A Consellería de Educación presenta os proxectos gañadores dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, destacaron a calidade dos traballos

Gallego
Anxo Lorenzo e José Luis Mira
Anxo Lorenzo e José Luis Mira

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, presentaron hoxe en rolda de prensa os proxectos gañadores dos premios de innovación en normalización lingüística, que convocan estes dous departamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Ambos os responsables políticos destacaron tanto a calidade dos proxectos deste ano coma o número de traballos presentados, un total de 68, o que supuxo un aumento do 340% respecto da media dos anos anteriores, situada en 20 proxectos.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, salientou ''os contidos que o xurado considerou especialmente interesantes'', que foron a introdución do audiovisual nas aulas, o achegamento ás novas tecnoloxías, a aproximación á lingua galega en todas as manifestacións posibles e a posta en valor do multilingüismo. Así mesmo, o responsable de Política Lingüística recordou que os proxectos para fomentar a lingua galega, que parten principalmente dos equipos de normalización e dinamización lingüística, constitúen ''actividades que teñen que ver con toda a comunidade educativa''.

Pola súa parte, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, puxo en valor o traballo dos centros educativos que se reflicte na convocatoria dos premios de innovación en normalización lingüística e destacou ''a necesidade de mellorar a competencia lingüística dos alumnos, que debe implicar a todo o profesorado, axente clave deste proceso e peza angular do proceso educativo''. Así mesmo, o director xeral destacou a importancia de que exista complicidade entre todos os axentes para mellorar o sistema de formación e educación.

Sete premios e catro accésits

Os sete centros galardoados deste ano, que recibirán un premio de 3.000 euros, foron o CEIP Aguiño, de Ribeira, por Mar de mulleres asolagadas; o CEIP A Gándara, de Carballo, co proxecto Mergullados nos mares da palabra; o CEIP A Pedra, de Bueu, polo traballo Galegos e galegas de aquí e acolá o CEIP Bergantiños, de Carballo, que se presentaron con Casas de aquí e acolá o CEIP Quintela, de Moaña, por En galego pola rede; o IES Menéndez Pidal, da Coruña, polo proxecto A aldea global: Galicia é máis Galicia cando é todos os mundos; e finalmente, o IES Sardiñeira, tamén da Coruña, premiado por LinguaTIC@s.

Debido á calidade e á cantidade de proxectos presentados este ano, concedéronse un total de catro accésits de 1.000 euros cada un. Estes recoñecementos foron para o IES Félix Muriel, de Rianxo, polo traballo Abrindo portas en galego; para o IES Perdouro, de Burela, que presentou o proxecto Dinamización Lingüística de Burela; para o IES Rodeira, de Cangas, que fixo Vivir en galego. Queremos. Podemos; e mais para o IES Porto do Son, de Porto do Son, polo traballo 2010. Vinte dez.

Un mosaico de iniciativas para promover o uso do galego desde os centros

Os proxectos premiados, que se van pór en marcha no presente curso escolar, buscan fomentar o uso do galego e concienciar sobre a riqueza colectiva que supón para un pobo posuír unha lingua propia a través de proxectos interdisciplinares baseados no uso das novas tecnoloxías como fonte de información e de comunicación con outros grupos sociais. Entre estes proxectos atopamos iniciativas que parten da biodiversidade do contorno, para, a través da flora e da fauna, chegar á lingua galega, ás tradicións e oficios artesáns de Galicia, aos xogos e ás lendas; así como proxectos que analizan os tópicos identitarios, que teñen como eixo a muller galega no seu contexto cotiá ou que buscan o achegamento a outras realidades culturais a partir da galega.

Co fin de crear contextos de uso do galego e mais de dar a coñecer os que xa existen, os proxectos gañadores dos premios de innovación en normalización lingüística botan man de diversos medios, como campañas de difusión, blogues, obradoiros, teatro radiofónico e mesmo festivais escolares de cine, entre outros. Así mesmo, todos eles se caracterizan pola súa colaboración con diversas institucións do contorno que rodea o centro educativo.

Xornada de formación para os profesores e difusión dos traballos a través da rede

Ademais da contía económica, os premios inclúen unha xornada de formación para o profesorado implicado na elaboración de todos os proxectos, durante a cal tamén poderán compartir as súas experiencias. Ademais, as iniciativas dos proxectos premiados serán difundidas a través da rede e publicaranse os materiais educativos producidos na web de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, e no enderezo da Consellería de Educación, www.edu.xunta.gal/portal.

