Os cambios sociais e económicos experimentados nos últimos tempos comportaron, á súa vez, situacións novas nas familias, ás que, no eido dos recursos educativos complementarios, é imprescindible responder, a fin de non invalidar á súa finalidade orixinaria.
Entre estas novas situacións familiares, cada vez mais numerosas, atópanse as derivadas de incompatibilidades horarias na conciliación da vida laboral e familiar, así como custodias parentais compartidas, en casos de separacións matrimoniais e divorcios.
Co fin de abordar as problemáticas citadas e darlles a resposta administrativa axeitada, está habilitada na aplicación “transporte escolar” a posibilidade excepcional de asignar a un/ha mesmo/a alumno/a dúas paradas diferentes das distintas rutas de transporte escolar.
Porén, esta dobre asignación de paradas distintas a favor dun/ha mesmo/a alumno/a require a previa presentación, por parte das persoas que exercen a titoría e ostentan a garda e custodia do/a menor transportado/a, dunha xustificación axeitada das razóns que avalan a necesidade familiar aducida e conseguintemente, esixen a implementación da solución excepcional referida.
Así pois, para poder proceder á asignación de dúas paradas de transporte escolar diferentes a un/ha mesmo/a alumno/a, usuario/a do transporte escolar, é necesario que exista o seguinte:
- Petición formal e expresa, asinada polas persoas titoras do/a alumno/a transportado/a, que ostenten a súa garda e custodia.
- Xustificación acreditativa das situacións familiares e/ou laborais que requiren da asignación excepcional de dúas paradas distintas a un mesmo escolar (sentencia ou convenio regulador, atribuíndo a custodia e garda compartida aos pais, informe ou certificación empresarial ou administrativa acreditativa do horario laboral incompatible de ambas as dúas persoas titoras do menor ou dunha, no caso das familias monoparentais).
- Compromiso de utilización continuada, ao longo do curso escolar, das dúas paradas de transporte escolar asignadas, no sentido e do xeito fixado na aplicación de xestión, “transporte escolar”.
Unha vez avaliadas polo centro de ensino as peticións e as xustificacións presentadas, solicitará a conformidade da Xefatura Territorial para implementar a dobre asignación de paradas na aplicación “transporte escolar” comunicando, por último tal circunstancia ás familias e as empresas de transporte escolar, adxudicatarias dos servizos, a modificación operada na ruta ou rutas afectadas.
Santiago de Compostela,
O secretario xeral técnico
Jesús Oitavén Barcala