O conselleiro de Educación visita as obras de varios centros pontevedreses nos que se investiron preto de 500.000 euros
Xesús Vázquez Abad percorreu as instalacións do IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra e do CEIP San Martiño, de Salcedo
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, realizou esta mañá unha visita ás instalacións de distintos centros educativos da provincia de Pontevedra nos que a Administración galega investiu preto de 500.000 euros en obras de ampliación e mellora.
Así, a primeira hora o conselleiro visitou o IES Torrente Ballester, en Pontevedra, xunto ao director do centro, José Ramón Couto Fariña. Neste recinto realizouse unha ampliación da biblioteca Victoria Moreno, un espazo que xa pode ser empregado polos escolares e docentes desde o pasado 19 de maio e que superou un custe inicial de case 150.000 euros. Dito recinto pertence ao plan de Mellora de Bibliotecas escolares desde a súa primeira convocatoria no curso 2006-2007.
Durante esta visita, o responsable autonómico comprometeuse a aportar varios ordenadores á biblioteca e tamén a estudar a posibilidade dunha futura conexión entre este área e a sala de audiovisuais “o que permitiría gañar este espazo non só para a comunidade educativa senón tamén para todos os veciños do entorno que poderían contar cunha biblioteca para consulta”. Deste xeito, a biblioteca do IES Torrente Ballester podería abrir polas tarde axudando a dinamizar a zona da cidade na que se atopa situado.
O CEIP San Martiño en Salcedo, Pontevedra, foi a última das visitas do día. Aquí, xunto a Diego Fariña Villaverde, director do centro, deu conta do estado das obras de cambio de cuberta, carpintería exterior que supuxo o cambio de portas e ventás en todo o centro e reforma da fachada. Trátase dunha actuación cun custe de 260.000 euros na que se continuará traballando unha vez que comece o período de vacacións estivais do alumnado.
Durante a súa visita o conselleiro, que estivo acompañado polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, recordou que con estas actuacións a Consellería continúa a demostrar a súa implicación na mellora das instalacións educativas que teñen como único obxectivo dar o mellor servizo á comunidade educativa.
Pola súa banda, o xefe territorial engadiu que estas obras “demostran así o cumprimento do compromiso de Educación coa cidade de Pontevedra”.