Xesús Vázquez Abad recorda no Parlamento que os comedores escolares xestionados directamente pola Consellería están exentos do IVE

O conselleiro explicou que o seu departamento cumpre a legalidade no relativo a comedores de xestión indirecta, nos que o imposto aplicado é do 10 por cento

Mér, 12/06/2013 - 19:37

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recordou hoxe no Parlamento de Galicia que os comedores xestionados directamente pola Consellería están exentos do IVE e que no caso dos de xestión indirecta, se está a cumprir a legalidade. “Cando servizo se presta por unha entidade mercantil, ao estar esta suxeita ao devandito imposto, estase a aplicar o tipo impositivo do 10 por cento”, explicou.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lamentou que algúns partidos políticos intenten confundir á sociedade, difundindo porcentaxes elevados de IVE que en ningún caso se aplican aos comedores escolares. Diante da alusión do Bloque Nacionalista Galego ao interese da Comisión Escolar de coñecer o IVE que se está a aplicar en España respecto aos servizos de coidado infantil ou servizos de asistencia social en horario extraescolar, sinalou que a UE se refire a servizos fóra do horario lectivo. Porén, os comedores escolares están recoñecidos na lexislación orgánica educativa como servizos educativos complementarios, e non se axustan a aqueles aos que fai referencia a Comisión.

En calquera caso o conselleiro sinalou que “as competencias en materia de IVE exceden á Consellería que dirixo, xa que é un imposto estatal e que depende do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas que, como xa manifestou o seu titular, adoptará as medidas oportunas en función da petición concreta que faga a UE”.

Xesús Vázquez lembrou que o seu departamento está a facer un forte esforzo para ampliar o número de prazas nos comedores escolares. Así, en dúas lexislaturas aumentaranse en máis de 18.000 o número de prazas nos comedores escolares que xestiona, das que 11.000 serán gratuítas. O vindeiro curso o 70% dos usuarios terán o servizo gratuíto ou pagando 1 euro por menú, ao abeiro do novo decreto de comedores, que permite a ampliación de prazas garantindo o servizo sen custe algún para as familias con menos recursos.