Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
Os Polos Creativos son espazos educativos innovadores cun deseño modular e innovador, dotados de equipación especializada, que ocupan espazos físicos definidos nos centros educativos, están organizados didácticamente para fomentar:
- a creatividade a través da superación de retos,
- a consecución de proxectos, a resolución de problemas,
- a realización de prototipos,
- a construción de resultados tanxibles, etc.
Enfocanse á aprendizaxe conxunta, colaborativa e comunitaria. Tamén poden albergar prácticas de investigación e experimentación. A súa visión é ampla, integrando o coñecemento en retos tecnolóxicos e dixitais en todos os campos do saber (humanidades, arte, ciencias sociais e naturais, artesanía, etc).
Funcionan como centro de actividades no que se traballa a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, o mecanizado de diferentes materiais, a electromecánica, a robótica e os microcontroladores, entre outras.
Son, por tanto, espazos abertos ás comunidades locais para favorecer o desenvolvemento de competencias dixitais e científico-tecnolóxicas e artísticas do conxunto da cidadanía, polo que ofertan actividades formativas para os diversos colectivos. En concreto, facilitará a solución conxunta de problemas coa participación de alumnado, profesorado e familias, e fomentando especialmente aquelas accións que impliquen a participación de nais e pais xunto cos seus fillos e fillas en actividades tanto de formación como de creación.