Preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa
O conselleiro de Cultura e Educación anunciou no Parlamento que xa se traballa na nova convocatoria, para o curso 2013/2014, que incluirá ademais unha nova liña de actuación, referida á promoción de melloras na calidade da xestión dos centros
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe no Parlamento de Galicia o éxito entre os colexios e institutos dos contratos-programa, postos en marcha pola Consellería. Neste sentido indicou que preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa. No caso concreto das liñas de actuación referidas á redución do abandono e á mellora de coñecementos para acadar a excelencia a valoración é positiva ou moi satisfactoria no 100% dos centros.
Durante a súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou que a Consellería xa está a traballar na terceira convocatoria dos contratos-programa, para o curso 2013/2014, que incorporará ademais unha sexta liña de actuación, referida á promoción de melloras na calidade da xestión dos centros educativos. “A relevancia da nova área- explicou- fundaméntase en que reforzará a autonomía dos centros baixo a idea de que a calidade da xestión e a toma de decisións baseadas na avaliación redundará na mellora da calidade educativa. Entre outras posibles actuacións, fomentaranse aquelas orientadas a incentivar a difusión de boas prácticas e o uso dun modelo común de xestión para o intercambio de experiencias e para estimular a cultura da mellora continua entre todos os membros da comunidade educativa dos centros”, dixo o conselleiro.
Tal e como explicou Xesús Vázquez nesta iniciativa para a mellora do éxito escolar participan no actual curso – o segundo de implantación- 289 centros, que desenvolven un total de 418 actuacións en torno ás 5 liñas de actuación: reforzo, orientación e apoio; mellora da lectura, escritura e cálculo; mellora da convivencia; redución do abandono escolar; e para favorecer a excelencia educativa. Deles benefícianse máis de 35.790 alumnas e alumnos – 1 de cada 5 do ensino obrigatorio- , en 3 de cada 10 centros públicos. Nos contratos-programa están implicados este curso un total de 2.950 docentes, fronte aos 464 da primeira convocatoria.