Esta convocatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria constitúe unha iniciativa que busca fomentar o uso do galego oral tanto dentro coma fóra das aulas, así como o achegamento á realidade sociocultural de Galicia a través de proxectos educativos innovadores. Ademais, estes premios teñen o valor engadido de promoveren a utilización das novas tecnoloxías e a implicación de entidades culturais, asociativas, empresariais, recreativas e deportivas.

Colectivo: 

As clases quedan suspendidas en todos os centros educativos galegos, como medida de precaución polo mal tempo

A Consellería de Educación tomou esta decisión en base á predición deita pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET)

Gallego

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria decidiu suspender as clases en todos os centros educativos de Galicia durante a xornada de mañá, mércores 16 de decembro. Esta indicación aplícase aos centros de ensino non universitario, así como aos pertencentes á Rede Galega de Escolas Infantís (de 0 a 3 anos de idade), tanto ás dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, como ás que o son da Secretaría Xeral de Familia.

Esta decisión tómase como medida de precaución, en base á predición feita pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), dun fenómenos meteorolóxico adverso con precipitacións en forma de neve que afectarán a Galicia en cotas baixas a partir das 12 desta mesma noite.

A Consellería de Educación garante deste xeito que non se produza incidencia algunha no acceso dos escolares aos seus centros, así como preserva a seguridade do alumnado, profesorado e persoal non docente.

Educación está a tramitar as normas e convenios do novo máster para o profesorado de secundaria, cun custe mínimo para os alumnos

A Consellería de Educación ampliou o número de prazas do máster dende as 600 previstas ata as 740 actuais

Gallego

O novo Máster Universitario para o Profesorado, que ven a substituir ao antigo CAP, será un dos máis económicos deste tipo de estudos, cun custe de 1.155,60 euros, segundo o convenio de colaboración que asinaran a Consellería de Educación e as universidades galegas. En total serán 60 créditos, cun custe de 19,26 euros cada un deles. De estes 18 serán do Practicum, divididos en 12 para a realización das prácticas e 6 se obterán ao realizar o traballo de fin de master. Polo tanto queda de manifesto que as universidades están a obter, vía matrícula, ingresos dabondo para cubrir os gastos derivados das prácticas do máster.

Os convenios redactados pola Consellería, respecto destes estudos, están a piques de finalizar a súa tramitación, que permitirá que máis de setecentos alumnos poidan formarse para a docencia na ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. Estes textos, un por cada universidade, xa están redactados dende hai máis de dúas semanas, e a pesar da falta da sinatura final, as universidades xa puideron comezar os trámites de matrícula en beneficio dos alumnos, do mesmo modo que xa se ven facendo co resto de estudos de master e graos.

Acordos coas universidades galegas

Educación recorda que os retrasos na sinatura dos convenios veñen derivados do feito de que a consellería, no seu ánimo de diálogo, non tomou unha decisión unilateral e os redactou atendendo ás suxestións das universidades. Entre estas se debe destacar o incremento das prazas finalmente ofertadas, xa que no protocolo asinado entre as tres universidades e o bipartito se contemplaba un total de 600 prazas mentres agora -grazas ao esforzo e apoio da actual Consellería de Educación- se ofertan 740 no SUG, distribuídas segundo especialidades e universidades tal e como propuxeron as tres universidades.

Entre os acordos acadados polas partes implicadas no convenio para a realización do prácticum deste máster, ademais de recoller o reparto das prazas segundo especialidades e universidades, recórdase que as universidades de Santiago de Compostela, Vigo eA Coruña asumiron que o plan de estudios previsto para o Máster se realizaría cos recursos propios, incluído o Prácticum, é dicir, a compensación aos Centros colaboradores para o desenvolvemento do mesmo, así como aos titores e coordinadores que participen no seu desenvolvemento.

En definitiva, tal e como queda reflectido nos acordos, son as universidades as que deben asumir que os colaboradores dos centros educativos no Prácticum forman parte dos recursos que necesitan para o desenvolvemento dun Máster cos requisitos establecidos na normativa vixente. A compensación das Universidades aos centros deberá estar en relación coa actividade prevista no plan de estudios para o Practicum, que é moi superior ao que se requiriu no CAP. Do contrario é posible que os centros educativos non queiran participar no desenvolvemento de dito punto. Isto foi advertido na última reunión mantida cos vicerreitores hai escasos días, dende a Consellería, onde a proposta de Educación foi dun pago de 100 euros por alumno titorizado, que non foi aceptado polos representantes das universidades.

