Galicia, á cabeza das comunidades autónomas en axudas para compra de libros de texto, cun investimento de máis de 20 millóns de euros, o maior en función da súa poboación escolar
O conselleiro de Cultura e Educación salientou hoxe o esforzo do seu departamento por garantir o acceso en igualdade de oportunidades aos servizos educativos básicos, axudando máis ás familias que máis o necesitan
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe que o programa de Gratuidade Solidaria –que acaba de convocarse un ano máis- sitúa a Galicia, con diferenza, á cabeza das comunidades autónomas de España en materia de axudas aos libros de texto, cun investimento de máis de 20 millóns de euros, o maior investimento de todas as Comunidades en función da súa poboación escolar. Ademais, a Xunta está no grupo de cabeza en canto ás contías individuais das axudas, con bolsas, un ano máis, de ata 250 euros. Neste sentido Xesús Vázquez fixo fincapé no esforzo que o seu departamento está a realizar para garantir o acceso da cidadanía aos servizos educativos básicos, con máis axudas a quen máis o necesita.
“Cómpre salientar así mesmo que para o curso de 2013-14, varias comunidades autónomas non achegarán cartos da propia Comunidade Autónoma para libros de texto, como son os casos de Baleares, Castela-León, e Cataluña”, indicou Xesús Vázquez.
Deste xeito Vázquez Abad manifestou, no marco da inauguración da 29 edición da feira do libro de Ourense o compromiso da Xunta de Galicia con que as familias galegas teñan acceso aos manuais en propiedade. “Queda demostrado, polo tanto – dixo-, que a Xunta de Galicia nestes tempos de crise está a apostar máis que ningunha outra administración autonómica polo acceso da cidadanía aos servizos educativos básicos, con máis axudas a quen máis o necesita”. “Ao mesmo tempo, impulsamos a través de iniciativas como estas feiras, a cultura, e máis en concreto o libro, como un valor de futuro imprescindible na nosa sociedade e nas futuras”, engadiu.