Cultura e Educación apoia a estrea en Galicia do filme ‘Somos xente honrada’ no acto de apertura do Festival de Cans

A primeira longametraxe do director vigués Alejandro Marzoa contou cunha achega económica da Consellería a través das axudas á produción audiovisual da Agadic, que patrocina tamén o certame que se celebra ata o sábado no Porriño

A fita, producida por Vaca Films, proxéctase por vez primeira en Galicia tras o seu paso polo Festival de Málaga e a dúas semanas da súa chegada ás salas de cine

O programa desta segunda xornada de actividade inclúe tamén o pase da película de animación ‘O Apóstolo’ e un coloquio co seu director, Fernando Cortizo, e a actriz Isabel Blanco

Xov, 23/05/2013 - 20:17
Fotograma  do filme Somos xente honrada
Fotograma do filme Somos xente honrada

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na estrea galega de Somos xente honrada, primeira longametraxe do director vigués Alejandro Marzoa producida por Vaca Films, que tivo lugar ás 20.00 horas no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño como parte do acto oficial de apertura da décima edición do Festival de Cans.

O filme, que chegará ás salas de cine españolas o 7 de xuño, contou para a súa produción co apoio económico do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad a través dunha achega de 234.000 euros dentro da convocatoria de axudas ao audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Este organismo de Cultura e Educación é tamén unha das entidades patrocinadoras do certame de curtametraxes que se está a celebrar na parroquia de Cans.

En representación da Consellería, o director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de Somos xente honrada nesta primeira exhibición da fita en Galicia, tras a súa participación o pasado mes de abril no Festival de Málaga. Ademais de Alejandro Marzoa, director que xa foi premiado en Cans polas súas curtametraxes, asistiron a esta estrea os actores Unax Ugalde e Miguel de Lira, protagonistas do filme xunto a Paco Tous e a Manuela Vellés. No reparto figuran tamén os galegos Manuel Lozano, Antonio Durán “Morris”, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Luisa Merelas e Ricardo de Barreiro.

Desfile de chimpíns

A proxección da opera prima deste realizador vigués, que aborda a situación que se xera cando dous pais de familia en paro atopan por casualidade un paquete de 10 quilos de cocaína, estará precedida do xa tradicional desfile de chimpíns cos equipos artístico e técnico, amenizado por Os Lajaretas.

Este acto de apertura celebrouse dentro da segunda xornada de actividade da décima edición de Cans, que esta tarde ofreceu tamén a proxección de O Apóstolo, película de animación dirixida por Fernando Cortizo e producida tamén co apoio da Xunta de Galicia, entre outras entidades colaboradoras. Durante a sesión pasáronse, ademais, imaxes inéditas da rodaxe desta fita de intriga e terror, que foi unha das grandes vencedores na pasada edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, ademais de ser candidata ao mellor filme de animación nos Premios Goya e no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges.

Coloquio

Tras o pase, os asistentes tiveron a oportunidade de participar nun coloquio con Fernando Cortizo e coa actriz Isabel Blanco, que achegaron a Cans material de traballo e as figuras protagonistas de O Apóstolo para explicar o seu funcionamento e as especiais características da súa realización como primeira película europea de animación en stop motion desenvolvida en 3D estereoscópico.

Cans continuará coa súa programación ata o sábado día 25, día grande do certame durante o que se proxectarán as 21 curtametraxes a concurso e para o que se esgotaron rapidamente as primeiras entradas á venda. Serán, en total, catro días de actividade cun centenar de proxeccións, imaxes inéditas, xéneros novos e máis de 20 actuacións musicais. Para a celebración do seu décimo aniversario, o festival conta, ademais, coa presenza de profesionais e artistas convidados que participaron nalgúns dos grandes momentos da súa historia, como Wyoming, Jorge Ilegal, Víctor Coyote, Juanma Bajo Ulloa, Manuel Manquiña, Tony e Elio dos Santos e Silvia Superstar.