Xornadas formativas de EspazoFamiliaS

XORNADAS FORMATIVAS DE ESPAZOFAMILIAS

 

 

Este mes de febreiro, e ata o mes de maio, celébranse en Boiro unhas xornadas formativas para as familias e as persoas interesadas na poboación infantoxuvenil. A temática que as vertebra é o impacto da tecnoloxía na infancia e na adolescencia. O obxectivo, analizar as relacións e os riscos do ecosistema dixital no que se desenvolve a rapazada de Boiro e fortalecer as nosas ferramentas para conseguir un uso inclusivo e saúdable das Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación ( TRIC).

Trátase dunha iniciativa organizada por Espazo Familias Boiro a través da súa Escola de Nais e Pais (ENAPA) colectiva na que colaboran economicamente o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) pertencente a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello de Boiro.

O título das xornadas: Cando as pantallas educan.

EspazoFamiliaS Boiro naceu no curso escolar 2018-2019 como unha asociación de diferentes centros escolares de Boiro para deseñar liñas de actuación conxuntas coas que abordar os retos educativos da poboación infantoxuvenil que nos compete.

Unha destas liñas é o traballo coas familias, así, en plural; un S maiúsculo que inclúe as diversas realidades e estilos de aprendizaxe. Por iso, decidimos conformar unha Escola de Nais e Pais colectiva, unha estrutura que sobrepase os muros de cada un dos centros e vertebre un espazo común de formación, reflexión e participación para as familias de Boiro.

Con este obxectivo nacen estas segundas xornadas, tras o parón pola pandemia. Serán unha xornadas desenvolvidas en cinco sesións entre febreiro e maio vertebradas en torno a ao impacto das TRIC na poboación infantoxuvenil.

A temática escollida está pensada e consensuada coas ANPAS de cada un dos centros escolares e responde á unha necesidade real: analizar e repensar as actuacións no ámbito familiar para protexer a infancia e a adolescencia na contorna dixital.

A nosa preocupación ven refrendada non só pola nosa realidade cotidiana coa infancia e adolescencia de Boiro, senón tamén polo resultados derivados do estudo desenvolto por UNICEF España, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Xeral de Colexios de Enxenería Informática presentado aos medios de comunicación neste mesmo mes de febreiro. No estudo aparecen datos vinculados ao grooming, á Dark web, pornografía, sexting, adicción, ludopatía, ciberacoso…E a eses datos nós poñémoslle cara. Datos alarmantes que nos obrigan a actuar en comunidade: escola, familia, cidadanía e administración.

As xornadas abriranse cunha mesa redonda que desenvolve unha primeira aproximación xeral ao impacto da tecnoloxía na poboación infantoxuvenil para, nas tres xornadas seguintes, profundizar en tres aspectos: (1) a importancia das redes na configuración da personalidade (9 de marzo), (2) o uso problemático e adicción ás TRIC( 31 de marzo) e (3) a contorna dixital como espazo de interacción social, emocional e sexual ( 27 de abril). As conferencias pecharanse cunha mesa redonda de natureza conclusiva ( 12 de maio) que busca aportar solucións.

Levamos meses traballando no deseño destas conferencias para contar cunha nómina de profesionais que garanta un equilibrio entre axentes locais apegados á realidade de Boiro e profesionais de longa e profunda experiencia no campo: Ana Isabel Mosquera, Teresa Piñeiro e Jose Antonio Ramos, entre outras persoas.

As xornadas desenvolveránse en horario de tarde na Casa da Cultura de Boiro. Para participar é necesario incribirse na páxina web ou na entrada da conferencia o mesmo día no que se desenvolva. Contamos con servizo de canguraxe gratuíto, previa inscrición web.

E se alguén ten dúbidas sobre a relación que como persoa educadora ten coas contornas dixitais pódese realizar un test de autoavaliación, individual, confidencial e privado que atopará na páxina web: espazofamilias.org.

Agardamos que estas xornadas sexan un espazo de aprendizaxe mutuo e evindencien a necesidade de traballar de forma colaborativa escola, familias, cidadanía e por suposto, administración. Temos o problema, temos a vontade de resolvelo e precisamos recursos. É urxente.

 

 Máis info e Reserva en espazofamilias.org

 

AdxuntoTamaño
Cartaz Xornadas.pdf2.15 MB
Cartaz Faladoiro 02.pdf1.97 MB