A Consellería de Cultura e Educación e mais a Universidade de Belgrano amplían a súa colaboración en prol da cultura e da lingua propia de Galicia

Xesús Vázquez Abad e Avelino Porto asinaron hoxe un convenio centrado na cuestión da promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas

O titular de Cultura e Educación e os directivos de Belgrano abordaron futuras liñas de traballo conxunto no eido da calidade e da innovación da formación universitaria

Pola tarde o representante da Xunta visitou oficialmente á Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e coñeceu de primeira man o Museo da Emigración

Xov, 02/05/2013 - 20:15
 A Consellería de Cultura e Educación e mais a Universidade de Belgrano amplían
A Consellería de Cultura e Educación e mais a Universidade de Belgrano amplían a súa colaboración en prol da cultura e da lingua propia de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o presidente da Fundación da Universidade de Belgrano, Avelino José Porto, subscribiron hoxe un convenio de colaboración, estratéxico para o ensino do galego e a difusión da nosa cultura na Arxentina, eque vén estreitar os lazos establecidos entre a Xunta de Galicia e este centro universitario. Asemade, Vázquez Abad fixo entrega de documentación das tres universidades galegas e iniciou contactos cos responsables da institución para chegar a un acordo de base que estableza futuras liñas de cooperación para procurar o incremento da calidade da formación universitaria e de uso das tecnoloxías da información e da comunicación. Neste sentido, estas conversas iniciais terán continuidade con contactos técnicos para avanzar nun protocolo de colaboración conxunto. A sinatura produciuse no marco da viaxe institucional á Arxentina, onde o conselleiro foi recibido polo delegado da Xunta, Alejandro López. Nesta xornada, en quenda de tarde, o titular de Cultura e Educación visitou oficialmente á Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e acudiu tamén ao emblemático Museo da Emigración Galega (MEGA).

Unha ferramenta para a promoción exterior da lingua e a cultura propias

O convenio –articulado a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística–instrumenta o desenvolvemento de accións conxuntas artelladas na docencia, a investigación e mais na promoción da lingua, literatura e cultura galegas non só no ámbito académico da Universidade senón tamén na súa área de influencia. Deste xeito, ambas entidades renovan a súa cooperación a prol da dinamización da lingua propia de Galicia no ámbito da educación superior da Arxentina, o país que aglutina a maior comunidade galega na diáspora.

Neste caso, o convenio céntrase na programación de actividades de extensión cultural e de fomento do uso do galego entre os membros da comunidade educativa desta prestixiosa universidade bonaerense. Asemade, este convenio virá darlle continuidade aos cursos extracurriculares de lingua, literatura e cultura galegas nos seminarios do ‘Instituto Universitario de Estudios Galegos’. Pola súa banda, a Consellería colaborará na realización das accións previstas, prestaralle orientación e apoio pedagóxico-didáctico, asesoramento técnico e impulsará campañas de divulgación.

Belgrano, un referente cultural e educativo

A Universidade de Belgrano, coa que se subscriben a devanditas colaboración, foi creada polo propio doutor Avelino Porto o 11 de setembro de 1964. Na actualidade conta con once facultades e catro unidades académicas de posgrao. Como institución dedicada á educación superior resulta preciso sinalar que comezou a incluír o galego na súa oferta educativa hai xa trinta anos e que cumpre un papel de referencial na promoción e na difusión da nosa cultura e idioma na súa área de influencia.

Reunión e visita oficial

De tarde o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad reuniuse coa Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e visitou na capital bonaerense o emblemático Museo da Emigración Galega en Arxentina (MEGA), unha institución dependente da Federación de Sociedades Galegas en Arxentina que este ano cumpre dez anos de vida e enmarca a súa actividade ao redor do feito migratorio.

O MEGA é unha institución de carácter permanente non lucrativa, ao servizo da sociedade e o seu desenvolvemento, aberta ao público, que adquire, protexe, conserva, investiga, comunica e exhibe o patrimonio material e inmaterial do colectivo galego vinculado á emigración, ao exilio e ao seu entorno, co propósito de estudio, educación e deleite do público.