O ALUMNADO DE 1º DE PRIMARIA XA SON EXPERTOS ORNITÓLOGOS!!!

En 1º remataron o tema dos animais coñecendo “os paxaros que vemos, pero non miramos” na nosa contorna. Investigaron sobre eles, representáronos e presentáronos á clase. Ademais dos seus nomes galego e castelán, tamén teñen un código QR que nos leva a unha gravación do seu canto.

Todos estes paxaros podémolos observar ou escoitar na contorna do centro, pero moitos precisan de prismáticos para observar as súas vivas cores. 

Aprendemos, por exemplo, como o cuco pon os ovos especialmente nos niños dos carrizos e paporrubios e, aos catro días de nacer, chimpa fóra do cubil aos outros paxariños para que o críen a el só. O niño do carrizo é moi característico, feito  de musgo e todo cerradiño cunha entrada lateral. O carrizo constrúeo moi bonitiño e canta ben bonito para conquistar á carriza. É o paxariño máis pequeno de Galicia. Tamén soubemos que o martiño pesqueiro fai o seu niño con espiñas de peixe. Moitos destes paxaros, especialmente os cantores, antes migraban, pero agora co cambio climàtico podemos velos todo o ano na Mariña: a lavandeira, o xílgaro, o chasco ou chaschás, o xerín, o verderolo… Outros que cantan moi fermoso son o pimpín e o rabirrubio, pero os que máis nos gustan son o ferreiriño azul e o abelleiro porque teñen unhas plumas moi coloridas e pendúranse das pólas cabeza para abaixo.

Encántannos os paxaros!