O conselleiro de Cultura e Educación sinala na presentación do ‘Ranking CyD’ á universidade como impulsora da competitividade internacional da sociedade que a rodea

Xesús Vázquez Abad participou hoxe na presentación desta iniciativa da Fundación Conocimiento y Desarrollo, que ofrecerá información sobre a posición das diferentes institucións académicas en indicadores como a inserción laboral ou o volume investigador

Mar, 04/06/2013 - 14:45
Xesús Vázquez Abad participou hoxe na presentación do Ránking CyD
Xesús Vázquez Abad participou hoxe na presentación do Ránking CyD

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na presentación pr ao noroeste de España do ‘Ranking CyD’, unha iniciativa da Fundación Conocimiento y Desarrollo que ofrecerá información sobre a posición das diferentes institucións académicas en indicadores como a inserción laboral ou o volume investigador, co obxectivo de ser unha guía orientativa para que os futuros estudantes se decaten por unha ou outra universidade. Na presentación o conselleiro estivo acompañado polo vicepresidente da devandita fundación, Francesc Santacana; e polo seu patrono e presidente do Consello social da Universidade da Coruña, Antonio Abril.

Na súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia deste tipo de iniciativas para integrar “gran parte dos indicadores necesarios hoxe para medir a dimensión dunha institución universitaria”. Neste sentido sinalou o acerto da Fundación CyD ao captar o necesario cambio de perspectiva e mirar cara a unha universidade do mañá que “non só fai aos mellores egresados, senón que impulsa a sociedade que a rodea para que, nas súas fortalezas, sexa a máis competitiva a nivel internacional”. Unha universidade que é motor da sociedade de futuro implica investigación, “pero xera tamén novas empresas, traballo e oportunidades”, engadiu.

O conselleiro lembrou que o seu departamento e as universidades galegas veñen traballando en diálogo permanente en prol dun sistema universitario de excelencia, “que mira ao seu redor para buscar os seus nichos de desenvolvemento”, tales como os Campus do Mar, Vida e da Auga. Nesta liña Vázquez Abad amosou a súa satisfacción polo feito de que boa parte do panel dos indicadores co que a Consellería está a avanzar no reparto de fondos por resultados ás universidades – que vai gañando progresivamente peso no marco do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia- se corresponda cos indicadores contemplados no ‘Ranking CyD’, “que á súa vez van en sintonía cos do europeo U-Multirank”. “Isto demostra – salientou- que estamos no bo camiño cara ao establecemento duns estándares que sirvan non só como atractivo aos estudantes, senón tamén como sinais de competitividade e mellora da calidade a nivel internacional”.

Traballo e contribución ao desenvolvemento

Xesús Vázquez fixo fincapé en dous indicadores do ranking que cualificou como fundamentais: a inserción laboral e a contribución da universidade ao desenvolvemento rexional. “Universidade e tecido social e empresarial unidos para lograr unha maior transferencia de resultados en prol dunha sociedade do coñecemento sostible, dun mundo mellor”, dixo.

Neste sentido agradeceu á Fundación CyD o seu interese na posta en marcha desta iniciativa, que cualificou como estímulo e que demostra que ”CyD, ao igual que a Consellería, esmérase no coidado dos estudantes que nos vindeiros anos superarán calquera obstáculo apra facernos máis fortes”.

Un ranking á medida do usuario

O ‘Ranking CyD’ busca ser unha clasificación multidimensional coa que cada usuario poderá realizar a súa propia procura de prioridades, en base a unha serie de indicadores de avaliación, tales como a investigación orientación internacional, ou a transferencia de coñecemento, entre outros; fronte ás clasificacións actuais, que xiran principalmente en torno á investigación.

 

Tomando como referencia os ámbitos de coñecemento para ofrecer comparacións máis precisas, esta clasificación presentará os resultados en tres grupos de rendemento – alto, medio e baixo- en lugar de facelo de forma ordinal, como é tradicional. Os datos comezarán a publicarse na primavera do 2014.

 

A iniciativa enmárcase no proxecto U-Multirank, da Unión Europea para o desenvolvemento dun ranking internacional multidimensional independente dentro da estratexia ‘Europe 2020’. Asía, a Fundación CyD liderará a parte española deste proxecto, como entidade asociada e funcionando como interlocutor coas universidades.