A Consellería de Cultura e Educación reúne a máis de 230 profesionais na VI Xornada dos clubs de lectura

Trátase da cita anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura dos 222 centros de ensino público de Galicia

Relatores de recoñecido prestixio como Gemma Lluch, Xosé R. Lois e Marcos Calveiro ofreceron na EGAP distintos puntos de vista sobre o libro, a lectura e o proceso creativo

O conselleiro de Cultura e Educación asistiu á conferencia de Gemma Lluch e intercambiou impresións cos participantes

Cultura e Educación convocou este ano axudas para o funcionamento dos clubs de lectura por un importe de 200.000 euros

Ven, 31/05/2013 - 11:40

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a VI Xornada dos clubs de lectura, a cita anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura que están a funcionar en 222 centros de ensino público de Galicia no presente curso. Xesús Vázquez Abad, acudiu á Escola Galega de Administración Pública (EGAP)para asistir á conferencia inaugural da especialista en Literatura infantil e xuvenil, Gemma Lluch, e intercambiou impresións coa ponente e cos asistentes á acción formativa. O responsable de Redelibros Xosé R. Lois e o escritor Marcos Calveiro completaron a terna de conferenciantes que compartiron os seus coñecementos e experiencias cos máis de 230 profesionais participantes nesta xornada.

Unha xornada na que a protagonista é a lectura

A Xornada dos clubs de lectura é un foro aberto para o encontro e o debate entre todos aqueles que participan dos clubs de lectura nas bibliotecas escolares dos centros educativos nos que se imparten ensinanzas de secundaria, bacharelato, formación profesional ou de réxime especial á procura da excelencia educativa. Trátase dun dos fitos que máis contribúe á consolidación do hábito lector e a adquisición multinivel de competencias esenciais para a formación persoal e directamente relacionadas co éxito académico.

No presente curso 222 centros contan cun club de lectura, que á súa vez pode estar constituído por un ou varios grupos de lectores. Preto dun 30% destes clubs inclúe tamén cun grupo de lectura para adultos, no que participan pais, nais, exalumnos, profesorado e mesmo persoal non docente.

A Consellería de Cultura e Educación convoca anualmente axudas para incentivar o funcionamento dos devanditos clubs de lectura, unha convocatoria que no presente curso ascendeu aos 200.000 euros.

Programa da acción formativa

Logo da inauguración da xornada, a conferencia inaugural ‘Os criterios para seleccionar libros para os adolescentes’ tivo como protagonista á especialista en Literatura infantil e xuvenil profesora da Universitat de València e integrante do grupo de investigación ERI, Gemma Lluch.

Ás 12 horas realizouse a mesa de experiencias: ‘Participar nun club de lectura serve para adquirir competencias imprescindibles’. Os integrantes da mesma reflexionaron sobre como pode contribuír o club de lectura á adquisición de competencias básicas, así como outras habilidades para moverse con seguridade nos eidos académico, social e da información. Neste sentido, fíxose fincapé en diversas competencias vencelladas á comunicación lingüística, aprender a aprender, tratamento da información e competencia dixital ou autonomía e iniciativa persoal. Os participantes na devandita mesa foron Begoña Valdés, do IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña; Julio Abalde, do IES Ribeira de Louro en O Porriño (Pontevedra); Almudena Platero, do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense; e Delio Chao, do CPI Luís Díaz Moreno de Baralla (Lugo)

Para concluír a sesión de mañá, Xosé R. Lois, responsable de Redelibros http://www.redelibros.com, a rede social galega do libro, pronunciou a conferencia ‘Lectura social. Redes sociais ao servizo da lectura’.

Na quenda de tarde ofrecéronse catro reunións que abordaban os temas de ‘Lectura social. Sociedade lectora’, ‘Lusofonía e linguas nos clubs de lectura’, ‘Lectura, valores, voluntariado cultural’ e ‘Recursos dixitais e medios audiovisuais ao servizo da lectura’, aspectos todos eles de plena actualidade que permitiron un amplo debate e intercambio de opinións sobre a práctica profesional.

A xornada pechouse coa conferencia do escritor Marcos Calveiro quen, tomando como referencia o título ‘Ler, escribir, amar’, realizou un percorrido a través das bibliotecas e os libros que converten a un lector en escritor, reflexionou sobre os horizontes que ofrecen as obras literarias e abordou o tema clásico da teoría da literatura da lectura como reescrita.