COVID19

Orientacións provisionais do 17 de abril para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/2020 (á espera da publicación da normativa estatal correspondente)

in

O pasado mércores, día 15 de abril, en reunión da Conferencia Sectorial de Educación, o Ministerio de Educación e Formación Profesional achegou ás Comunidades Autónomas un documento base para a publicación dunha norma que regule as directrices para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-2020 e o inicio do curso 2020-2021.

Ata o momento de publicar o presente documento, o Ministerio de Educación non ten aínda publicada norma algunha, tal como se lle ten requirido desde a Comunidade Autónoma de Galicia, que permita aplicar, con seguridade xurídica, a toma de decisións no actual contexto, en relación con aspectos regulados en normativa básica, tales como os criterios de promoción e titulación do alumnado.

A situación sanitaria continúa obrigando ao mantemento do estado de alarma e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, consciente da necesidade de xerar seguridade na comunidade educativa, traballa para que o dereito á educación, baseado nos principios de equidade e igualdade de oportunidades, siga vixente.

A Consellería de Educación tentará, sempre que a situación sanitaria o permita, que o noso alumnado poida volver ás aulas antes de que o curso 2019-20 se dea por rematado. Uns días que lles dean a oportunidade de volver a atoparse cos seus compañeiros e os seus docentes e recoñecer o labor destes na súa aprendizaxe.

Namentres, cada un desde as nosas responsabilidades, con lealdade e de forma coordinada, seguiremos traballando para saír xuntos desta pandemia, sen deixar a ninguén atrás.

En tanto non se publique a correspondente norma é oportuno adiantar como avance estas orientacións para os centros educativos para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-2020.

 

1. Principio fundamental

Todos os responsables das tarefas educativas, sexan docentes, equipos directivos ou membros das Administracións, extremarán o seu coidado para apoiar aos estudantes e ás súas familias, aos docentes e a todos os membros da comunidade educativa, así como para facer posible o desenvolvemento das súas tarefas respectivas en condicións que promovan o seu benestar. En consecuencia, todas as decisións da Administración educativa estarán suxeitas ás recomendacións sanitarias e velarán pola adopción das medidas recomendadas polos responsables de dita área.

 

2. Continuidade do calendario escolar

Durante o terceiro trimestre os centros docentes continuarán coa atención educativa ao alumnado, desenvolvendo actividades que permitan aos alumnos e alumnas manterse incorporados á aprendizaxe continua e suscitar o seu interese por aprender, de modo non presencial ou, de ser o caso, presencial, en función das recomendacións que diten as autoridades sanitarias. Ditas actividades estarán adaptadas á idade e características do alumnado, así como á situación excepcional que están a vivir.

As actividades lectivas que se desenvolven durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020, sempre condicionadas polo situación sanitaria, non se estenderán más alá das datas establecidas na Orde do 20 de xuño de 2019, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/2020 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, excepción feita dalgúns procesos singulares, como a celebración das probas da ABAU ou as de acceso ás diferentes ensinanzas.

 

3. Adaptación da actividade

As actividades lectivas que se desenvolvan durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020 deberán combinar de maneira integrada as actividades a distancia e as presenciais que puideran levarse a cabo, segundo evolucione a situación sanitaria. A tal efecto, os centros educativos:

Prestarán especial atención a identificar ao alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable e prepararán plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo que lles axuden a reincorporarse á actividade educativa tan pronto como sexa posible. Os centros darán traslado de ditos plans específicos á inspección educativa .

Farán un especial esforzo para identificar ao alumnado que carece de medios de conexión dixital e, en virtude da súa autonomía organizativa e de xestión, arbitrarán as medidas necesarias e facilitarán o uso de distintos tipos de dispositivos adecuados para a atención educativa a este alumnado.

Intensificarán a posta a disposición do alumnado dos recursos tecnolóxicos e doutro tipo que necesiten para o desenvolvemento das súas actividades, e desenvolverán formación e ferramentas adecuadas para permitir que o alumnado obteña o maior proveito da metodoloxía non presencial.

Coa finalidade de axudar ao alumnado a organizar as súas actividades escolares, autorregular a súa aprendizaxe e manter un bo estado emocional, os centros educativos adaptarán o modelo de titorías á nova situación, e organizarán accións de orientación académica e profesional cos medios dispoñibles, especialmente para o alumnado de 4º de ESO, 2º de FP Básica, 2º de Bacharelato e 2º de FP de grado medio.

