Cultura e Educación abre o prazo de inscrición de espectáculos e concertos para o último cuadrimestre de programación das redes da Agadic

As formacións artísticas interesadas teñen de prazo ata o 28 de maio para presentar as súas propostas á Rede Galega de Teatros e Auditorios, á Rede Galega de Salas e á Rede Galega de Música ao Vivo

O catálogo resultante constituirá a oferta de referencia para que os responsables dos espazos culturais adheridos compoñan os seus respectivos calendarios de actuacións

A Consellería dota economicamente o funcionamento anual destes tres circuítos con máis de 658.000 euros

Mar, 21/05/2013 - 11:54
Cultura e Educación abre o prazo de inscrición de espectáculos e concertos para
Cultura e Educación abre o prazo de inscrición de espectáculos e concertos para o último cuadrimestre de programación das redes da Agadic

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén aberto ata o vindeiro 28 de maio o prazo de inscrición de espectáculos escénicos e concertos das formacións artísticas que opten a configurar as programacións do último cuadrimestre de 2013 da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), da Rede Galega de Salas (RGS) e da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV).

O trámite de inscrición realízase a través da web www.galescena.info, á que deben acceder tanto as compañías e grupos xa rexistrados como os de nova anotación a fin de crear as fichas dos espectáculos e concertos en oferta. Con todas elas comporase o catálogo que manexarán os programadores responsables dos distintos espazos membros cara o deseño dos seus calendarios de actuacións a desenvolver entre setembro e decembro.

Deste xeito, a Consellería de Cultura garante a continuidade do funcionamento destes tres circuítos profesionais de distribución de espectáculos, o que supón a estabilidade na exhibición das últimas producións galegas de teatro, danza, maxia, novo circo e música nunha ampla área xeográfica que alberga máis de 60 escenarios e salas de concertos de toda Galicia.

Promovidos a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), en colaboración con concellos e entidades públicas e privadas galegas, contan cun orzamento anual por parte da Consellería de máis de 658.000 euros, dos que 500.000 corresponden á RGTA, 59.000 á RGS e 75.000 euros á RGMV. Á importante achega da Xunta de Galicia súmase a dos concellos e demais socios, cofinanciadores dos cachés destinados á RGTA e á RGMV en distintas porcentaxes para cada caso.

Carteleiras en curso

As tres programacións, que veñen funcionando xa desde o mes de abril, sumarán no seu primeiro período anual de actividade un total de 255 actuacións. Así, a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios levará a cabo ata agosto un total de 122 representacións a cargo de 57 compañías en 31 espazos correspondentes a 30 localidades galegas: 13 deles na provincia da Coruña (A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Carballo, Cedeira, Cee, Muros, Narón, Ortigueira e Santiago de Compostela), 8 en Pontevedra (A Estrada, Cambados, Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela, Vigo e Vilagarcía de Arousa), 5 en Lugo (Foz, Lugo, Monforte, Ribadeo e Viveiro) e 4 Ourense (A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ourense).

A Rede Galega de Salas, integrada nestes momentos por dous espazos en Santiago de Compostela (ARTeria Noroeste e Sala Santart), un en Vigo (Teatro Ensalle) e un na Coruña (Teatro del Andamio), está a programar ata agosto un total de 37 funcións, ofrecendo tamén un catálogo multidisciplinar no que destacan as propostas de novas tendencias e as dirixidas a público infantil.

No tocante a Rede Galega de Música ao Vivo, a Consellería está a promover a celebración de 96 concertos e funcións escénicas nun total de 26 salas de toda Galicia. Para esta primeira carteleira do ano, as salas adscritas seleccionaron un total de 27 formacións –25 bandas de música e dúas compañías escénicas– para configurar unha variada oferta, maioritariamente galega e na que figuran grupos de todos os estilos, que van do rock ao jazz, pasando polo pop, o folk, o blues, o heavy ou a electrónica, entre outros.

Esta primeira programación da RGMV desenvólvese en 26 locais, a través da que chega aos espectadores de 19 localidades: A Coruña (BâBâ Bar, Garufa e Jazz Filloa), A Laracha (Pub d’Antón Rock Café), Allariz (Café-Cultural Roi Xordo), Baiona (Marrucho), Bueu (Aturuxo), Caldas de Reis (Zona Zero), Cangas do Morrazo (SalaSon), Culleredo (Fórum Celticum), Ferrol (Sala Super8), Lugo (Clavicémbalo), Melide (A Fundación e Pub Gatos), O Barco de Valdeorras (Baranda), O Grove (Náutico), O Porriño (Bar Liceum), Ponteareas (A Regueifa), Pontevedra (Sala Karma), Santiago de Compostela (Ultramarinos), Vigo (El Contrabajo, Ensanche, La Casa de Arriba, La Fábrica de Chocolate e La Iguana Club) e Vilagarcía de Arousa (Sama Sama).