Cultura e Educación convoca oito prazas en lectorados de galego de España, Alemaña, Reino Unido e Polonia
O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde hoxe ata o 13 de xullo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocou oito prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en España, Alemaña, Reino Unido e Polonia. As universidades de destino son a Autónoma de Barcelona, a de Estremadura (Cáceres), a de Salamanca, a Universidade Cristiana Albertina de Kiel, a de Heidelberg, a de Leipzig, a de Gales (Bangor) e a de Varsovia, respectivamente. En total a Consellería ten previsto renovar neste ano doce prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.
As persoas interesadas en concorreren á convocatoria –publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia- poderán presentar a súa solicitude no prazo dun mes (ata o vindeiro 13 de xullo). No mes de setembro terá lugar a fase de entrevista persoal para o proceso de selección na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.
Requisitos das persoas aspirantes
A convocatoria establece entre os seus requisitos estar en posesión da licenciatura en filoloxía galega; na de hispánicas, subsección galego-portugués; en románica tendo cursado galego como primeira ou segunda lingua; dos graos en lingua e literatura galegas, en estudos de galego e español, en galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios, en lingua e literatura españolas (sempre que a lingua B ou C elixida dose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade Minor en lingua e literatura galegas ou Maior Plus en introdución á lingua e literatura galegas) e en lingua e literatura modernas (sempre que a lingua B ou C elixidas fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en lingua e literatura galegas ou Maior Plus/modalidade mixta en introdución á lingua e literatura galegas).
Nos casos das prazas das universidades alemás, da británica e mais da polaca, tamén poderán concorrer aquelas persoas que estean en posesión da licenciatura en tradución e interpretación -sempre que acrediten como mínimo 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés- ou o grao en tradución e interpretación -sempre que, como mínimo, acrediten 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés-.
O texto íntegro da convocatoria e toda a información pódense consultar en www.xunta.es/linguagalega.
Aproxección exterior do idioma desde os lectorados
A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia integra arestora un total de 37 centros en universidades de tres continentes por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega a través da Consellería de Cultura e Educación. O obxectivo é dotar estas universidades de órganos de referencia –coordinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- desde os que se canalizan actividades que redundan no coñecemento e na promoción do uso da nosa lingua, non só no ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.
A maioría destes centros de estudos galegos, concretamente 29 de Europa e de América, vense reforzados coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.
A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia e de investigación do galego en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, na Arxentina, en Brasil, en Croacia, nos Estados Unidos, en Finlandia, en Francia, en Hungría, en Italia, en Irlanda, en Polonia, en Portugal, no Reino Unido e en Rusia.
A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a convocatoria de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.