826 Equipos de Dinamización da Lingua Galega de centros públicos reciben axudas de Cultura e Educación para desenvolveren as súas actividades
Este ano a Consellería dirixida por Xesús Vázquez incrementou nun 20% a dotación para os equipos dos centros públicos
A contía recibida por cada EDLG, que pode chegar aos 800 euros, depende da calidade do proxecto e, secundariamente, do número de estudantes do centro receptor
O prazo de xustificación amplíase ata o 30 de xullo, pero os colexios e institutos poderán percibir antes as cantidades asignadas, pois a convocatoria para o 2013 simplifica os trámites de xestión para facilitar o labor dinamizador dos EDLG
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicou hoxe, no Diario Oficial de Galicia nº 114, a Resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios para o curso escolar 2012-2013. A adxudicación provisional destas axudas xa a fixera pública no seu web institucional a Secretaría Xeral de Política Lingüística no mes de abril.
Mercé a esta resolución, os equipos de dinamización da lingua galega de 826 colexios e institutos públicos que imparten ensino regrado de niveis non universitarios reciben unha contía variable que pode chegar ata os 800 euros para desenvolveren labores de promoción do idioma propio de Galicia no seu centro e no seu contorno. Por provincias, os colexios e institutos beneficiarios son 305 na Coruña, 119 en Lugo, 93 en Ourense e 309 en Pontevedra.
Proxectos de calidade
A variación nas cantidades asignadas depende fundamentalmente da calidade dos proxectos e, secundariamente, do número de alumnado do centro. A calidade mediuse en función de parámetros como o grao de implicación activa dos membros da comunidade educativa no proxecto, a orixinalidade das propostas, o fomento do uso oral da lingua, o nivel de utilización das TIC, a colaboración con outros centros educativos ou con entidades externas ao centro, a planificación de actividades plurianuais, a diversificación de actividades, o seu número e a coherencia entre estas e os seus obxectivos.
Os colexios e institutos que obtiveron a máxima puntuación pola calidade dos proxectos foron os seguintes: na provincia da Coruña, o IES de Arzúa, o IES David Buján de Cambre, o CPI A Picota de Mazaricos, o CPI Virxe da Cela de Monfero, o IES Maruxa Mallo de Ordes, o IES Félix Muriel de Rianxo e o CEIP de Aguiño de Ribeira; en Lugo, o IES Perdouro de Burela e o CPI Doutor Daniel Monje de Navia de Suarna; en Ourense, o IES San Mamede de Maceda, o CPI de Maside e o CEIP de Prácticas de Ourense; en Pontevedra, o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, o CEIP Espiñeira-Aldán e o IES de Rodeira de Cangas, o CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, o IES Val do Tea de Ponteareas, o CEIP de Parada Campañó de Pontevedra, o IES Pintor Colmeiro de Silleda e a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.
Aumento da dotación e simplificación da xestión
A aposta da Consellería de Cultura e Educación polos equipos de dinamización da lingua galega tradúcese nun aumento do 20%, con respecto ao pasado curso, das axudas outorgadas para que desenvolvan o seu labor.
Ademais, para facilitar o seu traballo, a convocatoria que agora se resolve introduciu novidades que simplifican a xestión e aceleran os pagamentos. Por iso se fará o ingreso das cantidades que cada centro debe percibir sen agardar á xustificación do gasto. Esta, por primeira vez, levarase a cabo mediante certificación asinada polo secretario do centro, co visto e prace do director ou directora. Os xustificantes orixinais non terán que ser presentados en todos os casos, senón que quedarán no colexio ou instituto a disposición dos órganos de control da Administración autonómica. Con estas medidas a Secretaría Xeral de Política Lingüística atende vellas demandas dos equipos de dinamización da lingua galega.
Cómpre ter en conta que o prazo de xustificación, inicialmente previsto ata final deste mes, se amplía ata o 30 de xullo, de acordo coa Orde do 7 de xuño de 2013 publicada tamén no DOG de hoxe.
Axudas a centros privados
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, completa as axudas aos equipos de dinamización da lingua galega coa resolución da concesión de subvencións para os centros privados. A proposta provisional desta liña de axudas xa está publicada no web www.xunta.es/linguagalega e a convocatoria resolverase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras semanas.