O conselleiro de Cultura e Educación anuncia ás universidades a elaboración dunha estratexia para coordinar todas as axudas dirixidas ao seu alumnado

No Consello Galego de Universidades comunicouse ademais que a Consellería de Facenda xa puxo a dispor destas institución académicas o informe que solicitaron sobre os criterios para aplicar, á maior brevidade, a rebaixa de masa salarial ao seu persoal

Nesta sesión plenaria deuse conta tamén do desenvolvemento do Plan de Financiamento neste ano, así como dos avances na tramitación parlamentaria da Lei do Sistema Universitario de Galicia

Someteuse ademais a informe a creación das Escolas Internacionais de Doutoramento da USC, UVigo e UDC

Xov, 16/05/2013 - 16:59
 O conselleiro de Cultura e Educación anuncia ás universidades a elaboración dun
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia ás universidades a elaboración dunha estratexia para coordinar todas as axudas dirixidas ao seu alumnado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe o Consello Galego de Universidades (CGU), onde anunciou que o seu departamento está a traballar nunha proposta para elaborar unha estratexia de planificación de todas as bolsas de axudas dirixidas ao alumnado universitario. O departamento educativo da Xunta de Galicia ten previsto reunirse coas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) a comezos do mes de xuño apra avanzar nesta tarefa, sempre desde o respecto á autonomía de cada unha destas institucións académicas.

O obxectivo, tal e como explicou Xesús Vázquez, é establecer unha estratexia conxunta “que poña enriba da mesa a totalidade de liñas de axudas que nestes momentos teñen como finalidade o mantemento da cohesión social e a igualdade de oportunidades no SUG”, de tal forma que se eviten duplicidades e se reforcen aqueles eidos nos que sexan necesarias máis bolsas.

Na sesión plenaria do CGU comunicouse ademais ás tres universidades do SUG que a Consellería de Facenda xa puxo á súa disposición o informe que, a petición propia das universidades, elaborou sobre os criterios para aplicar a rebaixa de masa salarial ao seu persoal. Serán a partir de agora as propias universidades, en aplicación da súa autonomía en materia de xestión de persoal, as que efectuarán os axustes precisos na súa masa salarial, que deberán aplicar á maior brevidade.

Nesta reunión analizouse tamén o reparto das contías vinculadas ao fondo estrutural e ao fondo de subvención por resultados - tras a sinatura esta mañá de contratos-programa coa UVigo e a UDC - no marco do Plan de Financiamento do SUG para o ano 2013. Así mesmo, Vázquez Abad deu conta dos avances na tramitación da Lei do Sistema Universitario de Galicia, que podería aprobarse no Parlamento en xuño; e da adaptación das titulacións do SUG á necesaria evolución do mapa de titulacións. Pola súa parte o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, informou aos representantes das universidades dos temas abordados na Conferencia Xeral de Política Universitaria – 12 de marzo- e na Conferencia Delegada de Política Universitaria -7 de maio-.

Ademais informouse favorablemente - entre outros asuntos- a creación das Escolas Internacionais de Doutoramento da USC, UVigo e UDC, que poderán contar por primeira vez con estes centros, de acordo co establecido na normativa reguladora de ensinanzas oficiais de doutoramento (Real Decreto 99/2011).

Axuste da masa salarial

Respecto do Plan de Financiamento, comunicouse ás universidades que é o momento de que comecen a aplicar os axustes da masa salarial do 5% esixido para o persoal ao servizo do sistema universitario de Galicia, en cumprimento da Lei de Orzamentos, que así o establece tamén para o persoal funcionario da Xunta de Galicia.

Neste sentido cómpre sinalar que foron as tres universidades do SUG as que solicitaron un estudio sobre a aplicación desta medida para acadar unha maior seguridade xurídica e homoxeneidade no proceso de axuste. A Consellería de Facenda aceptou esta petición e convocou varias reunións coas entidades integrantes do sistema universitario galego, co obxecto de coordinar posibles criterios comúns. Logo de escoitar ás entidades implicadas, elaboráronse un conxunto de criterios que se poderían empregar para aplicar o axuste baseándose no realizado co persoal da Xunta de Galicia. Finalmente, tras unha xuntanza da Comisión de Seguimento do Plan de Financiamento do SUG, pechouse a redacción definitiva do documento, do que se fixo entrega ás universidades a finais do pasado mes de abril.

Este documento ten pois como finalidade proporcionar pautas comúns de actuación para que estas apliquen a redución retributiva de acordo cos principios de universalidade, equidade e progresividade, sen prexuízo da competencia que cada unha delas ten atribuída en virtude da autonomía universitaria. Polo tanto, a partires deste momento, serán as propias universidades, en aplicación da súa autonomía en materia de xestión de persoal, as que efectuarán os axustes precisos na súa masa salarial.

Plan de Financiamento

Na reunión do CGU analizouse ademais o reparto das contías vinculadas á parte variable do Plan de Financiamento, nomeadamenteao fondo estrutural e ao fondo de subvención por resultados. Deste último o conselleiro salientou que os criterios de reparto xa quedaran fixados nos contratos-programa, para cuxa elaboración se mantiveron diversas reunións de traballo coas tres universidades galegas, e que esta mesma mañá asinaron os reitores da UVigo e a UDC, Salustiano Mato e Xosé Luis Armesto.

Así mesmo, o conselleiro indicou que xa se están a tranferir mensualmente os 22,4 millóns de euros que lles corresponderon ás universidades no marco do reparto da parte variable do financiamento estrutural, dos que a USC percibirá 8,8 millóns, a UVigo 8,1, e a UDC 5,4.

Nova lei de universidades

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia deu conta ademais aos membros do CGU dos avances na tramitación da nova Lei do Sistema Universitario de Galicia. Neste sentido, explicou que o normal desenvolvemento do procedemento parlamentario “levaríanos a contar coa nova Lei do SUG antes de finalizar o período de sesións, isto é, a finais de xuño”.

Por outra banda, Vázquez Abad lembrou que xa se está a traballar, en estreita colaboración coas universidades galegas, na necesaria evolución do mapa de titulacións do SUG, despois da folla de ruta que a Consellería proporcionou o pasado mes de abril ás universidades. Neste momento, a USC, UVigo e UDC están a recoller información relativa á súa situación actual, ás liñas de especialización por ramas de coñecemento de cada un dos sete campus, así como as perspectivas dos graos que non acadan a demanda mínima, graos que actualmente están duplicados no sistema universitario, e disposicións contidas nos respectivos plans estratéxicos das universidades.  Unha vez reunida, trasladarana á Consellería para poñer en común as achegas e suxestións enviadas coa finalidade de acadar un consenso sobre a definición do novo mapa de titulacións. 

Outros acordos

Na súa reunión de hoxe o pleno do CGU someteu a votación varios asuntos. Así, informouse favorablemente a creación das Escolas Internacionais de Doutoramento da USC, UVigo e UDC, dando así continuidade ao bo traballo das universidades galegas, “que no vindeiro curso académico terán a totalidade dos seus programas de doutoramento adaptados ao Real Decreto 99/2011”. Desta forma as universidades poderán contar por primeira vez con cadanseu centro de doutoramento – de acordo co establecido na normativa reguladora de ensinanzas oficiais de doutoramento-, unha vez se produza a autorización final por parte da Xunta de Galicia, que llo notificará o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a efectos da súa inscrición do Rexistro Universitario de Centros e Títulos.

Por outra parte, informouse – condicionado a unha información do Ministerio – o cambio de denominación do Grao en Enxeñaría da Edificación da UDC, que pasará agora a ser Gran en Arquitectura Técnica, tal e como solicitou a propia universidade. Tamén a petición da UVigo deuse o visto e prace á extinción do Grao en Consultoría e Xestión da Información – garantindo os dereitos académicos do estudantado que se encontre cursando neste momento a titulación - un xesto que o conselleiro destacou como “unha demostración do esforzo que están a realizar as universidades galegas par reorganizar e racionalizar a oferta, tendo en conta a súa adecuación ás necesidades reais da sociedade”.

Ademais, o pleno do CGU informou favorablemente a designación do reitor da USC, Juan José Casares Long, como representantes das universidades galegas no padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL).

Participantes

Na sesión plenaria do Consello Galego de Universidades celebrada hoxe na Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura) participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral e a subdirectora xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e Beatriz Soutelo Ferro.

Por parte das universidades estiveron presentes os reitores da USC, UVigo e UDC, Juan José Casares Long, Salustiano Mato de la Iglesiae Xosé Luis Armesto Barbeito; ademais Dos presidentes dos Consellos Sociais da USC e a UDC, Manuel Puga e Antonio Abril; e o director da Axencia para a Calidade do SUG, José Eduardo López Pereira.

Como membros elixidos pola Comisión de educación e Cultura do Parlamento de Galicia asistiron Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Ciencias de Educación de Ourense; Federico Vilas, catedrático da Facultade de Ciencias do Mar de Vigo; Carlos Pajares, da Facultade de Física de Santiago; Manuel Ladra, da Facultade Matemáticas de Santiago; e Mª Teresa Cancelo, decana da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.