Responder ó comentario
Enviado por nuriabuin o Mar, 19/02/2013 - 22:11
Sucederon estes feitos que vou contar cando os animais domésticos eran salvaxes. O Can era salvaxe, como o eran tamén o Cabalo, a Vaca, a Ovella e o Porco, tan salvaxes como poida imaxinarse, e vagaban pola húmida e salvaxe espesura en compañía das súas salvaxes parentes; pero o máis salvaxe de todos os animais salvaxes era o Gato. O Gato camiñaba só e non lle importaba estar aquí ou alá.
Tamén o Home era salvaxe, claro está. Era terriblemente salvaxe. Non comezou a domesticarse ata que coñeceu a Muller e ela repudiou o seu montaraz modo de vida. A Muller escolleu para durmir unha bonita cova sen humidades en lugar dunha morea de follas molladas, e esparexeu area limpa sobre o chan, acendeu un bo lume de leña ao fondo da cova e colgou unha pel de Cabalo Salvaxe, coa cola cara a abaixo, sobre a entrada; despois dixo:
-Limpa os pés antes de entrar; de agora en diante teremos un fogar.
|
|
|
Esa noite comeron Cordeiro Salvaxe asado sobre pedras quentes e sazonado con allo e pementa silvestres, e Parrulo Salvaxe recheo de arroz silvestre, e miolo de Boi Salvaxe, e cereixas silvestres. Logo, cando o Home se durmiu máis feliz que un neno diante da cacharela, a Muller sentou a cardar la. Colleu un óso do ombro de cordeiro, a gran pa plana, contemplou os portentosos signos que había nel, botou máis leña ao lume e fixo un conxuro, o primeiro Conxuro Cantado do mundo.
Na húmida e salvaxe espesura, os animais salvaxes congregáronse nun lugar desde onde se alcanzaba a divisar desde moi lonxe a luz do lume e preguntáronse que podería significar aquilo.
Entón Cabalo Salvaxe golpeou o chan co pezuño e dixo:
-Oh, amigos e inimigos meus, por que fixeron esa luz tan grande o Home e a Muller nesa enorme cova? como nos prexudicará a nós?
Can Salvaxe alzou o fuciño, olfacteou o aroma do asado de cordeiro e dixo:
-Vou ir alí, observarei todo e decatareime do que sucede, e quedarei, porque creo que é algo bo. Acompáñame, Gato.
-Nin falar! -replicou o Gato-. Son o Gato que camiña só e a quen non lle importa estar aquí ou alá. Non penso acompañarte.
-Entón nunca volveremos ser amigos -apostilou Can Salvaxe, e marchou trotando cara á cova.
|
Pero cando o Can se afastou un curto treito, o Gato díxose a si mesmo:
-Se non me importa estar aquí ou alá, por que non hei de ir alí para observalo todo e decatarme do que sucede e despois marchar?
De maneira que seguiu o Can con moito, moito sixilo, e se escondeu nun lugar dende onde podería oír todo o que se dixese.
Cando Can Salvaxe chegou á boca da cova, levantou lixeiramente a pel de Cabalo co fuciño e osmou o marabilloso olor do cordeiro asado. A Muller oíuno, riu e dixo:
-Aquí chega a primeira criatura salvaxe da salvaxe espesura. Que desexas?
-Oh, inimiga miña e esposa do meu inimigo, que é iso que tan bo aroma desprende na salvaxe espesura? -preguntou Can Salvaxe.
Entón a Muller colleu un óso de cordeiro asado e botoullo a Can Salvaxe dicindo:
-Criatura salvaxe da salvaxe espesura, se axudas ao meu Home a cazar de día e a vixiar esta cova de noite, dareiche tantos ósos asados como queiras.
-¡Ah! -exclamou o Gato ao oíla-, esta Muller é moi sabia, pero non tan sabia coma min.
Can Salvaxe entrou a rastro na cova, recostou a cabeza no regazo da Muller e dixo:
-Oh, amiga miña e esposa do meu amigo, axudarei ao teu Home a cazar durante o día e de noite vixiarei a vosa cova.
-¡Ah! -repetiu o Gato, que seguía escoitando-, este Can é un verdadeiro estúpido.
E afastouse pola salvaxe e húmida espesura meneando a cola e andando sen outra compaña que a súa salvaxe soidade. Pero non lle contou nada a ninguén.
