O conselleiro de Cultura e Educación sinala as melloras realizadas CEIP Apóstolo Santiago como unha clara mostra do compromiso da Xunta de Galicia co ensino público

Vázquez Abad comprobou hoxe o funcionamento do novo comedor habilitado, que dá resposta ás demandas de ampliación deste espazo da comunidade educativa deste centro

O titular do departamento educativo da Xunta escoitou as demandas do equipo directivo e comprometeuse a analizalas para facelas realidade no futuro

Lun, 29/04/2013 - 17:50
O conselleiro de Cultura e Educación sinala as melloras realizadas CEIP Apóstolo
O conselleiro de Cultura e Educación sinala as melloras realizadas CEIP Apóstolo Santiago como unha clara mostra do compromiso da Xunta de Galicia co ensino público

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Apóstolo Santiago, na capital de Galicia, onde comprobou o funcionamento do novo comedor habilitado polo departamento que dirixe e que, xunto aos programas educativos que funcionan neste colexios, supuxeron un investimento total de 24.800 euros. Neste sentido Vázquez Abad sinalou estas melloras no centro como unha clara mostra do compromiso da Xunta de Galicia co ensino público, dando ademais resposta ás demandas da comunidade educativa, como era a de dispor dun espazo máis amplo onde prestar o servizo de comedor escolar. Ademais o conselleiro escoitou as demandas do equipo directivo do centro e comprometeuse a analizalas para facelas realidade, na medida das posibilidades, no futuro.

No seu percorrido polo centro, un dos máis antigos da cidade e no que estudan 100 alumnas e alumnos, o conselleiro estivo acompañado polo director do colexio, Francisco Xabier Baldomir Pego, e polo xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana.

O novo comedor escolar do CEIP Apóstolo Santiago foi instalado na planta baixa do edificio anexo ao colexio, con conexión directa co patio. Este cuarto poderá ser utilizado ademais como sala de usos múltiples, un espazo do que non dispoñía o centro ata este momento, e que era unha demanda da comunidade educativa e da ANPA. O novo espazo foi habilitado grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Santiago, xa que o centro comparte instalacións coa Escola Municipal de Música.

Novas tecnoloxías e plurilingüismo

No marco desta visita o conselleiro interesouse ademais polo desenvolvemento do Proxecto Abalar neste colexio. O CEIP Apóstolo Santiago, que xa contaba cun aula dixital, sumouse este curso a esta iniciativa de integración das novas tecnoloxías da información e comunicación no ensino, da que xa se benefician as alumnas e alumnos de 5º de primaria.

Así mesmo Vázquez Abad animou á comunidade escolar a continuar participando no programa de seccións bilingües da Consellería, que xa se está a aplicar en 1º e 2º de primaria neste colexio. Da mesma forma, gabou o traballo que se está a realizar na biblioteca escolar para o fomento do hábito lector e da alfabetización informacional, ao que o departamento educativo da Xunta de Galicia ten contribuído cunha achega de 7.750 euros.