Política Lingüística participa no seminario sobre planificación organizado pola rede europea para a promoción da diversidade lingüística

No foro debatéronse os modelos de políticas lingüísticas das linguas minoritarias dos estados da Unión Europea

Lun, 14/12/2009 - 09:58
Seminario sobre planificación
Seminario sobre planificación

Técnicos da Secretaría Xeral de Política Lingüística desprazáronse estes días a Dublín (Irlanda) co fin de participar nas xornadas de debate sobre estratexias de planificación lingüística, promovidas pola Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD) ou Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística.

A reflexión sobre a importancia da transversalidade das iniciativas lingüísticas ou o papel da lingua na consecución dunha cohesión social que contribúa á integración dos cidadáns e á igualdade de oportunidades foron algúns dos temas tratados neste seminario. Así mesmo, diferentes institucións reclamaron a necesidade de contar cun consenso social e político para a promoción eficaz das linguas. A planificación lingüística no marco da actual situación económica, na que se fai necesario un maior aproveitamento dos recursos, foi outros dos temas que se trataron no seminario. Os representantes dos diversos gobernos tamén fixeron unha posta en común de boas prácticas neste ámbito da planificación lingüística, achegando os últimos avances das súas experiencias.

Ademais da Xunta de Galicia, no seminario participaron tamén representantes de institucións doutras linguas da Unión Europea, como o goberno de Gales, de Irlanda, Finlandia, Cataluña, País Vasco ou Frisia. Estas institucións forman parte dunha rede europea para a promoción da diversidade lingüística, que organiza periodicamente espazos de debate sobre as políticas referidas ás linguas minoritarias europeas.

Europa, un mosaico de linguas

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da NPLD, unha iniciativa que lidera a Oficina Galesa de Política Lingüística e na que tamén participan diferentes organismos que promocionan a diversidade lingüística a nivel europeo, como son o Centro Europeo de Investigación en Multilingüismo Mercator ou a Axencia de Noticias sobre Linguas (Eurolang), entre outros. A través desta rede de encontro, as diversas entidades que a conforman procuran contribuír á preservación e impulso da diversidade das linguas dos estados da UE.

En Europa fálanse aproximadamente 240 linguas, un número considerablemente inferior ao dos restantes continentes. Só unha parte destas linguas gozan de recoñecemento oficial e o seu status é moi variado.

Menús News node R

Colectivo