A Consellería de Cultura e Educación manterá abertas todas as escolas unitarias que conten con 6 alumnos matriculados

A Xunta aposta polo ensino no rural, mantendo en tempo de crise os mesmos criterios da pasada lexislatura, menos esixentes que os do Bipartito que, en tempos de bonanza, pechou escolas con 9 alumnos

Xov, 27/06/2013 - 14:17

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria manterá abertas o próximo curso todas as escolas unitarias que conten con 6 alumnos matriculados, respectando así o mesmo criterio que na pasada lexislatura. Desta forma, a Xunta de Galicia confirma a súa aposta polo ensino no rural, ao aplicar en tempos de crise os mesmos requisitos que na pasada lexislatura, menos esixentes que os do Bipartito, que chegou a pechar escolas con 9 alumnos en tempos de bonanza. De feito no período do Goberno Bipartito, cunha boa situación económica e un índice de natalidade máis alto, chegaron a pechar 81 escolas unitarias – incluso 28 no ano 2006-.

Cómpre sinalar que a caída da natalidade nos últimos anos en Galicia está a redundar nunha menor entrada de rapaces no sistema educativo cada ano. Non en balde, desde 2008 – ano ata o que os nacementos se foron incrementando- o número de nados foi diminuíndo: desde os 23.175 dese 2008 ata os 22.047 do 2010 – que son os nenos que este ano empezan o colexio en 4º de infantil-. A tendencia continúa no mesmo sentido no ano 2011, con 21.594 nacementos.

A día de hoxe, cos datos de matriculación provisionais dispoñibles, teñen 5 ou menos alumnos matriculados – de feito 10 delas teñen 3 ou menos alumnos- as seguintes escolas:

Na provincia da Coruña, a EEI de Bealo (Boiro), EEI de Corcoesto (Cabana de Bergantiños), EEI de Vilela (Carballo), EEI de Herves (Carral), EEI de Regoelle (Dumbría), EEI de Vilanova (Miño), EEI de Uzas (Ordes), CEIP de Igrexa-Beán (Ordes), EEI de Cando de Arriba (Outes), EEI de Boavista (O Pino), EEI de Ponteceso (Ponteceso), EEI da Vacariza (Rianxo), EEI de Freixeiro (Santa Comba), EEI de Montouto (Santa Comba), EEI de Vilaboa (Valdoviño).

Na provincia de Lugo teñen 5 ou menos alumnos a día de hoxe o CEIP Aníbal Otero (Ribeira de Piquín); e na de Ourense as EEI de Éntoma (O Barco de Valdeorras) e a de EEI de Dacón (Maside). No caso de Pontevedra son a EEI da Baiuca (Catoira), a EEI As Chans (Nigrán), a EEI de Albar (Poio), e a EEI de Piñeiro (Tomiño).

En calquera caso, e diante de posibles cambios nos datos de matriculación, a Consellería advirte que a cifra de escolas unitarias que finalmente haxa que suprimir –que incluso pode ser menor á existente a día de hoxe-  coñecerase coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia no mes de agosto.

Igualmente, a Consellería quere chamar a atención a respecto de que, como todos os anos, quedaron desautorizados os agoiros dos diferentes colectivos que certificaron a desaparición de escolas que van continuar abertas. Trátase de organizacións interesadas en politizar o ensino, e en crear innecesariamente alarma, malestar e tensión onde non existe, para despois atribuírlle ás súas mobilizacións o feito de que os centros continúen co seu labor docente, continuidade que lonxe de deberse ás súas reivindicacións resulta da simple aplicación dun mesmo criterio de matrícula nos últimos catro anos.