Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
CONTAMOS
CLAUSURA DO PROGRAMA CONTAMOS
Coa historia dunha quenlla desdentada amiga dun polbo ferreiro, rematou o Programa Contamos do curso 2015-2016. Para pechalo tivemos a fortuna de desfrutar da compaña de Indalacio Cabana Leira, Xefe Territorial da Consellería de Educación e, polo que puidemos ver, experto narrador de contos marinos. Con él, os nenos e as nenas de infantil de Centieiras navegaron polos mares preocupados pola azarosa vida da quenlla. Ao final, e xa coa grande axuda recibida do amigo polbo, o alumnado respirou con alivio e puido recompensar ao narrador cun fermoso cadro dun merlo afanado en comer cereixas, da autoría da clase de sexto de infantil, que, ademais, recitou un poema para todos os asistentes. E foron moitos, pois estaban con nós no colexio o noso alcalde, Juventino Trigo; os concelleiros, Amalia García e César Daniel Castro; as directivas da ANPA Ángeles Coira e María Permuy; e a inspectora do centro, Elena Urtiaga (que foi quen no seu día inaugurou o Programa Contamos). O escollido, como non!, foi o poema que inspirou o cadro, O Merlo, de Manuel María, autor co que este ano celebramos as Letras Galegas.
Grazas a todos! Grazas a todas as persoas que, desde fóra da nosa escola, viñeron á nosa biblioteca e son así xa membros da nosa comunidade! Grazas ao traballo do equipo de profesorado de educación infantil e, sobre todo, moitas grazas aos nenos e nenas de Centieiras por permitirnos gozar dunhas xornadas literarias e pictóricas tan espléndidas!
O Equipo de Biblioteca do CEIP Centieiras