Próxima mesa sectorial

A redacción definitiva dos convenios farase pública nos vindeiros días, pero mentres a Consellería recorda que as universidades poden aplicar as normas para que se poidan realizar as matrículas de cara ao comezo de curso que terá lugar o vindeiro mes de xaneiro. As últimas cuestións están a piques de se cerrar xa que a Consellería ten convocada, para o venres, unha reunión da Mesa Sectorial docente para analizar o proxecto de Orden pola que se establece o procedemento para acreditar centros e titores para o desenvolvemento do Prácticum correspondente ao MASTER de profesorado.

A Consellería toma nota das inquietudes xurdidas en torno aos derradeiros trámites do Máster e, debido as queixas que agora teñen desde as universidades, Educación comprometese a que dende agora cumprirá de modo escrupuloso cos tempos e formas en todos aqueles procedementos que supoñan o respecto de prazos previamente coñecidos, confiando no interese das Universidades polo ben do sistema universitario. Deste xeito todos poderán seguir traballando en conxunto polo beneficio dos estudantes sen terse que tomar decisións unilaterais dende a Consellería.

Tema: 

Ensinanza: 

Colectivo: 

Política Lingüística participa no seminario sobre planificación organizado pola rede europea para a promoción da diversidade lingüística

No foro debatéronse os modelos de políticas lingüísticas das linguas minoritarias dos estados da Unión Europea

Gallego
Seminario sobre planificación
Seminario sobre planificación

Técnicos da Secretaría Xeral de Política Lingüística desprazáronse estes días a Dublín (Irlanda) co fin de participar nas xornadas de debate sobre estratexias de planificación lingüística, promovidas pola Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD) ou Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística.

A reflexión sobre a importancia da transversalidade das iniciativas lingüísticas ou o papel da lingua na consecución dunha cohesión social que contribúa á integración dos cidadáns e á igualdade de oportunidades foron algúns dos temas tratados neste seminario. Así mesmo, diferentes institucións reclamaron a necesidade de contar cun consenso social e político para a promoción eficaz das linguas. A planificación lingüística no marco da actual situación económica, na que se fai necesario un maior aproveitamento dos recursos, foi outros dos temas que se trataron no seminario. Os representantes dos diversos gobernos tamén fixeron unha posta en común de boas prácticas neste ámbito da planificación lingüística, achegando os últimos avances das súas experiencias.

Ademais da Xunta de Galicia, no seminario participaron tamén representantes de institucións doutras linguas da Unión Europea, como o goberno de Gales, de Irlanda, Finlandia, Cataluña, País Vasco ou Frisia. Estas institucións forman parte dunha rede europea para a promoción da diversidade lingüística, que organiza periodicamente espazos de debate sobre as políticas referidas ás linguas minoritarias europeas.

Europa, un mosaico de linguas

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da NPLD, unha iniciativa que lidera a Oficina Galesa de Política Lingüística e na que tamén participan diferentes organismos que promocionan a diversidade lingüística a nivel europeo, como son o Centro Europeo de Investigación en Multilingüismo Mercator ou a Axencia de Noticias sobre Linguas (Eurolang), entre outros. A través desta rede de encontro, as diversas entidades que a conforman procuran contribuír á preservación e impulso da diversidade das linguas dos estados da UE.

En Europa fálanse aproximadamente 240 linguas, un número considerablemente inferior ao dos restantes continentes. Só unha parte destas linguas gozan de recoñecemento oficial e o seu status é moi variado.

Tema: 

Colectivo: 

O conselleiro de Educación entregou os premios de Excelencia Académica para o curso 2009-2010

A oitenta estudantes galegos cunha media superior a 9.3 puntos se lles recoñeceu publicamente os seus esforzos e recibiron unha achega económica así como un diploma

Gallego

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitario, Xesús Vázquez Abad, fixo entrega hoxe dos premios de excelencia académica aos 80 estudantes que comezaron no Sistema Universitario Galego no curso 2009-2010, e que hoxe viron recoñecidos publicamente os seus esforzos. Os galardoados beneficiáronse dunha bolsa de 240.000 euros, o que supón unha achega de 3.000 para cada un dos benefiados, que tamén recibiron un diploma e un agasallo conmemorativo do acto.