Os centros educativos organizarán os seus recursos de apoio para favorecer na medida do posible a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, favorecendo o seu acceso ao currículo por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios que aseguren una adecuada atención e avaliación deste alumnado. Porase, asemade, especial coidado na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

Os Departamentos de Orientación continuarán co desenvolvemento das actuacións, medidas e programas para a atención á diversidade establecidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade do seu centro, adaptandoas á situación de confinamento de alumnado e profesorado, e asesorando aos diferentes membros da comunidade educativa, preferentemente, para o coidado do seu benestar emocional.

 

4Currículo e programacións didácticas

Os centros e o profesorado revisarán as programacións didácticas para centrar as actividades lectivas do derradeiro trimestre nas aprendizaxes e competencias imprescindibles que deberían desenvolver os alumnos e as alumnas, en función da súa etapa, curso, área, materia ou módulo, flexibilizando os seus plans de traballo e coidando de non penalizar ou afectar ao benestar do seu alumnado, nin sobrecargalo de tarefas excesivas.

Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. Na medida do posible deseñarán actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente titorizadas, promovendo o traballo colaborativo entre os equipos docentes das distintas áreas e materias nas etapas, ciclos ou ensinanzas en que sexa posible.

Os currículos, programacións e actividades que se desenvolvan durante o terceiro trimestre nos cursos que conducen a unha titulación final de etapa terán especialmente en conta esta circunstancia e flexibilizaranse e adaptaranse para axudar en todo o posible a que o seu alumnado poida alcanzala.

Os centros educativos reforzarán a imprescindible coordinación do profesorado á hora de adaptar as programacións, as actividades e os criterios de avaliación, co fin de evitar problemas como a sobrecarga de tarefas, a falta de acompañamento docente ou a desigualdade do apoio aos estudantes que lles poden prestar a súas familias.

 

5. Avaliación

Os centros e o profesorado adaptarán o sistema de avaliación do alumnado, co obxectivo prioritario de que os alumnos e as alumnas non perdan o curso e poidan continuar avanzando na súa formación, tendo en conta de maneira especial a situación do alumnado máis vulnerable.

A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo en todas as etapas, ciclos e ensinanzas, para valorar os avances realizados e os atrasos que se teñan podido producir, con obxecto de planificar as medidas de recuperación que sexan necesarias e programar o vindeiro curso.

A avaliación final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019-2020 considerará en conxunto as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente definidas.

Os centros educativos e o profesorado emitirán un informe individual valorativo do traballo realizado polos seus alumnos e alumnas no curso, que inclúa os atrasos que puidesen terse producido e un plan de recuperación destes.

 

6. Apoio aos centros educativos

Os centros contarán cos recursos formativos e medios de apoio que a consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon a súa disposición para permitir que o profesorado desenvolva o seu labor docente nas mellores condicións posibles na situación actual.

Desde a Rede de Formación do Profesorado prestarase o apoio inmediato e continuo ao persoal docente, nas novas necesidades que poida xerar o proceso de ensinanza e aprendizaxe a distancia. Así mesmo poñerán a disposición dos centros educativos os seus recursos, en especial para favorecer a atención ao alumnado máis vulnerable.

Así mesmo, os Equipos de Orientación Específicos (EOE) establecerán canles de comunicación e tomarán a iniciativa cun contacto diario e permanente, para asesorar e apoiar aos departamentos de orientación, coa fin de favorecer a resposta educativa na atención á diversidade do alumnado e o seu benestar emocional .

A Inspección educativa prestará o apoio e asesoramento aos centros educativos no proceso de adaptación das súas programacións didácticas e en todo aquilo que, dentro das súas funcións, facilite a mellora da atención educativa ao alumnado.

Comunicado do 13 de abril de 2020 en relación co inicio do terceiro trimestre

in

A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL comunica que:

Con motivo do mantemento da situación de emerxencia de saúde pública causada polo COVID-19, e conseguinte suspensión da actividade lectiva presencial desde o pasado 13 de marzo,  unha vez rematadas as vacacións de semana santa e coa finalidade que os centros educativos poidan iniciar a organización da súa actividade neste terceiro trimestre:

1.- A actividade lectiva non presencial continuarase, con carácter xeral, mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave. Así mesmo, os centros educativos avaliarán as medidas a adoptar para a atención ao seu alumnado con maiores dificultades de acceso á educación no actual contexto. 

