Skip to Content

INICIO DO CURSO ESCOLAR 2022-2023

Bo día.

Adxuntamos presentación en PDF (ver documento adxunto) sobre o inicio do curso escolar 2022-2023. Este dará comezo o vindeiro xoves 8 de setembro, en horario de 09.40h a 14.40h, para todo o alumnado matriculado, excepto os nenos e nenas de 4º de EI, que estarán a desenvolver o período de adaptación.

Ao longo destes primeiros días non lectivos (do 1 ao 7 de setembro), os titores/as poranse en contacto convosco para informarvos con máis detalle do inicio e desenvolvemento das clases, ben con reunións presenciais, ou ben vía telefónica ou por ABALAR.

Así mesmo, aproveitamos para informar de que as listaxes dos diferentes grupos de Educación Infantil e Educación Primaria estarán colgadas no hall do centro educativo, para poder ser consultadas polas familias, a partires do luns 5 de setembro.

 

Debido ás reunións docentes que se desenvolverán o xoves 1 de setembro, as familias que teñen pendente a recollida de vales de material e de libros, poderán pasar polo centro a recollelos, a partires do venres 2 de setembro.

 

Un saúdo cordial.

O equipo directivo.

NORMAS DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO CENTRO (NOFC) E PLAN DIXITAL

Bo día.

Adxuntamos as Normas de Organización e Funcionamento do Centro (NOFC), as cales foron aprobadas no día de onte en sesións de reunión dos órganos colexiados do colexio: Consello Escolar e Claustro.

Estas normas serán de aplicación o vindeiro curso académico, o curso 2022-2023.

Así mesmo, tamén se adxunta o Plan Dixital do Centro, o cal tamén se aplicará o vindeiro curso.

 

Un saúdo.

O equipo directivo.

MÓVETE + 2021/22

No seguinte vídeo podedes ver  ao alumnado de Educación Primaria  realizando unha coreografía dentro do proxecto "Móvete +", pertencente ao Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no que o noso centro participa desde hai uns anos.

Para ver o vídeo premede AQUÍ.

LISTAXE DE LIBROS DE TEXTO - CURSO ACADÉMICO 2022-2023

Bo día.

Adxuntamos a listaxe de libros de texto para o vindeiro curso académico, o 2022-2023.

Debido á entrada en vigor da nova lei educativa nos cursos impares de Educación Primaria (1º, 3º e 5º cursos), debemos cambiar os libros de texto no 1º e 3º niveis de EP. En 5º, ao tratarse de curso E-DIXGAL, non fan uso de libro de texto.

Podedes ver a listaxe no documento adxunto.

Como sempre, recomendamos esperar á reunión de comezos de curso para a súa compra.

Un saúdo,

O equipo directivo.

CONCERTOS DA SEMANA DO LIBRO E A LECTURA

O pasado luns (25 de abril) e o venres (29 de abril) o alumnado de 2º e 6º de E.P., respectivamente, gozaron dos espectáculos musicais "A voar" e "Desconcerto". Estas actuacións musicais foron programadas polo Concello de Carballo dentro da celebración da XV edición da Semana do libro e a lectura. Aproveitando as mañás soleadas, os espectáculos puideron celebrarse ao aire libre.

Para ver fotos de ambos espectáculos premede AQUÍ

 

SEMANA DO LIBRO E DA LECTURA

Durante a pasada semana celebrouse a XV edición da Semana do libro e da lectura de Carballo. Desde o noso centro todas as aulas elaboraron materiais para participar na exposición ubicada na biblioteca municipal Rego da Balsa. Estes materiais están relacionados coa temática do centro, que xira en torno á saúde e ao deporte. Ademais, do 25 ao 29 de abril o alumnado de educación infantil e primaria visitou dita exposición, onde tamén puido coñecer as aportacións feitas polos demais centros do concello de Carballo.

Premendo AQUÍpodedes ver fotos dos murais realizados polo alumnado do CEIP Bergantiños.

 

 

MOITAS GRAZAS!

Desde aquí queremos dar as grazas a todas as persoas da comunidade educativa que colaborastes aportando axuda para o pobo ucraíno: tanto ás familias como ao persoal docente e non docente. Agradecemos tamén a colaboración ofrecida por Protección Civil de Carballo no relativo á recollida e transporte da axuda. Premendo AQUÍ podedes ver fotos do proceso de preparación e envío de todo o material recollido estes días no centro.

 

SEMANA DA PRENSA

Con motivo da conmemoración da Semana da prensa o alumnado está a visitar o quiosco do polbo Tintón, que foi instalado polo equipo de biblioteca na entrada do edificio de Primaria. Alí poden atopar diversos  xornais e revistas, con temáticas variadas e para as diferentes idades.

Se premedes AQUÍ podedes ver algunhas imaxes do ben que o pasaron no quiosco do polbo Tintón.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2022

Ao longo desta semana conmemoramos no centro o Día Internacional da Muller. O alumnado centrouse principalmente en investigar sobre mulleres que foron pioneiras en diversos eidos (cultura, política, deporte, ciencia, etc.) e plasmar o resultado desta investigación nunha ficha cos datos máis relevantes sobre a vida e o traballo destas mulleres. Posteriormente recompilouse a información elaborada en cada aula en forma de  murais, tanto no edificio de Infantil como no de Primaria. 

Premendo AQUÍ podedes ver imaxes dos traballos realizados.

 

 

DÍA DE ROSALÍA 2022

Ao longo desta semana realizamos  no centro diferentes actividades para conmemorar o Día de Rosalía (recitado de poesía, actividades plásticas, retos con adiviñas, etc.), as cales foron promovidas polos equipos de biblioteca e dinamización da lingua galega.

Premede AQUÍ para poder ver algunhas fotos das mesmas.

Distribuir contido


by Dr. Radut