Cultura e Educación está a consensuar coas universidades os criterios xerais para a convocatoria de prazas de profesorado
A Consellería presentou ás universidades un primeiro documento de traballo para consensuar estas pautas, polo que non se entende que se estea a falar de exclusión nin de criterios pechados
Ademais informounas de que o Goberno central está a impugnar convocatorias realizadas polas universidades de profesorado laboral fixo e contratado doutor
En calquera caso o documento non supón deixar fóra a ningún colectivo nin asegurar tampouco a praza e a estabilización a ningún outro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu onte ás tres universidades galegas para consensuar os criterios xerais para a convocatoria de prazas de persoal docente e investigador. Para iso, presentoulles un primeiro documento de traballo, sobre o que as universidades comezaron a realizar propostas, e que xa na xuntanza de onte sufriu modificacións. A partir de agora as Universidades deberán realizar as súas achegas, tanto de documentación como de propostas, para que o proceso avance co maior consenso, polo que non se entende que se estea a falar de exclusión de algúns colectivos nin de criterios pechados. Cómpre sinalar que a iniciativa desta reunión e as propostas de traballo partiron da propia Consellería.
A Consellería informou ademais ás universidades de que o Goberno central está a impugnar convocatorias realizadas polas universidades de profesorado laboral fixo e de profesorado contratado doutor por non axustarse aos criterios en materia de persoal público da lei de Orzamentos do Estado. Polo tanto, o obxectivo desta xuntanza foi fixar criterios xerais axustados ás pautas que marca a devandita lei, asegurando o cumprimento da lei e tratando de evitar as referidas impugnacións que se están a producir.
Segundo o documento consensuado onte, as convocatorias de prazas de profesorado contratado por parte das universidades estarán en relación coas baixas rexistradas no Persoal Docente Investigador contratado, buscando unha situación axeitada para cada praza co obxectivo de dar aos afectados a posibilidade de manter a praza que ocupan ou, no seu defecto, a de concorrer ao oportuno concurso. Ademais, acordouse establecer unha xerarquía de criterios por niveis de urxencia e inaprazabilidade das prazas respectivas; uns criterios sobre os que aínda se pode traballar unha vez reunidas as achegas documentais das universidades.
En calquera caso é necesario deixar claro que o documento non supón deixar fóra a ningún colectivo nin asegurar tampouco a praza e a estabilización a ningún outro. De feito, o documento elaborado onte refírese á posibilidade de que poderá solicitarse a transformación en prazas de profesor contratado doutor "cando se trate de prazas ocupadas por investigadores ligados a plans de estabilización e/ou procesos de promoción de cada universidade”. Polo tanto, o obxectivo da reunión mantida na xornada do martes non foi outro que o de fixar criterios xerais axustados ás pautas que marca o Goberno central, evitando así as impugnacións de convocatorias que se están a producir.