A Consellería de Cultura e Educación e a USC colaborarán para fomentar o uso do galego entre os membros da comunidade educativa desta universidade

Xesús Vázquez Abad e Juan Casares Long asinaron hoxe un convenio de colaboración para a organización de iniciativas a prol do emprego da nosa lingua no contexto universitario, nomeadamente na docencia e nos materiais académicos

Lun, 29/04/2013 - 12:30
Xesús Vázquez Abad e Juan Casares Long asinaron hoxe un convenio de colaboración
Xesús Vázquez Abad e Juan Casares Long asinaron hoxe un convenio de colaboración

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o fomento do uso do galego entre os membros da comunidade educativa desta universidade. Deste xeito, ambas as entidades renovan a súa cooperación a prol da dinamización da lingua propia de Galicia no ámbito da educación superior, nomeadamente nos contextos académico e administrativo.

Este acordo complementa a colaboración que a USC e a Consellería manteñen ininterrompidamente desde 1994 para darlle continuidade á actividade de investigación que desenvolve o Instituto da Lingua Galega (ILG), ao que o departamento dirixido por Vázquez Abad tamén apoia -por medio do convenio entre a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega- na realización dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras e españois de fóra de Galicia que se desenvolven anualmente en Santiago de Compostela.

Formación e normalización

O acordo asinado hoxe contempla actuacións de formación e de normalización lingüísticas. No primeiro destas liñas de actuación, a USC comprométese a organizar unha decena de cursos para estudantes e persoal docente e investigador, co obxectivo de promover o uso do galego na redacción e no deseño de traballos de investigación, unidades didácticas e presentacións dixitais na actividade académica. Neste mesmo marco, ofertará cursos para non galego falantes dos niveis Básico I e Básico II.

Impulsarase tamén a lingua galega na redacción de traballos académicos, de fin de grao e de mestrado por medio dunha convocatoria de premios á mellor calidade lingüística nestes documentos. Así mesmo, a USC daralle continuidade ás campañas que xa vén desenvolvendo para incentivar a redacción e a defensa en lingua galega de teses de doutoramento.

O volume Termos esenciais de dereito civil, presentado a pasada semana, encádrase tamén neste convenio, no marco da campaña de dinamización lingüística ‘Témoslle LEI’; así como o apoio desde a USC á campaña 'Gústame o galego', que xa conta con gran popularidade entre o alumnado.

Dinamizar o galego desde as universidades

O asinado hoxe completa a renovación, por parte da Consellería de Cultura e Educación, da súa colaboración coas tres entidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), co fin de incrementar o uso da nosa lingua no espazo da educación superior e nas actividades que lle son propias, como a docencia, a investigación e a dinamización. Deste xeito, segue as directrices do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) que o Parlamento de Galicia  aprobou por unanimidade en 2004.

Ademais destes convenios anuais, a Xunta de Galicia participa canda as tres universidades da Comunidade Autónoma -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades- na Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, creada no ano 2009 co fin de darlle cumprimento puntual á proposta do devandito PXNLG para o ámbito do ensino de creación dunha “comisión estable” que asumise a planificación e a coordinación da política universitaria en Galicia prevendo a participación nela das tres universidades e mais da Administración autonómica.