Política Lingüística impulsa a extensión do uso do galego no ámbito relixioso da man da Diocese Mondoñedo-Ferrol
O secretario xeral e o bispo Manuel Sánchez Monge compartiron hoxe o seu interese en potenciar o uso desta lingua na actividade eclesial
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol reforzan a súa colaboración na promoción do uso da lingua galega, a través dun convenio no que se contemplan diversas actuacións en materia de dinamización lingüística.
No marco desta colaboración, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou hoxe en Ferrol o bispo da diocese, Manuel Sánchez Monge, na sede da entidade en Ferrol, onde ambos tiveron ocasión de compartir os seus intereses no fomento do uso do galego dentro da actividade eclesial.
A través do convenio de colaboración que veñen de asinar ambas as entidades, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol desenvolverá un importante labor ao longo deste ano destinado a fomentar o uso da lingua galega na súa actividade: na información da páxina web da diocese (www.mondonedoferrol.org), na folla diocesana Dumio (difundida co xornal La Voz de Galicia), nos libros da Chancelería do Bispado, na carta pastoral do bispo sobre o ano sacerdotal, no Boletín Oficial do Bispado, nas escrituras e formularios da Curia Diocesana etc. Ademais, no marco do convenio de colaboración. tamén se continuará impulsando o uso da lingua galega en todas as delegacións de Pastoral da Diocese.
Novos espazos de uso para o galego no ámbito relixioso
Co fin de favorecer a extensión do uso do galego na actividade eclesial, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén colaborando con diversas entidades do ámbito relixioso. Xunto coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Política Lingüística tamén colabora coa Diocese de Tui-Vigo e mais co Arcebispado de Santiago de Compostela.