A Consellería de Cultura e Educación incorpora 86 unidades de competencia máis ao procedemento de acreditación da experiencia profesional, para o que convoca 9.360 prazas
Trátase da cuarta convocatoria destas características que publica o departamento dirixido por Xesús Vázquez, co fin de facilitar o acceso a unha certificación oficial ás persoas traballadoras que non contan con formación regulada, o que favorece o seu acceso ao mercado laboral e a súa mobilidade
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar 9.360 prazas para o novo proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal, que se desenvolverá nos vindeiros meses nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, 20 de maio.
Tratase da cuarta convocatoria consecutiva de acreditación de competencias que realiza o departamento educativo da Xunta de Galicia, e que se ten incrementado de forma considerable desde as 1.600 prazas ofertadas na primeira ocasión. En total, desde 2011, o departamento dirixido por Xesús Vázquez ten convocado 23.715 prazas para este proceso de recoñecemento de competencias.
Novas competencias
Como novidade, a convocatoria deste ano incorpora 86 unidades de competencia máis, ata chegar a un total de 178 nas que se poderán acreditar os participantes no proceso, correspondentes a 25 ciclos formativos, 9 máis que no 2012. Entre os campos profesionais novos obxecto desta convocatoria destacan os relacionados coa edificación e obra civil, con ciclos de construción e proxectos de edificación, coa imaxe persoal, como o ciclo de perrucaría, coa madeira e moble con ciclos como o de Instalación e amoblamento, cos Servizos Socioculturais e á Comunidade como o de atención a persoa sen situación de dependencia, cos campos profesionais como os de instalacións frigoríficas e de climatización e Instalacións de produción de calor, dentro da familia Agraria con unidades relacionadas coa Xardinería e floraría e no Turismo co campo de guías turísticos.
Deste xeito dáse resposta á demanda manifesta de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias profesionais, o que resulta de especial importancia no contexto económico e coas actuais taxas de desemprego.
Cómpre lembrar ademais que a Consellería conta cunha ampla experiencia no procedemento de acreditación. De feito, desde a súa participación no proxecto ERA (Evaluación, Recoñecemento e Acreditación) no ano 2003, vén realizando diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.