Con este acto a Consellería demostrou unha vez o seu interese por lograr una mellor excelencia académica a través do esforzo realizado por todos o implicados no proceso educativo, dende a mesma Xunta, pasando polos centros de estudos obrigatorio, e todas as ramas de formación xa sexan universitarias ou profesionais, que permitan ter cada vez mellores profesionais formados dentro de Galicia para saír ao mercado laboral da comunidade, do estado español e de Europa e o resto do mundo.

Durante a entrega dos premios o conselleiro recordou que "estes galardóns son unha peza clave da política de estímulo e mellora da calidade do Sistema Universitario de Galicia. Van destinados ao alumnado de recoñecida capacidade e compromiso persoal co esforzo que unha educación de calidade require".

Respecto do labor que terán as universidades cos estudantes galardoados o conselleiro recordou que "terán a oportunidade e o compromiso de colaborar directamente na formación de estudantes do máis alto nivel o que, sen dúbida, satisfará unha das aspiracións de todo bo profesor universitario: contar con alumnos capaces, dedicados, entregados e cheos do dinamismo e a curiosidade propios da súa idade, a quen abrir os ollos á Ciencia e ao Coñecemento e de quen recibir o estímulo para mellorar e manterse ao día", Ademais quixo resaltar que "con estes Premios bríndaselles a estudantes, profesores e Universidades unha oportunidade única para facer da excelencia o motor do ensino universitario na nosa Comunidade".

Os galardoados

Durante a súa intervención o conselleiro explicou que os 80 estudantes foron premiados, cunha puntuación igual ou superior ao 9'3, de entre as 161 solicitudes presentadas, índice que demostra o alto rendemento dos alumnos e o interese por este recoñecemento ao seu esforzo. Entre eles demsotrase unha gran igualdade entre as catro provincias galegas, e que deles o 62% son mulleres. O 66% dos galardoados estudou en Institutos de Ensino Secundario, un indicador máis do estándar de calidade do que goza o noso sistema de ensino público.

Os premiados comezaron este curso a estudar en tódalas áreas de coñecemento universitario, aínda que a maioría deles decantouse polas ciencias da saúde e as ensinanzas técnicas (77% dos premiados). En total 45 dos premiados están a estudar na Universidade de Santiago de Compostela, 18 en A Coruña e 17 en Vigo.

No acto estiveron presente a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás e a directora do IES de Ames, María Soledad Louro, que falou en represetación dos centros de educación secundaria onde cursaron estudos os alumnos seleccionados. Ademais asistiron o subdirector de Universidades, Jose Alberto Díez de Castro, o delegado da Xunta de Galicia en A Coruña e Ourense, Diego Calvo Pouso e Rogelio Martínez López respectivamente, así como os reitores das tres universidades galegas. Xunto a eles a xefa territorial de A Coruña María Teresa Villaverde Pais. Ademais das vicepresidentas de Anpe, María Luisa Seoane e Rosa Urbano.

Ensinanza: 

Colectivo: 

Concapa-Nacional premia á Xunta pola "Gratuidade solidaria"

Xesús Vázquez recibiu en Madrid o galardón a unha iniciativa que beneficiou a 55.000 alumnos e alumnas de Galicia

Gallego

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitario recibiu hoxe en Madrid a insignia de ouro da CONCAPA, unha distinción que a asociación otorga como recoñecemento a aqueles que máis fixeron no 2009 pola Liberdade e a Calidade da Ensinanza. O recoñecemento entregado a Xesús Vázquez Abad premia o programa "Gratuidade Solidaria" que dende Educación puxose en marcha no curso 2009-2010 e que permitiu que máis de 55.000 estudantes galegos tiveran a unha achega económica para ter os libros de texto de balde e en propiedade.

A Confederación Católica Nacional de Pais de Familia e Pais de Alumnos (CONCAPA) galardoou no acto ás persoas e entidades que durante o presente ano máis fixeron pola educación. Así, ademais da Consellería de Educación, tamén recibiu unha insignia de ouro o presidente do Foro Español da Familia, Benigno Blanco, ao tempo que se recoñeceu o labor desenvolto polos servizos informativos de Telemadrid, e as iniciativas educativas do Colexio Sagrada Familia de Oviedo. O acto estivo presidido polo presidente nacional de CONCAPA, Luis Carbonell Pintanel, e antes da entrega das insignias o eurodiputado do PP, Jaime Mayor Oreja, impartiu un relatorio en torno os valores premiados hoxe.

Recoñemento a labor da Consellería

Durante a entrega da insignia o conselleiro dixo que "hoxe queda recoñecida a importancia que teñen os libros de texto que desempeñan un papel crucial nas novas xeracións, e do que somos moi conscentes o goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo e o departamento de Educación que teño a honra e a resposabilidade de dirixir". Vázquez Abad engadiu que o premio "animanos para mellorar día a día, sempre na procura dun sistema educativo que pola súa propia natureza esixe unha permanente renovación".

Xesús Vázquez Abad destacou que "o noso plan concentrou o esforzo económico na axuda ás familias con rendas máis baixas e medias. Deste xeito respondemos ás esixencias dun país que aspira a estar entre os máis cultos e mellor educados de Europa".

Os beneficiados da "Gratuidade Solidaria"

Con este programa os alumnos e alumnas galegos non tiveron os libros en préstamo como estaba a acontecer co sistema anterior. Ademais, a "gratuidade solidaria" beneficiou a máis do 65% dos nenos e nenas escolarizados na educación obrigatoria. Unha iniciativa que tivo un gran éxito, e que acadou unha especial incidencia nos residentes das zonas rurais onde a porcentaxe de beneficiados foi de preto do 100%.

Nesta ocasión, os beneficiados foron os nenos e nenas galegos matriculados en primeiro, segundo, quinto e sexto curso de Primaria, e todos os estudantes de Educación Especial; o ano que ven a "gratuidade solidaria" continuará aplicándose na comunidade autónoma. A Xunta de Galicia apostou por implantar este modelo de gratuidade que xa funciona noutras comunidades autónomas -con gobernos de distinto signo político-, pero ademais estableceu as achegas mellor dotadas de cantas ofrecen as diversas autonomías.

A "gratuidade solidaria" permitiu non só dar libros de texto de balde, senón que a optimización e aforro de recursos derivados do programa permite a mellora de servizos demandados pola comunidade escolar, tales como o transporte e os comedores dos que se benefician 88.000 e 44.200 alumnos e alumnas galegas respectivamente. Ao mesmo tempo dase un novo impulso ao servizo de bibliotecas escolares en Galicia, labor que se veu recoñecida hai apenas quince días coa entrega dos premios "Boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas nos centros escolares", ao IES Carlos Casares, no concello ourensán de Viana do Bolo, ao IES Alfonso X O Sabio, en Cambre na provincia da Coruña; e ao Colexio La Salle, en Santiago de Compostela.

Departamento: 

Colectivo: 

O IES Audiovisual de Vigo albergará o programa Nadal de Cine, o primeiro obradoiro de cine para nenos que organiza a asociación Vigo Film Commision

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, presentou esta mañá o programa xunto ao director do IES Audiovisual, Rogelio Mariño, e o representante da Vigo Film Commission, Darío Carrera

Gallego

Os nenos e nenas vigueses de entre 4 e 12 anos están de noraboa. Por primeira vez organízase o programa Nadal de Cine, unha boa proposta para que os máis cativos da casa pasen unhas vacacións diferentes e divertidas cunha actividade que ten coma finalidade achegar a cultura audiovisual aos nenos e nenas a través duns obradoiros de cine eminentemente prácticos, coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Nadal de Cine é unha iniciativa da recén organizada Asociación Vigo Film Commission e levaranse a cabo no IES Audiovisual de Vigo, nas súas instalacións ubicadas en Bouzas, entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro en sesións de mañá, de 09.00 a 13.30 horas. Conta cun número limitado de prazas polo que aquelas persoas que estean interesadas en inscribir aos seus fillos deben facelo antes do 15 de decembro a través da dirección de correo electrónico nadaldecine@vigofilmcommission.es indicando os datos do neno ou nena.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, xunto ao director do IES Audiovisual de Vigo, Rogelio Mariño, e o representante da Vigo Film Commission, Darío Carrera, levaron a cabo a presentación do programa de Nadal, que ten coma principal obxectivo crear un espazo de coñecemento e intercambio de experiencias para achegar, de forma lúdica e participativa, a maxia do cine aos nenos e nenas inscritos.