2.- Unha vez teña lugar a xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, prevista para o vindeiro mércores, 15 de abril, na que participan o Ministerio de Educación e Formación Profesional e as Comunidades Autónomas, coa finalidade de coordinar as medidas concretas a adoptar para o desenvolvemento do terceiro trimestre e final do curso 2019/2020, ditaranse as instrucións que procedan.

 

Publicacións das calificacións e vacacións

in

Queridas familias:

Este trimestre desgraciadamente non imos poder ter as entrevistas persoais de entrega de notas, pero as calificacións do alumnado publicaranse este venres 3 de abril vía AbalarMóbil como estaba previsto.

Durante as vacacións, que comezarán o día despois da publicación das notas, nin enviaremos tarefas nin corrixiremos as que xa están enviadas. Retomaremos a actividade lectiva o martes 14 de abril.

Un saúdo e moito ánimo.

A dirección e o Claustro.

  

ORDE do 20 de xuño de 2019 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/20 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia. 

Artigo 6: Períodos vacacionais. 

Semana Santa: desde o día 4 ata o 13 de abril de 2020, ambos inclusive.

 

Instrucións do 27 de marzo sobre a avaliación do segundo trimestre.

in

INSTRUCIÓNS DO 27 DE MARZO, DIRIXIDAS ÁS DIRECCIÓNS DOS CENTROS EDUCATIVOS DE ENSINO NON  UNIVERSITARIO SOBRE A CONCRECIÓN DE MEDIDAS A ADOPTAR EN RELACIÓN COA AVALIACIÓN DO SEGUNDO TRIMESTRE.

 1. A efectos de dar continuidade ao calendario escolar, os centros educativos procederán a formalizar o peche da avaliación do segundo trimestre. Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, disporá as medidas precisas para a súa formalización, na medida do posible, antes do 3 de abril.

 2. Non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma. En consecuencia, aqueles centros que non teñan formalizado o peche da avaliación do segundo trimestre procederán a formalizalo co traballo desenvolvido ata dita data.

 3. No caso das ensinanzas de formación profesional de grao medio e grao superior na avaliación parcial de módulos do  segundo curso no réxime ordinario o equipo docente tomará as decisións de acceso do alumnado á FCT e, nos ciclos de grado superior o módulo de proxecto.

 

Recollida do resto do material de traballo o luns

in

Queridas familias:

Xa temos organizado o resto do material de traballo que van precisar as crianzas de 1º 2º 3º e 4º. Poderedes recollelo este luns 23 de marzo entre as 13h e as 14:30h.

A recollida farase, para respectar o máis posible as indicacións das autoridades, entrando unha persoa de cada vez e as persoas que agarden non sairán do coche ata que lles toque.

Un saúdo, moitas grazas pola vosa colaboración e moito ánimo.

A dirección. 

 

 

Facede caso do Hipopótamo

Hoxe presentámosvos unha canción con "coreografía" para cantar e bailar entre tarefa e tarefa.

Organización para os días que dure a suspensión das clases

in

Queridas familias:

- As crianzas van precisar os libros e as libretas para poder traballar na casa, se podedes pasade hoxe, venres 13 de marzo polo colexio para recollelo. De non poder facelo podedes vir o luns 16 en horario de 9h a 14h.

- Cada titor/a abriu un chat en ABALAR para que poidades comunicavos con eles/as se o precisades.

- Poderedes atopar as tarefas para estes días na web do colexio pinchando nas carpetas do grupo da vosa crianza na parte superior dereita da páxina. 

 

 En caso de que teñades calquera dúbida podedes poñervos en contacto con nós a través de ABALAR ou nos teléfonos habituais en horario de 9 a 14. 

 Reanudaremos as clases en canto nolo indique a Consellería.

 

Un saúdo

A dirección e o Claustro

  

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

 

Instrucións do 13 de marzo de 2020, provisionais dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción das medidas a adoptar en relación coa pandemia covid-19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o 16 de marzo de 2020

 

Distribuir contido