A Consellería de Educación remata a presentación da primeira fase do plan ABALAR que o vindeiro curso beneficiará a 537 aulas de centros públicos e 156 de concertados
Arredor de 14.500 rapaces de primaria e secundaria disporán de cadanseu ordenador ultraportátil
O vindeiro curso escolar, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comezará a implantar o proxecto ABALAR en aulas de 5º de Primaria e 1º da ESO, cun desembolso global de 12.120.000 €. O proxecto, presentado a todas as comunidades educativas das cidades de Galicia chegará a un 77% de aulas de centros públicos e a un 23 dos concertados. Deste xeito, a Consellería de Educación dotará a 14.375 alumnas e alumnos destes cursos dun ordenador ultraportátil, nas catro provincias galegas, nesta primeira fase. Ademais, cada unha das aulas beneficiadas terán un encerado dixital e ordenador para o profesorado. Xunto a isto, os centros estarán dotados de todas os aparellos precisos para o desenvolvemento do plan, o que implica desde as redes wifi ata os canóns de imaxes.
A distribución do plan realizouse en función da solicitude de centros para participar no ABALAR, dos medios dos que dispoñen os centros (conectividade, rede eléctrica), e da disposición do profesorado a participar no proceso de formación. Ademais, o proxecto ABALAR aplicou o principio de reequilibrio territorial con atención especial ao rural e ao interior da Comunidade Autónoma. Tras o reparto final de aulas e centros, obsérvase a discriminación positiva realizada sobre o ámbito rural, ao que o plan ABALAR chegará de forma masiva no primeiro ano de aplicación.
Maioría de aulas públicas
Unha vez presentados todos estes datos, a Consellería de Educación recorda que dos centros beneficiados en toda Galicia, o 77% son públicos, algo ao que a Administración se comprometera desde o primeiro momento. Do mesmo xeito, o proxecto ABALAR chegará aos centros concertados, o 23% do total de aqueles nos que se implantará a iniciativa o vindeiro curso. Cómpre recordar que estes colexios tamén están sostidos por cartos públicos e que polo tanto teñen dereito a solicitar o proxecto.
Ademais, a Consellería destaca que as cifras no cómputo da comunidade autónoma volven demostrar o interese da Administración por dar os mellores servizos a todos os espazos educativos de Galicia. Así, grazas a este plan, os centros do rural darán un novo paso na integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) tan importantes na evolución educativa e social.
Datos nas provincias
En total serán 693 aulas de centros sostidos con fondos públicos as que comezarán a desenvolver este proxecto na súa primeira fase de aplicación, unha iniciativa que ten como obxectivo chegar ao 100% dos centros da comunidade autónoma nos próximos anos.
PROVINCIAS | AULAS | ESTUDANTES | CENTROS | |||
PUB |
CONC |
PUB |
CONC |
PUB | CONC | |
CORUÑA | 232 | 65 | 4520 | 1558 | 89 | 30 |
LUGO | 76 | 13 | 1548 | 324 | 39 | 8 |
OURENSE | 73 | 18 | 1494 | 406 | 32 | 9 |
PONTEVEDRA | 156 | 60 | 3099 | 1426 | 62 | 31 |
TOTAL | 537 | 156 | 10661 | 3714 | 222 | 78 |
Así, o proxecto supón na provincia de Lugo un investimento de 1.430.000 euros en equipamento informático, infraestruturas e formación do profesorado. En Ourense, a cantidade chega aos 1.450.000 euros, e na Coruña alcanzará os 4.890.000 euros, mentres que en Pontevedra se investirán 3.550.000 euros. A esta cifras se lle engaden preto de 800.000 euros destinados á adaptación e mantemento de sistemas e liñas de conexión, así como a asistencia técnica.
Os datos das provincias déronse a coñecer nas reunións que ao longo das últimas semanas mantiveron os representantes da Consellería de Educación cos directores dos centros seleccionados para participar nesta primeira fase do Proxecto ABALAR.
Integración da comunidade educativa
A estratexia de implantación das TIC no sistema educativo que está a desenvolver a Consellería de Educación, a través do Proxecto ABALAR vai supor a conversión de colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais, o que redundará nun cambio do modelo ensino-aprendizaxe. Isto esixe a adopción e integración das TIC en todos os ámbitos do proceso educativo, a través do fomento da Cultura Dixital, e coa implicación das familias e de toda a comunidade educativa. Para favorecer esta participación, o proxecto disporá dun portal web propio, ‘espazoABALAR’, que será o referente dos servizos educativos en Galicia para toda a comunidade –profesorado, alumnado, familias, ANPAS...-.
Deste xeito, as familias poderán facer un seguimento académico dos seus fillos en ‘espazoABALAR’, grazas a un procedemento de comunicación directa e multicanle cos profesores e titores.
Por outra banda, o espazo destinado aos docentes na plataforma web de ABALAR facilitará a parte administrativa do seu traballo, simplificando procesos como a introdución de datos nos expedientes do alumnado, abrindo novas canles de comunicación cos alumnos, as familias, a dirección do centro e o resto do profesorado. Ademais, a web vai poñer ao seu dispor ferramentas moi demandadas polo profesorado como o ‘Caderno do Profesor’, no que atopará ferramentas para o control da asistencia do alumnado, o diario de clase, as tarefas e traballos asignados aos alumnos, etc. Parte desta información estará tamén dispoñible para as familias, de tal forma que poidan seguir de cerca o desenvolvemento académico dos seus fillos
A súa participación no proxecto vai quedar tamén favorecida polo 'Repositorio de Contidos Educativos Dixitais'. Trátase dunha ferramenta que permitirá a xestión, difusión e emprego dos recursos educativos desenvolvidos pola comunidade educativa de Galicia para integrar as TIC, e onde se agregarán outros de diferente procedencia (repositorios doutras Comunidades Autónomas, Ministerio ou mesmo internacionais). Isto significa, dunha banda fomentar a colaboración entre a comunidade docente, aproveitando ademais as mellores prácticas desenvolvidas nos centros máis avanzados; e doutra poñer en valor o seu traballo, como actores fundamentais do cambio educativo.
No tocante ao alumnado, ‘espazoABALAR’ permitirá nun futuro novos mecanismos para traballar con estudantes que requiran unha atención especial e diferenciada. Deste xeito, posibilitará a educación a distancia, facilitando o acceso ao ensino a enfermos de longa duración hospitalizados ou nas súas vivendas, persoas con mobilidade reducida, e estudantes con necesidades específicas. Ademais, permitirá un amplo seguimento académico, e a interacción co profesor ou a dirección do seu centro, o que se traduce nun claro fomento da actitude colaborativa.
Unha aposta de futuro
Baseado sobre accións planificadas no ámbito da tecnoloxía, da metodoloxía educativa, e da capacitación dos docentes, a meta final que persegue ABALAR é un cambio integral no modelo educativo, de tal forma que se pase do uso dunha aula específica de informática a que esta sexa parte diaria da actividade en todas as aulas.
No período 2010- 2013 está previsto que se beneficien da modernización do ensino uns 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos de toda Galicia, ademais de 15.000 docentes, que recibirán formación específica para o uso das TIC na súa práctica diaria