Cultura e Educación favorece a mobilidade internacional dos universitarios galegos a través da convocatoria de axudas á participación en intercambios con países extracomunitarios

A Consellería mantén o mesmo número de bolsas que o presente curso e na mesma contía, na súa aposta por que todos os estudantes teñan igualdade de oportunidades no acceso a un ensino de calidade

Dom, 26/05/2013 - 11:00
Cultura e Educación favorece a mobilidade internacional dos universitarios galeg
Cultura e Educación favorece a mobilidade internacional dos universitarios galegos a través da convocatoria de axudas á participación en intercambios con países extracomunitarios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorecerá unha vez máis a mobilidade internacional do alumnado universitario galego a través da convocatoria de axudas aos estudantes que participen no curso 2013/2014 en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus. Cómpre lembrar que esta iniciativa foi implantada pola actual Consellería no curso 2011/2012.

Desta forma o departamento educativo da Xunta de Galicia reforza o seu compromiso con que todas as alumnas e alumnos, independentemente da súa situación económica, teñan igualdade de oportunidades no acceso a un ensino de calidade. O mantemento do mesmo número de bolsas que o presente curso - un total de 98 – e na mesma contía – 1.000 euros cada unha- é unha clara mostra de que o departamento dirixido por Xesús Vázquez está a impulsar unha política social no eido do ensino universitario. Non en balde, no 2013 a Xunta está a facer un importante esforzo económico, incrementando nun 2% a partida destinada a bolsas.

O obxectivo destas axudas, que se poderán solicitar ata o 29 de xuño, é reforzar a aprendizaxe mutua, o traballo de cooperación, favorecer a mobilidade, compartir experiencias e coñecemento, e fomentar o aumento das competencias lingüísticas e profesionais. Os destinos máis habituais son países como Brasil, Estados Unidos, México, Arxentina, Uruguai e Chile.

Destinatarios

As axudas destináranse a alumnas e alumnos matriculados nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que  participe en programas de intercambio, relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios.

Aqueles que desexen optar a elas deberán ter realizado os últimos tres cursos académicos nalgún centro ou universidade galega. Os estudantes estranxeiros non comunitarios que soliciten a axuda deberán acreditar a condición de residentes, non podendo realizar o intercambio con universidades do seu país de orixe.

Esta convocatoria únese ás xa publicadas dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2012 nas universidades do SUG, das axudas complementarias ás achegadas pola UE no marco do programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza - que se incrementaron este ano nun 30%-, das destinadas ao alumnado que se vexa afectado por causa sobrevida ou imprevista e teña dificultades económicas para continuar estudos; así como das convocadas para estadías nalgún estado membro da UE, durante o verán de 2013, co obxecto de coñecer a lingua dese país. En total, xunto coas de mobilidade para países extracomunitarios, estas 5 liñas de axudas foron convocadas por un importe de máis de 1,7 millóns de euros.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza