A Consellería de Cultura e Educación e Peugeot Citroën colaborarán na formación do alumnado de FP nas últimas tecnoloxías do automóbil, a prol da súa empregabilidade
Xesús Vázquez Abad asinou hoxe un convenio de colaboración co director do centro de produción en Vigo, ao abeiro do que a compañía cederá vehículos de última xeración a 4 centros educativos que imparten estas ensinanzas
Ademais o alumnado de ciclos formativos poderá realizar prácticas nas instalacións da empresa, coa que tamén se cooperará para a formación de profesorado
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director do centro de produción de Vigo da empresa Peugeot Citroën Automóviles España, Juan Antonio Muñoz Codina; asinaron hoxe un convenio a través do cal ambas as entidades colaborarán na formación do alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior nas últimas tecnoloxías do automóbil. Deste xeito a Consellería volve dar un paso adiante a prol da empregabilidade dos estudantes da FP galega, unhas ensinanzas que xa se teñen amosado como un sistema de oportunidades para o acceso ao mundo laboral.
Ao abeiro deste acordo, a empresa cederá á 4 centros educativos que imparten ensinanzas de Formación Profesional vehículos de última xeración cos que os estudantes poderán coñecer as últimas innovación e avances nas diferentes técnicas de deseño e construción destes produtos. En concreto, os vehículos serán cedidos ao IES As Mariñas (Betanzos), CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), IES Universidade Laboral (Ourense) e IES Porta da Auga (Ribadeo).Así mesmo, a empresa comprométese a dar continuidade ao desenvolvemento no seu centro de Vigo do período de Formación en Centros de Traballo (FCT) para alumnos de FP. De feito, entre o curso pasado e os que agora están facendo prácticas, pasaron xa pola compañía 172 estudantes.
Formación do profesorado
Ademais, o acordo establece unha colaboración para a orientación e actualización dos coñecemento do profesorado destas ensinanzas, coa axuda de expertos da compañía. Por outra banda, a empresa organizará visitas ao seu centro de produción na cidade olívica, con sesións de orientación, co obxectivo de estimular a formación técnica entre os estudantes de perfís profesionais deste eido, con especial atención ás mulleres.
Ao acto asistiron ademais o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez Fernández;así como membros da Dirección do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën e unha representación do Comité de Empresa.
Un acordo a prol do emprego
Tal e como explicou o conselleiro, esta iniciativa constitúe “unha sinerxía moi positiva da que se beneficia, neste caso, o alumnado, que ve mellorada a súa formación e as súas posibilidades de inserción no mundo laboral”. Neste sentido, agradeceu a colaboración de Peugeot Citroën, dando a oportunidade ao alumnado de coñecer as tecnoloxías máis punteiras no eido da automoción, “achegándonos así ao obxectivo de adaptar o alumnado ao contorno laboral, transferíndolle os coñecementos precisos e potenciando a súa empregabilidade futura”.
Neste sentido o conselleiro salientou a importancia de acordos como o hoxe asinado para formar unha forza de traballo “preparada e adaptada á realidade sociocultural da nosa comunidade”, na liña ademais das estratexias de crecemento da Unión Europea, “que apuntan a unha economía baseada no coñecemento e na innovación, que reforce os vínculos entre educación, empresa e investigación”.
Así mesmo, valorou moi positivamente a unión de forzas coa compañía para a actualización dos coñecementos do profesorado galego, “que está entre os mellor preparados de España e que demostra un alto nivel de esforzo e compromiso participando en accións formativas e actualizando os seus coñecementos durante toda a súa vida laboral, ao servizo dunha mellor atención ao seu alumnado”.
Pola súa parte, o director do centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, Juan Antonio Muñoz Codina, destacou que este acordo é unha mostra máis do “noso compromiso co entorno e, en especial, do noso interese por contribuír á mellora da formación de profesores e alumnos dos centros de formación profesional de Galicia”.