A intención é que a actividade sexa unha alternativa que permita a todos os alumnos desenrolarse coma espectadores activos e críticos ademais de proporcionarlle as ferramentas e o clima necesario para a creación e a experimentación. Por este motivo, o obradoiro está organizado en tres bloques. Un primeiro de traballo, sobre a análise, a experimentación e a creación da imaxe. Un segundo, no que se xogará ao cine de ficción, inventando historias e personaxes que logo rodarán en pequenas secuencias e, por último, un terceiro bloque con dúas partes; unha na que a pretensión é achegar a realidade a través da cámara e, outra, na que os nenos e nenas experimentarán con cine de animación elaborando os seus propios debuxos e personaxes de plastilina.

A delegada territorial destacou a actividade organizada por esta nova asociación, valorando moi positivamente que os monitores sexan os propios alumnos dos ciclos de Producción e Audiovisuais do IES de Vigo e, sobre todo, porque se trata dunha iniciativa "lúdica, diferente e orixinal" encamiñada aos nenos e nenas nun período vacacional como é o Nadal no que "os pais deben ter alternativas para que os seus fillos se entreteñan e pasen unhas boas vacacións". A responsable do Goberno galego na cidade destacou tamén os obxectivos do programa de Educación, coma é o caso de formar á poboación infantil nunha materia coma é o audiovisual que, tradicionalmente, non soe estar vencellada ao Nadal e aos máis cativos así coma a de fomentar a creatividade e as habilidades artísticas e, sobre todo, a de divertir e entreter.

Pola súa banda, Darío Carrera, representante da Vigo Film Commission, desgranou polo miúdo o programa de actividades que se levarán a cabo no obradoiro, destacando así o contacto que os nenos e nenas terán con todos os conceptos relacionados co cine e co mundo da imaxe en movemento ademais de explicar que os alumnos se dividirán en grupos de traballo segundo as idades, dándolle especial relevancia á creación colectiva. Así, matizou que se lles formularán unha serie de actividades coma a creación de personaxes e de interpretación, onde os rapaces, dixo, "traballarán, entre outras cousas, a caracterización a través de talleres de maquillaxe e disfraces ademais de ter contacto tamén co concepto do cine de animación gracias aos obradoiros de "stop motion" en plastilina, o uso da cámara e a filmación "fotograma a fotograma", explicou.

Por último, o director do IES Audiovisual de Vigo, Rogelio Mariño, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia por apoiar este tipo de iniciativas lideradas por xente nova ademais de resaltar tamén o traballo feito pola Asociación Vigo Film Commission que, coma dixo, "pretende dar a coñecer o sector audiovisual por dentro á xente da rúa a través deste tipo de actividades formativas".

A Asociación Vigo Film Commission

Vigo Film Commission é unha entidade sen ánimo de lucro que se creou o pasado mes de febreiro e que xurdiu coas inquedanzas de varios mestres do IES Audiovisual de Vigo pola necesidade de coordinar, impulsar e promocionar a actividade audiovisual no ámbito xeográfico da provincia.

Os principais fins que teñen son: difundir no ámbito nacional e internacional as posibilidades que ofrece a provincia para situar nela a producción de obras audiovisuais e cinematográficas; realizar unha actuación integral que fomente os valores culturais e patrimoniais da provincia; fomentar a comunicación da agrupación e a colaboración entre empresas e profesionais do sector así coma contribuír a dotar aos empresarios e profesionais do sector audiovisual os instrumentos necesarios para facilitar a súa competitividade en mercados internacionais.

Colectivo: 

O Consello da Xunta aproba a modificación do decreto polo que se aproban os prezos públicos polo uso dos comedores escolares

O importe dos menús aboarase a mes vencido e só polos días no que o alumnado teña utilizado o servizo

Gallego

O Consello da Xunta autorizou hoxe a modificación do decreto polo que se aproban os prezos públicos pola utilización dos comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

En virtude desta modificación, as familias cuxos fillos ou fillas usen este servizo efectuarán o pagamento a mes vencido, e só polos días no que comeron na escola. Deste xeito, o importe que se pagará será o resultado de multiplicar o prezo que corresponda a cada alumno ou alumna polo menú diario, polo número efectivo de días de uso. Esta cantidade deberá ser aboada nos cinco primeiros días do mes seguinte ao da prestación do servizo en calquera das entidades de depósito autorizadas pola Consellería de Facenda para a xestión recadatoria. Tamén poderán utilizar a oficina virtual tributaria, realizando o pagamento de xeito telemático.

