Cultura e Educación asina contratos-programa coas universidades de Vigo e A Coruña que fixan os criterios para a subvención por resultados ata o 2015, que supón máis de 37 millóns para este ano

Cos segundos contratos-programa, péchase o desenvolvemento do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015

Esta partida supón o 10% do total anual que as universidades reciben da Xunta ao abeiro do Plan

Xov, 16/05/2013 - 13:47
Cultura e Educación asina contratos-programa coas universidades de Vigo e A Coru
Cultura e Educación asina contratos-programa coas universidades de Vigo e A Coruña que fixan os criterios para a subvención por resultados ata o 2015, que supón máis de 37 millóns para este ano

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou esta mañá os segundos contrato-programa cos reitores das universidades de Vigo e da Coruña, Salustiano Mato e Xosé Luis Armesto. A través destes contratos-programa, se fixan os criterios para o cálculo e asignación do crédito correspondente ao fondo subvención por resultados ata o ano 2015.

Deste xeito péchase o desenvolvemento do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2011-2015, que establecía que as contías asociadas ao devandito fondo se distribuirían en función de contratos-programa, un deles referido aos anos 2011-2012 e o segundo para os 2013,2014 e 2015. A Universidade de Santiago de Compostela asinará o seu contrato-programa nas vindeiras semanas.

Tal e como establecía o Plan, o importe do fondo de subvención por resultados nos anos de vixencia destes segundos contratos-programa –asinarase un con cada universidade– será do 10% do total dos créditos destinados ao financiamento das universidades do SUG. Así, no 2013 repartiranse ao abeiro destes contratos un total de  37.154.175,10 euros, mentres que as contías do 2014 e 2015 definiranse en base ás contías totais dos orzamentos destinados ao SUG para eses anos.

Indicadores

Para a asignación das contías do fondo de subvención por resultados teranse en conta os 20 indicadores acordados coas tres universidades xa en 2011, que abarcan 8 áreas de acción que definen as dimensións máis relevantes da actividade universitaria. Así, tomaranse como punto de partida os valores que as universidades acadaron en cada un destes indicadores no ano 2010, uns valores que quedaron xa recollidos no anexo do contrato-programa 2011-2012. Ademais, anualmente as universidades deberán presentar a medición dos resultados nestes 20 indicadores para efectuar o reparto, datos que serán verificados por unha auditoría externa, a fin de garantir a súa exactitude.

No ano 2013, o 50% do importe total do fondo repartirase segundo os resultados dos valores de 2010, e o outro 50% segundo os de 2012. Nos anos 2014 e 2015 os datos iniciais do 2010 suporán un 40 e un 30% do reparto, respectivamente; mentres que o resto do importe– 60 e 70%- distribuirase en función, en cada caso, dos valores dos anos 2013 e 2014.

Impulso da calidade universitaria

O fondo de subvención por resultados ten como obxectivo impulsar e fomentar a mellora da calidade e os resultados docentes, potenciar a actividade investigadora básica e aplicada; apoiar as actividades de responsabilidade social e de xestión.

Para iso, mídense indicadores arredor de 8 áreas de acción, nomeadamente adaptación ás necesidades sociais, docencia, investigación, transferencia de tecnoloxía, proxección internacional, responsabilidade social, xestión e campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Así, os indicadores valorados refírense a criterios como o tempo medio que tarda o alumnado en atopar emprego, a produción científica, o número de programas de doutoramento con mención de calidade e selo de excelencia, ou ous ingresos de investigación por proxectos competitivos, entre outros. Ademais, no referido aos campus non centrais, valórase especialmente o número de alumnos matriculados nos mesmo na súa opción preferida, a súa produción científica e sexenios.