Impulsar a mellora dos procesos de ensino e aprendizaxe das linguas estranxeira é un dos compromisos da política educativa na Comunidade Autónoma de Galicia.
A participación nos devanditos procesos dunha persoa auxiliar de conversa considérase moi necesaria como punto de referencia para o desenvolvemento dunha lingua viva. Ademais de constituír unha práctica internacionalmente recoñecida para mellorar a competencia comunicativa do alumnado en linguas estranxeiras, as persoas auxiliares de conversa contribúen a un achegamento máis natural aos aspectos xeográficos, sociais, culturais, económicos e de actualidade dos países de referencia, o cal supón un incremento da motivación para a aprendizaxe da lingua obxecto de estudo.
Nesta liña e co obxecto de dar a maior difusión do Programa de Auxiliares de Conversa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fai pública a convocatoria de selección de centros públicos plurilingües con carácter prioritario e, de ser o caso, centros públicos con seccións bilingües e escolas oficiais de idiomas para a dotación de AUXILIARES DE CONVERSA.
Os centros solicitantes deben estar a participar en programas de fomento da aprendizaxe das linguas estranxeiras. Así mesmo, todos os centros educativos que contén cun/cunha auxiliar de conversa no presente curso deben cumprimentar a súa solicitude igualmente.
Os centros interesados en participar nesta convocatoria deberán cubrir en rede a solicitude que poden atopar na web http://www.edu.xunta.es/auxconversa .Calquera membro do equipo directivo co seu nome de usurario/a e contrasinal terá acceso á aplicación.
O prazo de solicitude remata o día 27 de abril de 2011.