias trouxeron unhas sobremesas deliciosas con produtos de tempada. Cada ano supéranse. Nin en MasterChef teñen tanto nivel!

As nenas e os nenos elixiron as súas sobremesas favoritas e probaron uns alimentos tradicionais que non só eran saudables senón tamén deliciosos.

A continuación tedes todas as imaxes da celebración na siguinte ligazón: magosto

Responder