Cultura e Educación lanza con Vegalsa-Eroski a campaña conmemorativa das Letras Galegas 2013, que chegará a todos os establecementos da rede comercial da empresa

O titular da Consellería, Xesús Vázquez, e o director xeral da compañía galega de distribución alimentaria, Joaquín González presentaron hoxe os materiais que Vegalsa-Eroski distribuirá para apoiar a efeméride achegándolle as figuras de Roberto Vidal Bolaño e de Rosalía de Castro á cidadanía

A colaboración entre as dúas entidades dálle continuidade á promoción da lingua e cultura propias de Galicia no marco das accións de responsabilidade social corporativa que está a desenvolver Vegalsa-Eroski

Lun, 13/05/2013 - 18:05
 Cultura e Educación lanza con Vegalsa-Eroski a campaña conmemorativa das Letras
Cultura e Educación lanza con Vegalsa-Eroski a campaña conmemorativa das Letras Galegas 2013, que chegará a todos os establecementos da rede comercial da empresa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski reafirman o compromiso común pola promoción da lingua e a cultura propias de Galicia, co lanzamento dunha nova campaña conmemorativa implementada en todos os establementos que integran a rede comercial da empresa con motivo das Letras Galegas 2013. Através dela, achegaranlle á cidadanía galega as figuras de Roberto Vidal Bolaño –a quen a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas nesta ocasión- e de Rosalía de Castro –cuxa publicación máis insigne, Cantares Gallegos, fai 150 anos este ano.

O supermercado Eroski-Center de Acea de Ama foi o espazo elixido para o acto de apertura da campaña, que consistiu nunha pegada de carteis sobre Vidal Bolaño e na presentación dunha tirada especial de bolsas conmemorativas de Cantares Gallegos, coa que a clientela habitual da rede de establecementos sumará –de xeito simbólico- a obra inaugural do Rexurdimento galego á súa cesta da compra.

Nel participaron o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada provincial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, e o rexedor municipal, Julio Sacristán. Tamén contou coa asistencia dos membros do equipo directivo de Vegalsa-Eroski, de asociacións de amas de casa e consumidores, asociacións veciñais e clientes/as.

En palabras do conselleiro “a Xunta de Galicia comprácese en celebrar canda Eroski a gran festa da lingua galega e en ceder un dos carteis que conforman a mostra gañadora do Concurso-Exposición Letras Galegas 2013 promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para que poida compartir cos seus clientes a festividade do 17 de maio”.Vázquez Abad destacou de Vegalsa-Eroski que “dunha maneira pioneira, inclúe a promoción e o uso da lingua galega nas súas liñas de responsabilidade social distinguíndose por facer visible a pluralidade e a riqueza lingüística de España e, en concreto, por ofrecerlle os seus produtos tamén en galego á clientela da nosa comunidade”.

Colaboración en dinamización lingüística

A Consellería de Cultura e Educación colabora, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa cadea de supermercados na realización de actuacións que redunden na dinamización do galego tanto na actividade coma no funcionamento da empresa, dándolle así cumprimento ás directrices sinaladas polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no sector empresarial e socioeconómico.

Ao abeiro da devandita colaboración, todos os establecementos de Eroski en Galicia exporán un cartel conmemorativo da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2013, o dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño. A imaxe é unha das que integran a exposición gañadora do certame escolar convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que este ano recaeu -por segundo consecutivo- no CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo.

Ademais, co gallo do 150.º aniversario da publicación deCantares Gallegos, Vegalsa-Eroski editou unha tirada especial conmemorativa de bolsas que incorporan no seu deseño fragmentos dun dos poemas pertencentes á obra rosaliana máis emblemática: “Cantarte hei, Galicia / teus doces cantares, / que así mo pediron / na beira do mare. / Cantarte hei, Galicia / na lingua galega / consolo dos males, / alivio das penas (Rosalía de Castro, 1863).

A colaboración con Vegalsa-Eroski inclúe tamén o apoio, en materia de asesoramento e supervisión lingüísticas, á edición en galego da revista Eroski, que conta con versión na nosa lingua desde hai case un ano.

Promover o galego desde a RSC das empresas

Vegalsa-Eroski constitúe todo un exemplo no compromiso e na promoción do uso do galego desde a responsabilidade social corporativa (RSC) dunha empresa radicada en Galicia que incopora e implementa diferentes actuacións a prol do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade entre as liñas de traballo prioritarias destinadas aos seus grupos de interese.

As devanditas conmemoracións das Letras Galegas 2013 conforman a iniciativa “Galeguidade”, que está a implementar a distribuidora alimentaria galega durante o mes de maio. Esta forma parte, á súa vez, dunha campaña máis ampla –denominada “Valores 2013”- coa que Vegalsa-Eroski concreta anualmente a RSC en sete iniciativas dirixidas a activar a sensibilización social, feito que constitúe un grande avance no impulso ao uso da lingua propia de Galicia desde o eido empresarial.