Cultura e Educación convida a celebrar o día dos arquivos en toda Galicia con diversas actividades arredor do patrimonio documental

A Consellería inaugura o 7 de xuño ‘Patrimonio documentado’, unha exposición que afonda na protección e intervención nos bens culturais a través dos documentos dos arquivos e que se poderá visitar na Cidade da Cultura ata o mes de outubro

Visitas guiadas, xornadas de portas abertas, mostras e relatorios son algunhas das propostas coas que a Xunta se suma a esta efeméride a través do Arquivo de Galicia e dos seus arquivos provinciais e territoriais

Mar, 04/06/2013 - 15:00
Cultura e Educación convida a celebrar o día dos arquivos en toda Galicia con di
Cultura e Educación convida a celebrar o día dos arquivos en toda Galicia con diversas actividades arredor do patrimonio documental

Exposicións, visitas guiadas, xornadas de portas abertas e relatorios. Estas son as principais propostas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través dos arquivos dependentes da Secretaría Xeral de Cultura,  programa esta semana para conmemorar en toda Galicia o Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o 9 de xuño, data na que foi creado, no ano 1948, o Consello Internacional de Arquivos.

A Xunta de Galicia súmase a esta celebración anual con diversas actividades para destacar a importancia estratéxica dos arquivos e dos profesionais que os atenden para avanzar na eficiencia e na transparencia das administracións públicas, así como para a conservación do patrimonio cultural.

Como cabeza e centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia, o Arquivo de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, inaugurará o próximo 7 de xuño a exposición ‘Patrimonio documentado: a protección e intervención  nos bens culturais a través dos documentos dos arquivos’, que pretende contribuír á visibilidade e coñecemento do patrimonio documental que se custodia nos arquivos. As 70 pezas que conforman a mostra dan conta da valiosa información que estes documentos proporcionan para coñecer o que foi a intervención dos poderes públicos a prol da salvagarda e protección dos bens culturais durante máis de 150 anos, así como para comprender a evolución da sensibilidade social cara a eles.

Actividades nos arquivos histórico e territorial de Lugo

A través dos arquivos provinciais históricos de Galicia e dos territoriais, a Consellería de Cultura e Educación, tamén promove diversas actividades para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos. Na provincia de Lugo, por unha banda, o Arquivo Histórico Provincial organiza unha semana de portas abertas, ata o 7 de xuño, durante a que se poderá visitar o seu arquivo e coñecer as salas de proceso técnico de organización de documentos, o taller de restauración, os depósitos documentais e a totalidade do traballo que se fai para a conservación e difusión dos documentos.

Tamén organizará unha exposición de documentos, que incluirá desde pergameos ata expedientes administrativos que acreditan as actividades desenvolvidas polas administracións e a cidadanía desde a Idade Media ata a actualidade. Protocolos notariais de Gaspar de Arce, de Juan Sanjurjo de Aguiar ou de Juan Fernández Sanjurjo; actas capitulares do Concello de Lugo do ano 1800, o catastro do marqués da Ensenada ou pergameos como o do preito entre o Concello de Lugo e o bispo de Lugo pola posesión das chaves e do selo da cidade do século XIV son algúns dos documentos que se inclúen nesta exposición.

Por outra banda, o Arquivo Territorial da Xunta de Galicia en Lugo organizará o venres 7 de xuño visitas guiadas ás 10:00 horas e ás 12:00 horas, dirixidas aos empregados públicos como usuarios deste centro.

Relatorio e música en Pontevedra

Ademais da xornada de portas abertas con visitas guiadas ás 11, 13 e 17 horas, e unha exposición con documentos custodiados nos seus fondos, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra organiza o relatorio “A documentación catastral no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Dende o Catastro de Ensenada aos catastros actuais: os seus fins e a súa utilidade social”. Rafael Vallejo Pousada, profesor titular de Historia das Institucións Económicas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, será o encargado de impartir este relatorio, que terá lugar 7 de xuño ás 19 horas.

Como peche desta celebración, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra propón rematar a xornada cunha actuación musical a cargo de Fátima Baña, cantautora pontevedresa que interpretará temas do seu disco ‘Nota atlántica’.

Xornada de portas abertas en Ourense

As persoas interesadas poderán achegarse ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense o 7 de xuño no marco da súa xornada de portas abertas, que contará con visitas guiadas ás 12:30 e ás 18:30 horas. O arquivo tamén organizará unha exposición dedicada á fe pública e á documentación xerada por escribáns e notarios ao longo da historia, na que se poderán contemplar pergameos con escrituras medievais, rexistros de escrituras e protocolos notariais con información textual e figurativa de interese para a historia de Ourense. Así mesmo, poderán verse libros de actas do Concello de Ourense do XVIII.

Visitas guiadas na Coruña

Durante esta semana, o Arquivo do Reino de Galicia, con sede na Coruña, distribuirá folletos explicativos e publicacións do centro entre os seus visitantes para celebrar o Día Internacional dos Arquivos. Tamén ofrecerá visitas guiadas programadas polas instalacións do arquivo e o laboratorio de restauración, que se acompañarán dunha pequena mostra de documentos orixinais conservados no centro. O 5 de xuño, os membros do Club de Lectura do Instituto Urbano Lugrís da Coruña terán ocasión de se achegar a unha selección de documentos entre os que se incluirán orixinais vencellados con destacados escritores galegos, como Curros Enríquez ou Rosalía de Castro. O 6 de xuño, o tema central da visita que realizará o alumnado de IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela matriculado en Xeografía da paisaxe será o das distintas manifestacións da terra nos documentos cartográficos e iconográficos.

O Arquivo Central da Consellería de Cultura e Educación, con sede en Santiago de Compostela, tamén se suma á celebración cunha xornada de portas abertas e visitas guiadas, dirixidas tanto aos usuarios do arquivo como á cidadanía en xeral.