Ao espertar pola mañá, o Home exclamou:
-Que fai aquí Can Salvaxe?
-Xa non se chama Can Salvaxe -corrixiuno a Muller-, senón Primeiro Amigo, porque vai ser o noso amigo polos séculos dos séculos. Lévao contigo cando saias de caza.
|
Á noite seguinte a Muller cortou grandes brazadas de herba fresca dos prados e secounas xunto ao lume, de maneira que ulisen como feo recén segado; logo tomou asento á entrada da cova e trenzou unha soga cunha pel de cabalo; despois quedou mirando o óso de ombro de cordeiro, a enorme pa, e fixo un conxuro, o segundo Conxuro Cantado do mundo.
Na salvaxe espesura, os animais salvaxes preguntábanse que lle tería acontecido a Can Salvaxe. Finalmente, Cabalo Salvaxe golpeou o chan co pezuño e dixo:
-Irei a ver por que Can Salvaxe non regresou. Gato, acompáñame.
-¡Ni falar! -respondeu o Gato-. Son o Gato que camiña só e a quen non lle importa estar aquí ou alá. Non penso acompañarte.
Non obstante, seguiu a Cabalo Salvaxe con moito, moito sixilo, e escondeuse nun lugar dende onde podería oír todo o que se dixera.
Cando a Muller oíu a Cabalo Salvaxe dando tropezóns e tropezando coas súas longas crinas, riu e dixo:
-Aquí chega a segunda criatura salvaxe da salvaxe espesura. Que desexas?
-Oh, inimiga miña e esposa do meu inimigo -respondeu Cabalo Salvaxe-, onde está Can Salvaxe?
A Muller riu, colleu a pa de cordeiro, observouna e dixo:
-Criatura salvaxe da salvaxe espesura, non viñeches buscando a Can Salvaxe, senón porque te atraeu esta herba tan rica.
|
|
E dando tropezóns e tropezando coas súas longas crinas, Cabalo Salvaxe dixo:
-É certo, dáme de comer desa herba.
-Criatura salvaxe da salvaxe espesura -repuxo a Muller-, inclina a túa salvaxe cabeza, pon isto que che vou dar e poderás comer esta marabillosa herba tres veces ao día.
-¡Ah! -exclamou o Gato ao oíla-, esta Muller é moi lista, pero non tan lista coma min.
Cabalo Salvaxe inclinou a súa salvaxe cabeza e a Muller colocoulle a trenzada soga de pel en torno ao pescozo. Cabalo Salvaxe rinchou aos pés da Muller e dixo:
-Oh, dona miña e esposa do meu dono, serei o teu servidor a cambio desa herba marabillosa.-¡Ah! -repetiu o Gato, que seguía escoitando-, ese Cabalo é un verdadeiro estúpido.
E afastouse pola salvaxe e húmida espesura meneando a cola e andando sen outra compañía que a súa salvaxe soidade.
Cando o Home e o Can regresaron despois da caza, o Home preguntou:
-Que está facendo aquí Caballo Salvaxe?
-Xa non se chama Cabalo Salvaxe -replicou a Muller-, senón Primeiro Servidor, porque nos levará á súa anca dun lado a outro polos séculos dos séculos. Lévao contigo cando vaias de caza.
|
|
Ao día seguinte, mantendo a súa salvaxe cabeza ergueita para que os seus salvaxes cornos non se enganchasen nas árbores silvestres, Vaca Salvaxe aproximouse á cova, e o Gato seguiuna e escondeuse como o fixera nas ocasións anteriores; e todo sucedeu da mesma forma que as outras veces; e o Gato repetiu as mesmas cousas que dixera antes, e cando Vaca Salvaxe prometeu darlle o seu leite á Muller día tras día a cambio daquela herba marabillosa, o Gato afastouse pola salvaxe e húmida espesura, camiñando só como era o seu costume.
E cando o Home, o Cabalo e o Can regresaron á casa despois de cazar e o Home formulou as mesmas preguntas que nas ocasións anteriores, a Muller dixo:
-Xa non se chama Vaca Salvaxe, senón Doador de Cousas Boas. Daranos o seu leite branco e morno polos séculos dos séculos, e eu coidarei dela mentres os tres saides de caza.
(Continuará)
|
|
|
|
|