Que son os legumes?
Os legumes son as sementes comestibles das plantas leguminosas que se cultivan para ser consumidas. Os feixóns secos, as lentellas e os chícharos son os tipos de legumes máis comunmente coñecidos e consumidos.
Están presentes nas distintas gastronomías de todo o mundo, desde o humus no Mediterráneo (garavanzos), a un tradicional almorzo inglés ( feixóns brancos) ou o dal da India (chícharos ou lentellas).
INFOGRAFÍA DOS LEGUMES | BANDA DESEÑADA SOBRE OS LEGUMES |
Os legumes non inclúen os cultivos que se cultivan verdes, como os chícharos verdes ou as xudías verdes, xa que estes clasifícanse como hortalizas. Tamén se exclúen os cultivos utilizados principalmente para a extracción de aceites, como a soia ou o cacahuete, e os cultivos leguminosos que se utilizan exclusivamente para fins de sementa (sementes de trevo e alfalfa).
Por que é importante cultivar legumes?
Valor nutritivo
Os legumes conteñen moitos nutrientes e teñen un alto contido en proteínas, polo que son unha fonte ideal de proteína, en particular en rexións onde a carne e os lácteos non son moi accesibles, xa sexa física ou economicamente. Os legumes son, ademais, baixos en graxa e ricas en fibra, o que fai que poidan reducir o colesterol e axudar a controlar o azucre en sangue. Por todas estas calidades, as organizacións sanitarias recomendan o seu consumo para facer fronte ás enfermidades non transmisibles, como a diabetes e as enfermidades cardíacas. Tamén se demostrou que os legumes axudan a combater a obesidade.
Seguridade alimentaria
Para os agricultores, os legumes son un cultivo moi beneficioso porque poden vendelas e consumilas, o que lles axuda a manter a seguridade alimentaria dos seus fogares, ao mesmo tempo que xera estabilidade económica.
Beneficios ambientais
Os legumes teñen a capacidade de fixar o nitróxeno atmosférico nos chans, o que mellora a fertilidade do chan, e por tanto, aumenta a produtividade das terras de cultivo. Así mesmo, usando legumes para os cultivos intercalados e de cobertura, os agricultores poden promover a biodiversidade agrícola e do chan, mantendo baixo control as pragas e enfermidades nocivas.
Así mesmo, os legumes poden contribuír á mitigación do cambio climático, reducindo a dependencia dos fertilizantes sintéticos utilizados para achegar nitróxeno ao chan. Durante a fabricación e aplicación destes fertilizantes libéranse gases de efecto invernadoiro e o seu uso excesivo pode ser prexudicial para o medio ambiente.
Texto traducido da páxina das Nacións Unidas