Cultura e Educación obtén o apoio do Consello Galego de Universidades á súa decisión de conxelar os prezos públicos para o vindeiro curso
A Consellería someteu hoxe ao informe deste órgano o mantemento dos prezos públicos de matrícula nas titulacións de grao, máster e doutoramento nas mesmas contías que no curso 2012/2013
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou ao Consello Galego de Universidades (CGU) o proxecto de decreto polo que se fixan os prezos públicos correspondente aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2013-2014, que recibiu o asentimento unánime dos membros deste órgano. Neste texto a Xunta de Galicia establece a conxelación dos prezos para a totalidade do alumnado universitario, é dicir, tanto para primeira como para segunda, terceira e sucesivas matrículas, en todos os niveis, graos, máster e doutoramento, medida da que se beneficiarán máis de 75.000 alumnas e alumnos.
“A decisión de conxelar os prezos – explicou Vázquez Abad- baséase no convencemento de que debemos apoiar aos estudantes universitarios de Galicia, que son o futuro da nosa comunidade, máxime nestes momentos de crise, asegurando a igualdade de oportunidades”.
Galicia, por diante das outras CCAA
“Galicia volve a dar un paso adiante respecto do resto de Comunidades Autónomas”, dixo, “grazas a esta aposta de futuro que pon novamente en evidencia a actitude comprometida do goberno de Galicia, priorizando políticas de carácter social”. Deste xeito, os prezos públicos para o vindeiro curso serán os mesmos que se estableceron para o 2012/2013 (Decreto 154/2012, do 12 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2012-2013, DOG 16/07/2012).
“Seremos, unha vez máis, - engadiu o conselleiro- a comunidade coas taxas universitarias máis baixas de España, e previsiblemente esta diferenza continuará incrementándose debido a subas previstas, de maior ou menor grao, no resto de comunidades autónomas”.
Máis bolsas para a igualdade de oportunidades
No transcurso do CGU o conselleiro reiterou ademais o esforzo que a Xunta de Galicia está a facer para “minimizar o impacto da crise nas economías domésticas e asegurar, no posible, que as dificultades económicas non impidan o acceso ou a continuación da formación universitaria no Sistema Universitario de Galicia”. Neste sentido recordou que a decisión de conxelar os prezos será reforzada coa convocatoria de bolsas para o pagamento da matrícula do alumnado de novo ingreso e de continuidade, posibilitando o apoio económico naqueles casos que, non poden acceder ás axudas polo incremento de esixencias académicas da convocatoria do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, malia que cumpran os requisitos académicos establecidos.
Esta aposta da Xunta de Galicia por que ningún alumno quede fóra da universidade por motivos económicos contará cun orzamento de 1 millón de euros, un 71,5% máis que no ano anterior, co fin de que estas bolsas cheguen a 1.500 estudantes. Ademais, convocarase unha nova liña de axudas, un total de 200.000 euros, para realizar estudos universitarios oficiais de máster durante o curso 2013-2014. Esta acción vai dirixida ás persoas en situación de desemprego, co fin de facilitar a súa reincorporación ao mercado laboral mediante unha formación especializada, orientada ao exercicio profesional. Para iso a Consellería subvencionará o custe da matrícula naqueles máster especialmente orientados ao acceso ao mercado de traballo; unha iniciativa da que se poderán beneficiar 150 persoas.
Asistentes ao CGU
No pleno do Consello Galego de Universidades participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os reitores da USC, UVigo e UDC, Juan Casares, Salustiano Mato e Xosé Luis Armesto, respectivamente; a subdirectora de Universidades da Consellería, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario, Lourdes Rodilla.
Polos Consellos Sociais das universidades asistiron Manuel Puga, da USC, e Ernesto Pedrosa, da UVigo; mentres que en representación do Parlamento de Galicia acudiron Xosé Manuel Cid, Federico Vilas e Manuel Ladra.