A Consellería de Cultura e Educación proxecta un vídeo resumo para os máis pequenos sobre a historia do Museo Massó

A institución de Bueu presenta ‘Historia dun museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas’, un filme de debuxos animados que será proxectado ás 20,00 horas do día de mañá

Tras a emisión do vídeo, no que aparecen personaxes como os irmáns Massó, Marconi ou Colón, o colectivo de animación ‘Polo correo do vento’ interpretará un conto.

Xov, 02/05/2013 - 14:20
A Consellería de Cultura e Educación proxecta un vídeo resumo para os máis peque
A Consellería de Cultura e Educación proxecta un vídeo resumo para os máis pequenos sobre a historia do Museo Massó

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Massó, presenta unha nova actividade orientada aos máis pequenos e que pretende facer chegar aos rapaces e rapazas a historia da fábrica e do museo de Bueu a través dun vídeo de debuxos animados. A primeira proxección deste breve filme de 8 minutos terá lugar no día de mañá ás 20,00 horas no propio recinto expositivo e a entrada será de balde para todos os asistentes.

‘Historia dun museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas’ é o nome do vídeo no que a guía do museo, unha nena de 9 anos que se chama Udra, vai introducindo aos distintos personaxes que contan a historia da galería Massó, como Salvador e Gaspar Massó, o arquitecto Jacobo Estens, o inventor Guillermo Marconi, ou a asistenta social da fábrica, Ana María Soto, quen dobra ao seu propio debuxo animado. Ademais, na cinta tamén cobran vida personaxes históricos como Ptolomeo, Cristóbal Colón ou Blas de Lezo, debido a achega que fixeron á historia da navegación e que queda plasmada a través dos obxectos que se expoñen no museo.

Despois da proxección de ‘Historia dun museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas’, o colectivo de animación Polo correo do vento interpretará un conto no que a narración será ilustrada con debuxos realizados en tempo real. Ao final da xornada os asistentes recibirán debuxos dos fotogramas da película para que, unha vez coloreados, sexan entregados no Museo Massó onde se recompoñerán as secuencias do vídeo para os expor ao público.