Para garantir un correcto cómputo dos días de uso do servizo, as familias deberán comunicar con antelación aos correspondentes centros de ensino os días nos que os escolares non van asistir ao comedor. En todo caso, e se fixesen un ingreso superior ao debido nalgún dos períodos de liquidación mensuais, poderán pedir a súa dedución nas seguintes mensualidades do mesmo curso.

Pagamentos atrasados

De acordo coa Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras de Galicia, este ano escolar o importe dos menús dos comedores escolares dos centros de ensino públicos foi aprobado e establecido con base en prezos públicos. Porén, as familias atopáronse con algunhas dificultades á hora de efectuar os pagamentos a principio de curso, polo que, para evitar posibles problemas, a Consellería de Educación decidiu adialos.

Aprobada a modificación do decreto e corrixidas as disfuncións no sistema, a suma dos pagamentos non satisfeitos pola utilización do servizo de comedor durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, será fraccionada en seis cotas iguais. Os pais e nais terán que liquidar e ingresar cada unha delas de xeito complementario cos pagamentos ordinarios dos meses de xaneiro a xuño deste curso. Con este rateo, Educación intenta minimizar as molestias que esta eventualidade puidera ter causado ás familias.

Departamento: 

Colectivo: 

O Consello da xunta autoriza a sinatura dun convenio de colaboración co Ministerio de Educación para o financiamento do proxecto de Campus de Excelencia internacional da Universidade de Santiago de Compostela

O Ministerio de Educación concede un préstamo por valor de 7,5 millóns de euros para levar adiante o 'Campus Vida'

Gallego

O Consello da Xunta autorizou hoxe ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a sinatura do convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento do proxecto de Campus de Excelencia Internacional da USC, o 'Campus Vida', seleccionado o pasado 26 de novembro pola Secretaría General de Universidades do Goberno central como merecedor dunha axuda de 7,5 millóns de euros. Pola súa banda, a Consellería de Educación comprométese a reembolsar esta cantidade nun prazo máximo de 15 anos.

En virtude da sinatura deste acordo, o Ministerio concede á Consellería de Educación un crédito de 7,5 millóns de euros, que irá destinada a executar as actividades previstas na iniciativa 'Campus Vida'. Así mesmo, corresponderá á Consellería a tarefa de comprobar que a Universidade de Santiago de Compostela formaliza os acordos cos organismos de investigación, entes locais, empresas ou outras entidades, aos que tiveran feito referencia no proxecto.

En todo caso, este préstamo será compatible con subvencións, axudas, ingresos ou outros recursos cos que a USC poida financiar o 'Campus vida?, sempre e cando a suma das cantidades obtidas non supere a contía do outorgado polo Ministerio. Ademais, a Consellería deberá informar puntualmente da obtención destas bolsas ao departamento educativo do Goberno central.

Con este convenio e a selección do proxecto de Campus de Excelencia da USC, queda garantida a presenza do sistema universitario galego entre as mellores universidades de Europa e aos seus campus entre os de máis prestixio internacional.

Estratexia coordinada

O Ministerio de Educación aprobou o 'Programa Campus de Excelencia Internacional', Consciente da necesidade de coordinar as actuacións en materia universitaria, especialmente no tocante á modernización dos campus universitarios. A función desta iniciativa é que as institucións implicadas nos campus elaboren un proxecto estratéxico común para crear un contorno académico, científico, emprendedor e innovador, quen de obter unha alta visibilidade internacional.

Por outra banda, quérese conseguir que o ambiente universitario sexa un verdadeiro contorno de vida integrada socialmente no ámbito urbano, e dotado de todas as prestacións de servizos e das máis punteiras melloras enerxéticas e ambientais.

En última instancia, o obxectivo é promover a excelencia docente e científica, e a internacionalización do sistema universitario. Ademais, a Universidade debe estar implicada no cambio económico, cun modelo baseado no coñecemento e na mellora da innovación.

