Xesús Vázquez Abad participa no CGAC na presentación das ‘Xornadas de música contemporánea 2013’

O conselleiro afirmou que “outubro será en Compostela e Galicia un tempo idóneo para o fomento e a difusión de boa parte da mellor música do noso tempo”

Lun, 03/06/2013 - 13:00
Xesús Vázquez na presentación das Xornadas de música contemporánea 2013
Xesús Vázquez na presentación das Xornadas de música contemporánea 2013

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acudiu na mañá de hoxe ao CGAC para participar na presentación das Xornadas de música contemporánea 2013, e destacou que “outubro será en Compostela e Galicia un tempo idóneo para o fomento e a difusión de boa parte da mellor música do noso tempo”, para “achegarse e coñecer a música e a arte sonora que bule entre nós nas súas diversas formas e propostas e difundir esas novas propostas.”

O conselleiro estivo acompañado no acto por responsables das distintas administracións e institucións participantes na organización das xornadas, o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o director xeral do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM); o director do Centro Nacional de Difusión Musical, Antonio Moral; o director do CGAC, Miguel von Hafe; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Ramón Durán; e o xerente do Consorcio para Promoción da Música da Coruña, Andrés Lacasa.

A presentación contou con diversos momentos musicais de entrada e peche que tiveron por protagonistas a Luis Soto con Ideograma 25E de Jorge Berdullas;a Fernando Buide del Real con 2 movementos para piano; e a Vertixe Sonora Ensemble coa obra de Germán Alonso, fragmento para saxofón barítono e electrónica

Música e músicos galegos nas Xornadas

Vázquez Abad destacou a importante presenza de músicos e agrupacións galegas no conxunto da programación. Particularmente referiuse aos formacións de música contemporánea xurdidas en Galicia nestes últimos anos: Vertixe Sonora Ensemble, Taller Atlántico Contemporáneo e Música Práctica. “Colectivos ben diferenciados con obxectivos singulares –dixo Vázquez Abad–, pero moi importantes para nós polos anovadores postulados e as propostas que traen á nosa comunidade.”

Neste sentido o conselleiro tamén fixo mención á participación na programación de concertos de “agrupacións galegas fundamentais como a Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica; e, por suposto, músicos especialmente involucrados na difusión da música actual na nosa comunidade –algúns deles auténticos referentes neste eido– como Florian Vlashi, Berta Fresco, Marcos Escobar, Jesús González ou Mario Diz, entre outros.”

Novos públicos para a música contemporánea

O titular de Cultura e Educación subliñou o esmero que na programación das xornadas se tivo “polos aspectos didácticos e educativos, a través do seu programa AdesTempo, que ten –engadiu– unha vocación de chegar a novos públicos e inclúe así mesmo charlas previas ás actuacións e un amplo programa de concertos familiares, escolares e didácticos.”

“Achegarse e coñecer a música e a arte sonora que bule entre nós –dixo Vázquez Abad–nas súas diversas formas e propostas e difundilas entre amplos e diversos públicos é un obxectivo que, penso, resulta importante para todos, pois isto non só afecta aos hábitos de consumo cultural, senón que abrangue unha zona máis sensible e importante que é o propio desenvolvemento humano no noso territorio”, concluíu.