Valentín García inaugura o VI Curso de Verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, no que Cultura e Educación colabora coa UDC
Nel, preto dunha vintena de alumnado de universidades de fóra de Galicia achegarase á lingua e cultura propias do país por medio de aulas teórico-prácticas e actividades culturais complementarias
A formación organízase en dous niveis, elemental e intermedio, e desenvolverase na Coruña desde hoxe ata o vindeiro 24 de xullo
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe na cidade herculina -en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- unha nova edición do Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras que organiza a Universidade da Coruña (UDC), por medio do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), e no que colabora un ano máis o departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez Abad.
No acto de inauguración, que tivo lugar na sala do Consello de Goberno da UDC, participaron, canda o secretario xeral, o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación, Indalecio Cabana Leira; o reitor e mais o secretario xeral da UDC, Xosé Luís Armesto Barbeito e Carlos A. Amoedo Souto, respectivamente, e mais o novo director do SNL da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tamén asistiron os 18 alumnos e alumnas que hoxe encetan esta formación, a quen García Gómez animou a afondar no coñecemento da nosa lingua e cultura a prol da proxección internacional do idioma propio de Galicia.
Dezaoito alumnos e alumnas de Europa e América
Deste xeito, a UDC promove, por sexto ano consecutivo, que estudantado que cursa educación superior en universidades españolas de fóra de Galicia e do estranxeiro -nomeadamente aquel que está a aprender lingua galega a través da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta en case 40 universidades do mundo- se achegue ao noso país para perfeccionaren os seus estudos e coñecer de primeira man o contexto sociocultural e lingüístico. Botarán aquí case un mes (ata o 24 xullo) combinando aulas teórico-prácticas con outras actividades culturais.
Participan no curso un total de 18 alumnos e alumnas (10 deles matriculados no nivel elemental e 8 no intermedio) provenientes de 9 países de Europa e América (Alemaña, Austria, Brasil, España, Italia, Portugal, República Checa, Romanía e USA). 16 dos matriculados contan con bolsas de formación destinadas a subvencionar os custos de matrícula e estadía en Galicia.
VI Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras
As actividades deste curso de verán inclúen, ademais de clases de lingua e cultura dos niveis elemental e intermedio, un completo programa de actividades formativas, como excursións culturais e obradoiros de música e danza, sociolingüística, gastronomía, teatro, arte e literatura galegas.