Ensinanza: 

Departamento: 

Colectivo: 

Galicia terá a primeira aula Schneider Electric grazas a un convenio entre a empresa e a Consellería de Educación

O espazo para a actualización da formación do profesorado será o pioneiro no Estado español en centros de estudos non universitarios

Gallego

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, asinou hoxe un acordo co Director Rexional Noroeste de Schneider Electric España, José Manuel Trabanco, polo cal Galicia será a primeira comunidade española que terá unha aula da empresa nun centro de estudos non universitarios. No acto tamén se renovou un compromiso, existente dende 2007, entre ambas entidades en prol da mellora dos estudantes de F. P., a través da entrega de material eléctrico para empregar durante as horas lectivas.

O acordo asinado permitirá a creación da futura aula que a empresa terá no CIFP Politécnico de Santiago, destinada á formación do profesorado a través dos novos produtos e da tecnoloxía comercializados por Schneider Electric España, e que será a primeira destas características que se inaugura en España. Por outra banda continuarán os curso de formación que a compañía eléctrica xa vén impartindo nos centros integrados de formación profesional.

Está previsto que os primeiros en asistir ao novo espazo sexan unha serie de profesores seleccionados entre os que imparten materias relativas a esta rama de F.P. Unha vez rematados os cursos, estes profesores serán os encargados de formar a máis mestres das mesmas familias profesionais. A aula comezará a funcionar o vindeiro ano, unha vez que a comisión específica designada para a súa creación chegue a un acordo respecto dos contidos que deben ser impartidos para lograr a mellor das formacións.

Seminarios de empresa

Por outra banda, nos institutos de educación secundaria os alumnos e alumnas galegas poderán asistir a seminarios impartidos pola empresa eléctrica. Ademais tanto a Consellería coma Schneider Electric España comprométense a estudar a posibilidade de impartir formación a distancia tanto para profesores como para alumnos.

Con estes acordos Educación segue a traballar na mellora da preparación dos alumnos e alumnas de F.P., neste caso das familias de electricidade e electrónica, e de instalación e mantemento. Deste xeito, e a través de convenios semellantes a este coas empresas relativas aos diferentes estudos, lógrase un permanente avance na calidade dos estudos de F.P.

Neste caso, o beneficio

favorece ao ámbito da distribución eléctrica, a automatización e ao control industrial, eidos que obrigan a unha actualización constante dos coñecementos do profesorado e dos equipos empregados con tal fin. Isto desemboca na mellora do nivel técnico dos futuros profesionais galegos a través da formación do profesorado e do acceso as últimas tecnoloxías implementadas na industria, infraestrutura e vivendas.

No acto de sinatura tamén estiveron presentes a subdirectora xeral de Orientación Profesional e Relación con empresas da Consellería, María Eugenia Pérez, e o director do CIFP Politécnico de Santiago, José Manuel Leis Blanco. Por parte da empresa Schneider Electric España estiveron o delegado de Galicia da Dirección Regional Noroeste, Alberto Rocha, o director do Instituto de Formación ¿ ISEF de Schneider Electric, David Estrada e o responsable de clientela Fabricantes de Maquinaria, Javier Días.

Colaboración con empresas

Este convenio únese ao asinado a semana pasada coa empresa SEAT, polo que se fixo entrega de oito vehículos, destinados a outros tantos centros de F.P. en Galicia, para obter unha mellor formación do alumnado. Nese acto o conselleiro de Educación. Xesús Vázquez Abad dixo que ¿a realimentación continua entre a formación e as necesidades empresarias implica un paso máis na liña de actuación e na nosa aposta polo futura da formación profesional, un compromiso coa mellora constante na calidade das ensinanzas e a súa formación¿, afirmación que se volve a aplicar no caso do convenio con Schneider Electric.

Nesta ocasión o acordo foi asinado con Schneider Electric España, unha compañía especialista global en xestión da enerxía e con operacións en máis de 100 países, encargada de dar solucións integrais para diferentes segmentos de mercado, e que ostenta posicións de liderado en enerxía e infraestructuras, industria, edificios e centros de datos, así como unha amplia presenza no sector residencial. A través do seu compromiso de axudar ás persoas e as organizacións co obxectivo de maximizar o uso da enerxía dun modo máis seguro, fiable e eficiente. A compañía mobilizou ata 3.800 colaboradores no 2008, que están a traballar nos nove centros distribuidos pola península e nun centro loxistico situado en Barcelona.

Colectivo: