O director xeral de Educación asistiu ao acto académico de fin de curso do IES 12 de Outubro, en Ourense

José Luis Mira acompañou ás 168 alumnas e alumnos que se despiden este ano do centro

Xov, 27/05/2010 - 21:05

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, acompañou hoxe ás alumnas e alumnos que despedían o curso académico no IES 12 de Outubro, de Ourense. Foron 168 rapaces os que recibiron neste acto as orlas que recordan o seu paso polo centro, no que cursaron estudos de ESO, Bacharelato, ou do Programa de Cualificación Profesional Inicial en Fabricación Mecánica. Ademais, celebraron o fin dos seus estudos os estudantes de ciclos de grao medio de Mecanizado, Perrucaría, Estética Decorativa, e Equipos e instalacións electrotécnicas; e os de grao superior de Estética e Mecanizado.

O acto foi inaugurado polo grupo de saxos ‘Folgos Novos’, e presentado por representantes do alumnado de 1º de Bacharelato. Tamén a directora do centro, Marina Fernández Díaz, dirixiu unhas palabras aos estudantes para lles desexar o mellor futuro de agora en diante. Durante a cerimonia, o director xeral de Educación animou ás rapazas e rapaces a continuar os seus estudos, co fin de acadar a mellor formación de cara á súa incorporación, ben ao mundo da investigación, ben ao mercado laboral.

Antes da entrega das orlas, o profesor da Universidade de Vigo Abraham Segade impartiu o relatorio “Sistema Inneo: Farois que poden salvar vidas”, co que achegou ao alumnado a esta innovación. O sistema Inneo, consiste na ancoraxe da base dos farois mediante dúas pezas metálicas que, ao sentiren un forte impacto, se derruban no sentido da marcha do vehículo. Deste xeito, minimízanse os danos do accidente, ao se reducir considerablemente a desaceleración que sofren os ocupantes accidentados.

Tras a despedida do alumnado, o grupo de saxos ‘Folgos Novos’ pechou a celebración interpretando algunha pezas. Ao acto asistiu José Luis Mira en representación do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, que desculpou a súa presenza xa que tivo que asistir á Conferencia de Educación que hoxe se celebraba en Madrid.

Na clausura do curso escolar estiveron presentes o delegado territorial de Ourense, Rogelio Martínez, a xefa territorial de educación, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade de As Burgas, Francisco Rodríguez.

Formación completa

O IES 12 de Outubro conta cunha longa traxectoria impartindo ensinanzas de FP. Non en balde, o Instituto foi inaugurado en setembro de 1955 con nome de "Taller Escuela Sindical de Formación Profesional 12 de Outubro", sendo un dos centros pioneiros na formación profesional en toda a provincia ourensá. A partires do 1992, o IES incorporou ademais estudos de ESO e bacharelato, compartindo espazo e aprendizaxe con os ciclos profesionais de grao medio e superior.

O centro escolar é un dos que comezará a traballar co proxecto Abalar o vindeiro ano, o que completará a formación do alumnado que ten un índice de colocación laboral de preto do 100% unha vez que rematan os seus estudos.