A Consellería de Cultura e Educación mantén o seu apoio ás familias a través dunha nova convocatoria de axudas do programa de gratuidade solidaria

O departamento educativo da Xunta publica no DOG os requisitos para a obtención destas achegas á adquisición de libros de texto para o curso 2013-2014

Ao igual que aconteceu ata agora arredor do 70% dos estudantes poderán beneficiarse deste programa que a administración galega mantén para o vindeiro curso e con axudas da mesma contía que o anterior a pesares da difícil situación económica

Ven, 31/05/2013 - 16:50
A Consellería de Cultura e Educación mantén o seu apoio ás familias a través dun
A Consellería de Cultura e Educación mantén o seu apoio ás familias a través dunha nova convocatoria de axudas do programa de gratuidade solidaria

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria axudas da Gratuidade Solidaria para os libros de texto e material escolar en todos os cursos do ensino obrigatorio, a través da que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad continúa un ano máis o seu apoio ás familias galegas para afrontar o inicio de curso.

Froito deste compromiso, o departamento educativo da Xunta de Galicia mantén as contías das axudas, o que constitúe un importante esforzo económico no actual contexto de crise económica. Así mesmo, os requisitos de renda per cápita familiar – tomando como referencia a do ano 2011-  para a obtención das axudas serán os mesmos que nos anos anteriores, entendida a renda como os rendimentos (do traballo, mobiliario...) minorados nas cuotas da seguridade social e outros conceptos deducibles. Ademais os estudantes de educación especial, así como os que presenten unha discapacidade igual ou superior ao 65%, percibirán axudas de 250 euros, independentemente da renda per cápita.

A Consellería estima que 7 de cada 10 familias resultarán beneficiarias deste programa de Gratuidade Solidaria, unha aposta da Xunta de Galicia por un sistema sostible no que resultan especialmente apoiadas as familias con menos recursos económicos.

Umbrais e contías iguais que en anos anteriores

O programa de Gratuidade Solidaria para o curso 2013/2014 mantén os umbrais da renda das convocatorias anteriores, tomando como referencia a situación persoal e familiar a 31 de decembro de 2011 e o exercicio fiscal 2011 e cunhas contías que posibilita que as familias con menos recursos poidan adquirir o material.

O importe das axudas por cada alumno/a, seguindo o devandito concepto de renda per cápita familiar é o seguinte:

Educación Primaria:

  • Familias monoparentais:
    • ata 6.000,00 euros: 170 euros.
    • desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros.
  • Resto das familias:
    • ata 5.400,00 euros: 170 euros.
    • desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros.

 

Educación Secundaria Obrigatoria:

  • Familias monoparentais:
    • ata 6.000,00 euros: 180 euros.
    • desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros.
  • Resto das familias:
    • ata 5.400,00 euros: 180 euros.
    • desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros.

Procedemento

O prazo de solicitude será desde o 3 de xuño ato o 3 de xullo para o alumnado de primaria e de educación especial; do 25 de xuño ao 26 de xullo para o da ESO que formalice matrícula no prazo ordinaria, e do 2 setembro ao 2 de outubro para os que fagan matrícula extraordinaria. Toda a información e as solicitudes pode atoparse no DOG e no portal educativo da Xunta de Galicia, www.edu.xunta.es.

Ás familias que cumpran cos requisitos para ser beneficiarios da Gratuidade Solidaria entregaráselle nos seus respectivos centros educativo un vale co que se poderán adquirir os libros no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe indicado no documento. Pola súa banda unha vez que os establecemento entreguen o material deberán presentar as facturas na Xefatura Territorial da Consellería de Educación en cada provincia, para que lles sexan ingresados os importes correspondentes aos vales tramitados.