O secretario xeral de Universidades define ao Sistema Universitario Galego como “un sistema integrado e equilibrado” que aposta “pola utilidade e a rendabilidade”
José Alberto Díez de Castro interveu acerca da política que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exerce de cara ás universidades no ‘X Foro Internacional sobre a avaliación da calidade da investigación e da educación superior’, celebrado en Granada.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, definiu esta mañá na cidade andaluza de Granada ao sistema universitario galego como “un sistema integrado e equilibrado” que aposta pola “utilidade e a rendibilidade”. Fíxoo no marco do ‘X Foro Internacional sobre a avaliación da calidade da investigación e a educación superior’, no que as diversas Comunidades Autónomas trazaron os seus plans e estratexias para fomentar a investigación.
Nesta liña, o secretario xeral propuxo como tema de debate o papel da investigación universitaria nun momento “marcado pola importante crise que sacude ás nosas sociedades, cando se fai obvio que precisamos dun modelo produtivo distinto, que potencie a innovación, que constrúa unha economía do coñecemento e que garanta a sustentabilidade do noso sistema económico e social”. Para o responsable do departamento de Universidades, estas deben ofrecer “o mellor de si mesmas, non só en investigación básica ou formación dos especialistas do futuro, senón en accións concretas de transferencia que dean lugar a novos sectores e oportunidades de actividade e traballo”.
José Alberto Díez de Castro salientou que “neste novo modelo, no que dependemos máis que nunca da xeración de coñecemento e da capacidade de transmitilo, é necesario fortalecer o vínculo entre os sectores universitario” e os axentes do sistema galego de investigación e innovación. Deste xeito, fixou o novo reto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en como “potenciar a interacción das universidades co seu entorno social e produtivo e promover a resposta desde elas a demandas sociais e económicas concretas”.