Seguridade sanitaria

COVID: Volta segura ás aulas

 

Indicacións na web da Consellería para unha volta segura ás aulas:

 

 

 

Distancia de seguridade entre persoas

De forma xeral, manterase unha distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo.

En educación infantil e na educación primaria, a organización do alumnado establecerase, con carácter xeral, en grupos de convivencia estable, en cuxo ámbito non se aplicarán criterios de limitación de distancia. Debe garantirse a estanqueidade do grupo de convivencia estable en todas as actividades que se realicen dentro do centro educativo

 

Uso da máscara

O uso da máscara será obrigatorio a partir dos 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersoal, sen prexuízo das exencións previstas no ordenamento xurídico.

O alumnado (a partir do nivel de infantil) e o profesorado, así como o restante persoal, teñen a obriga de usar máscaras durante toda a xornada lectiva en todos os espazos do centro educativo, aínda que se cumpra coa distancia de seguridade.

 

Máscara de recambio

Será obriga do alumnado levar unha segunda máscara de recambio, así como un estoxo específico para gardala en caso necesario, como por exemplo no comedor.

 

Excepcións ao uso da máscara

A obrigación contida no apartado anterior non será esixible para as persoas que presenten algún tipo de enfermidade, dificultade, pola súa condición de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

A imposibilidade do uso da máscara deberá ser acreditada polo pediatra ou facultativo da persoa obrigada

 

Espazo e materiais escolares

Extremarase a orde no posto de traballo e nas mesas da aula, realizando a limpeza e desinfección establecidas nas medidas deste protocolo. Con anterioridade ao inicio do curso en cada unha das etapas educativas, realizarase unha limpeza e desinfección xeral do centro e do mobiliario.

 

Ventilación 

Deberá realizarse unha ventilación frecuente nas instalacións, e por espazo de polo menos 15 minutos ao inicio da xornada, durante os recreos e ao finalizar as clases, sempre se sexa posible entre clases, e coas medidas de prevención de accidentes necesarias.

 

Hixiene de mans

O lavado realizarase cando menos 5 veces ao longo da xornada, particularmente na entrada e saída ao centro, antes e despois do recreo, antes e despois de comer e sempre despois de ir ao aseo. A hixiene deberá facerse con auga e xabón, durante polo menos 40 segundos, ou con xel hidroalcohólico, durante polo menos 20 segundos, no seu defecto. Cando as mans estean visiblemente sucias debe utilizarse auga e xabón.

 

Recreos e tempos de lecer

Os equipos directivos establecerán o aforo posible de cada un dos posibles espazos que sexan susceptibles de utilizar como espazos de recreo, podendo incluír, de ser o caso ximnasios, pistas cubertas ou polideportivos.

Na medida do posible limitaranse espazos para que un grupo de 30 alumnos poida estar distanciado polo menos 1,5 metros, independizando espazos do mesmo aforo.

Unha vez calculado o aforo unha proposta de “horas de recreo” e “grupos en recreo” que permita minimizar concentracións elevadas de alumnado en corredores e escaleiras.

No período de recreo extremarase a vixilancia do alumnado, o equipo directivo poderá prohibir o uso de elementos comúns de xogo ou a utilización de obxectos e xoguetes que poidan ser compartidos.

  

Transporte

Poderán ser utilizadas todas a prazas coa obriga do emprego de máscara. Os/As acompañantes da empresa de transporte aos que lle corresponda a vixilancia do alumnado velarán por que todos os ocupantes do vehículo leven posta a máscara durante todo o traxecto e que cada usuario/a ocupe o seu asento en todo momento.

Asignaranse asentos fixos ao alumnado para todo o curso escolar para unha realizar unha mellor trazabilidade dos contactos., salvo que, en base á situación epidemiolóxica, as autoridades sanitarias determinen un uso máis restritivo do mesmo.

 

Medidas específicas para o alumnado de infantil

Recoméndase o inicio da xornada con accións nas que se traballen as normas de hixiene e a concienciación presentadas como algo lúdico. Debe terse en consideración que o uso do xel hidroalcohólico en idades temperás pode supor o risco de que metan inmediatamente os dedos na boca polo que no caso dos dispensadores non deben de ser accesibles sen supervisión.

Reducirase o traballo de mesa simultáneo de gran grupo e asignaranse mediante sinalética os espazos que poden utilizarse.

Para o xogo en recantos (ambientes) delimitarase e organizarase o seu uso de xeito individual. Aconséllase eliminar xoguetes ou obxectos que non sexan estritamente necesarios.

A merenda realizarase de xeito individual en grupos colaborativos e en espazos diferenciados. No caso de ser posible, no patio exterior, para garantir o distanciamento sempre que o tempo o permita.

Nos recreos débese reforzar a vixilancia, procurando evitar o contacto ou ben organizar distintas quendas. Os elementos de xogo como tobogáns non deberían empregarse, así como areeiros en grupo xa que provoca a xuntanza entre o alumnado. A organización dos recreos poderá limitarse a un solo grupo con alternancias horarias entre grupos, a criterio da dirección do centro.

Os obradoiros serán adaptados a grupos máis reducidos e procurando a desinfección do material (robótica, xogos...) despois de cada uso.

 

Medidas relativas ás familias e a ANPA

A realización de actividades extraescolares fóra da xornada lectiva dentro do recinto do centro educativo, sexan organizadas pola ANPA do centro ou polos concellos, está condicionada á aprobación dun protocolo. Asignaranse postos fixos ao alumnado para todo o curso escolar co obxectivo de mellorar de realizar unha mellor trazabilidade dos contactos.

Nos programas de madrugadores seguirase o protocolo ordinario co engadido das prevencións en materia de consumo de alimentos. No caso dos momentos de descanso deitados coa separación de polo menos 1,5 metros entre colchóns ou colchonetas, no caso de alumnado de educación primaria será obrigatorio o uso de mascara, e recoméndase o seu uso para o alumnado de educación infantil, sempre que exista boa tolerancia.

As actividades das ANPAs celebraranse preferentemente por medios telemáticos.

Os Consellos Escolares celebráranse preferentemente de xeito telemático.

Nas reunións de titoría e nas comunicacións por outros motivos coas familias priorizarase a comunicación por teléfono ou vídeo chamada. Porén cando a xuízo do titor/a ou da dirección do centro sexa preciso a titoría presencial realizarase esta coas debidas medidas de protección.

Utilizarase como mecanismo de comunicación xeral coas familias a páxina web do centro.

Recoméndase non realizar eventos ou celebracións con grande afluencia de persoas. No caso de ter que realizarse cumpriranse estritamente as medidas de prevención (usos obrigatorio de máscara) e aforo (50 por cento da capacidade) sempre que se permita manter a distancia de seguridade de 1,5 metros entre persoas.

Distribuir contido