A Consellería de Cultura e Educación continúa co plan de mellora de bibliotecas escolares, que chegará o vindeiro curso a 524 colexios e institutos públicos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do PLAMBE para o 2013/2014
A iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe, que converteu os centros galegos nunha referencia a nivel estatal
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará un novo impulso á rede galega de bibliotecas escolares a través dunha nova convocatoria do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que chegará o vindeiro curso a 524 centros de ensino, 300 máis das que había ao inicio da lexislatura; demostrando unha vez máis a aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia polo ensino público de calidade. Non en balde, no curso actual forman parte desta iniciativa o 57% dos CEIP de Galicia e o 62% dos IES; así como o 60% dos centros públicos integrados (CPI) participan no plan, centros nos cales estuda, maioritariamente, alumnado de zonas rurais.
Deste xeito, e a pesar da crise, a Consellería mantén o reforzo das bibliotecas, a través do Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e que logrou converter aos centros de ensino galegos en referentes a nivel nacional, recoñecidos con diversos premios ás súas boas prácticas.
Os centros educativos disporán de un mes para solicitar a incorporación a este programa, para o que terán que presentar un proxecto para a biblioteca, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar. Entre outros requisitos, será necesario que se designe un docente responsable da biblioteca escolar, así como un grupo de apoio ao mesmo.
A incorporación dos colexios e institutos a este plan supón un apoio extra por parte da Administración educativa para a actualización dos fondo bibliotecarios, a renovación do mobiliario e doutros equipamentos necesarios para a prestación dos servizos da biblioteca. O crecemento deste programa é froito dunha implicación conxunta dos docentes e os centros educativos por unha banda, e da Consellería pola outra, a prol dunha dinamización efectiva das bibliotecas escolares como espazos para a alfabetización informacional e a formación lectora do alumnado e mesmo das súas familias - a través de iniciativas como as ‘Mochilas Viaxeiras’ ou os clubs de lectura- favorecendo a aprendizaxe e o lecer.
A biblioteca, un espazo integrador
O PLAMBE nace da necesidade de dar o peso que as bibliotecas escolares merecen como espazos integradores nos centros de ensino, salas nas que, máis aló das tarefas de clase, as alumnas e alumnos poden aprender a utilizar os diferentes recursos e soportes – libros, materiais audiovisuais, recursos dixitais...- para o seu enriquecemento académico e persoal. Ademais, este espazos están a funcionar como canle para a integración nos colexios e institutos das novas tecnoloxías da información e a comunicación, ofrecendo a posibilidade de acceso aos bens culturais, independentemente do estrato económico, social e cultural de procedencia, actuando así como un axente de compensación social. Neste sentido cómpre ademais salientar o seu valor na capacitación do uso das TIC por parte do alumnado.
Os proxectos das bibliotecas escolares no PLAMBE apostan ademais pola incorporación dos variados recursos dos que dispoñen nas prácticas educativas cotiás e pola posta en marcha de prácticas innovadoras no tratamento dos contidos curriculares, liderando, por exemplo,o traballo por proxectos de carácter interdisciplinar, e favorecendo así o éxito escolar, ao tempo que se fomenta nos estudantes o hábito lector e se lles capacita para a lectura crítica e o uso eficaz e responsable da información.