O conselleiro de Cultura e Educación presenta o protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar, o primeiro do estado español que recolle tamén o ciberacoso
Trátase dunha ferramenta fundamental para a protección do alumnado, que guía a actuación do profesorado nestes casos, recollendo medidas no centro e na aula, así como a normativa relativa a este proceso
O conselleiro destacou que o protocolo garante que non transcorran máis de doce días desde que se detecta o posible caso de acoso ata que se resolve o expediente
O protocolo contén un apartado específico relativo ao ciberacoso, dando continuidade á Lei de Convivencia, pioneira na definición legal deste conflito
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá diante da comunidade educativa o protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar; que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma que recolle nun mesmo protocolo o tratamento do acoso e do ciberacoso. Non en balde, este novo documento contén un apartado específico a este conflito, de actualidade coa extensión do uso das redes sociais. Trátase, así, dunha ferramenta fundamental para a protección do alumnado, un documento base que facilitará aos centros a intervención temperá e a adopción das medidas oportunas, adaptándoas á súa realidade, e que dá continuidade á Lei de Convivencia, texto pioneiro na definición legal do ciberacoso.
Tal e como explicou Xesús Vázquez, grazas a este documento “o noso alumnado contará cunha maior protección fronte ás situacións de acoso, posto que ao existir un protocolo estandarizado, garántese que non transcorran máis de doce días desde que se detecta a posibilidade de que exista un caso de acoso escolar, ata que se confirma, se instrúe e se resolve o correspondente expediente corrector”. Ademais sinalou que o protocolo “vai facilitar que se faga máis efectivo o principio de protección á vítima desde o momento en que se detecte unha situación susceptible de provocar dano, xa que desde ese primeiro instante a potencial vítima vai contar cunha persoa de atención e de apoio”.
O protocolo busca ser unha guía de axuda na prevención das situacións de acoso, na detección de posibles situacións e no tratamento cando a situación xa se produciu e o centro debe intervir. Tanto o documento como os anexos que o acompañan, pretenden facilitar e axilizar a súa posta en práctica, recollendo estratexias de prevención e de actuación, así como a lexislación relativa a todo o procedemento. O obxectivo é a prevención e erradicación das posibles situacións de acoso escolar que poidan xurdir nos centros educativos galegos.
Á presentación deste protocolo asistiron, ademais do conselleiro, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; representantes da Consellería de Traballo e Benestar, da Secretaría Xeral de Igualdade, membros da Inspección Educativa e dos equipos de orientación específicos.
Novo decreto
O conselleiro salientou que este protocolo dá continuidade á Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, e anunciou a próxima publicación dun decreto que a desenvolva, así como de outros recursos para o asesoramento na elaboración de plans de convivencia para cada centro de ensino.
Así mesmo recordou as iniciativas postas en marcha pola Consellería para a mellora da convivencia, a través de contratos-programa cos centros educativas, actividades de formación do profesorado, a participación en programas a prol dun bo clima na aula – proxecto europeo ARBAX, Plan director en colaboración coa Delegación de Goberno, entre outros -, ou o lanzamento de diferentes espazos web con recursos para o profesorado e o alumnado arredor desta materia.
Fases do proceso
O protocolo establece catro fases diferenciadas para o tratamento dos conflitos: coñecemento, identificación e comunicación da situación; recollida e rexistro de información; análise da información e adopción de medidas; e seguimento, avaliación e rexistro das medidas adoptadas.
Neste sentido, márcanse por exemplo que a persoa que ocupa a dirección do centro deberá ter sempre coñecemento da situación, cuxa identificación deberá recollerse por escrito e sempre baixo a máxima confidencialidade e discreción. Nesta primeira fase indícanse ademais as medidas urxentes de protección á presunta vítima que se poderán tomar, indicacións para a comunicación do caso ás familias do alumnado implicado, así como - de ser oportuno- a outros outro profesionais educativos e axentes externos (membros da comunidade educativa, instancias sociais, sanitarias, xudiciais...). Así mesmo, recóllese a posibilidade de designar a unha persoa responsable de apoiar e atender á presunta vítima; e establécense os pasos para o seu nomeamento, entre o profesorado do centro, da persoa responsable da tramitación do proceso que -segundo indica o protocolo-, será tamén a instrutora do expediente disciplinario, de ser o caso.
Respecto da fase de recollida de información, o documento presentado hoxe ofrece aos docentes unhas pautas para o rexistro e levantamento de acta das entrevistas individuais que se realicen co alumnado e familias implicadas, así como para a recompilación de calquera outro tipo de documentación. Ademais indícalle aos docentes a posibilidade de solicitar asesoramento ou apoio técnico tanto do departamento de orientación do centro como, especialmente no caso de ciberacoso, de outros organismos como os servizos sociais, sanitarios, corpos e forzas de seguridade do Estado ou o Valedor do Pobo, entre outros.
De especial interese, sobre todo desde o punto de vista xurídico, é a orientación que o protocolo proporciona á comunidade educativa respecto dos pasos a seguir na terceira das fases. Así, ofrécese información sobre os diferentes expedientes disciplinarios que se poderán abrir no caso de estar diante dunha situación de acoso constatada, as fases de cada un, os responsables de desenvolvelo, as persoas ás que debe ser comunicada a incoación do expediente, así como sobre a normativa relativa ao mesmo, por exemplo no que atinxe á gradación das medidas que se poderán adoptar. Ademais, establécense exemplo das medidas que se poderán adoptar, antes e despois da resolución do expediente, para a protección da vítima (vixilancia, titorías, grupos de axuda...) e para a reeducación dos presuntos acosadores, así como as medidas correctoras destes últimos (que só se poderán adoptar unha vez resolto o expediente e de acordo co establecido na Lei 4/2011 e o Decreto que a desenvolva). Tamén se definen actuacións co grupo ou clase, coas familias e co equipo docente.
Por último deséñase o seguimento da situación, que quedará a cargo da persoa directora ou aquela na que delegue, coa intención de comprobar o cumprimento e a pertinencia das medidas adoptadas, para o que se deberán programar encontros periódicos, especialmente coa vítima, para comprobar a eficacia da actuación.
Traballo conxunto
Durante a presentación do protocolo o conselleiro agradeceu o labor do profesorado e salientou a importancia do traballo conxunto dos servizos de inspección educativa, servizos de orientación e servizos de formación que asesoran e dan competencias en materia de convivencia aos profesionais dos centros educativos.
Así mesmo, agradeceu a coordinación interinstitucional entre distintos departamentos da administración con implicación no referido á convivencia escolar, especialmente entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Traballo e Benestar a través da Área de Familia e Menores, a Secretaría Xeral de Igualdade especialmente na prevención de violencia de xénero e o Valedor do Pobo.