CONCERTO DIDÁCTICO: MÚSICA E EVOLUCIÓN

O pasado venres, 1 de decembro, recibimos a visita de Rosa e Pablo para deleitarnos cun concerto didáctico inspirado nos instrumentos tradicionais e artesanais. 

Neste concerto mostraron 43 instrumentos musicais galegos diferentes, usando un fío condutor que consiste en explorar o paralelismo entre a evolución da nosa especie e o desenvolvemento físico e musical dun neno e unha nena galegos. É un concerto que corresponde a nova disciplina da biomusicoloxía.

Explicaron como se desenvolvían as vidas musicais de nenos e de nenas dentro da nosa cultura tradicional. Tamén explicaron os comportamentos musicais dos adultos e exploraron a súa importancia para o mantemento das nosas sociedades. Abordaron as últimas teorías sobre á aparición e importancia da música na especie humana, como a da musilingua ou a influenza do desenvolvemento fetal.

Expuxeron a súa teoría da orixe infantil dos instrumentos musicais a través da comparación dos instrumentos que fabricaban e tocaban os nosos nenos/as e os achados nas escavacións paleolíticas. Tamén afondaron e recalcaron a enorme importancia das mulleres na música humana, na organización das nosas sociedades antes do patriarcado e na xeración de cohesión social a través da música que elas facían.

Foi un pracer enorme, quedando con ganas de repetir unha actividade chea de lecer e aprendizaxe.

Podedes acceder aos arquivos multimedia clicando na seguinte imaxe:

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer