Os exames das probas de acceso á universidade do día 12 de xuño celebraranse en Ferrol

Malia á proposta realizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por mor da folga convocada para ese día, a Comisión Interuniversitaria de Galicia acordou non modificar o lugar de realización do primeiro exercicio das probas de acceso

Así, as probas dos días 12, 13 e 14 celebraranse en Ferrol, nas sedes previstas, contrariamente ao solicitado pola Consellería

Lun, 03/06/2013 - 16:40
Os exames das probas de acceso á universidade do día 12 de xuño celebraranse en
Os exames das probas de acceso á universidade do día 12 de xuño celebraranse en Ferrol

Os exames das probas de acceso á universidade do próximo día 12 celebraranse na cidade de Ferrol malia á proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de modificar o lugar de realización das probas, co menor prexuízo posible para os alumnos e as súas familias. Na reunión mantida o pasado venres polo departamento educativo da Xunta de Galicia coa Comisión Interuniversitaria de Galicia acordárase o cambio de lugar, diante da situación de folga prevista para o día 12 na Comarca de Ferrolterra.

Porén, no día de hoxe, os tres representantes das universidades na CIUG solicitaron unha reunión urxente e manifestaron a súa vontade de manter o desenvolvemento dos exames das PAU nas sedes inicialmente previstas en Ferrol. Esta solicitude da CIUG é consecuencia dun manifesto dos sindicatos convocantes da Folga Comarcal en Ferrolterra que manifestan a vontade de respectar o desenvolvemento da dita proba.

Aínda non entendendo nin compartindo o cambio de criterio respecto da reunión do venres pasado, e non compartindo os motivos polos que non se accede á modificación solicitada pola Consellería de que as probas se celebren no Campus de Elviña, para evitar problemas no desenvolvemento dos exames como consecuencia da folga convocada, a Consellería decidiu respectar a proposta da CIUG para evitar facer inxerencias na súa autonomía.

Diante de esta situación, a Consellería non se fai responsable dos prexuízos que se podan derivar ao alumnado como consecuencia da previsible imposibilidade do alumnado a acceder ao lugar da realización dos exames ou das alteracións do seu desenvolvemento. En calquera caso, a Consellería respecta a vontade manifestada polos representantes das universidades na CIUG e mantéñense as datas e lugares de realización dos exames.